Steven Paul "Elliott" Smith, nado en Omaha (Nebraska) o 6 de agosto de 1969 e finado en Echo Park (Os Ánxeles, California) o 21 de outubro de 2003, foi un cantante, compositor e multiinstrumentista estadounidense.

Traxectoria

Medrou principalmente en Texas, e pasou gran parte da súa vida en Portland, Oregón, onde comezou a conseguir popularidade. O seu instrumento principal foi a guitarra, aínda que tamén tocaba o piano, o clarinete, o baixo, a batería e a harmónica. Smith tiña un estilo vocal peculiar, caracterizado pola súa "entrega susurrante", e adoitaba a usar gravacións multipista para crear capas, texturas e harmonías de voces. Despois de tocar na banda de rock Heatmiser durante varios anos, Smith comezou a súa carreira en solitario en 1994, publicando traballos a través dos selos independentes Cavity Search e Kill Rock Stars. No ano 1997 fichou por DreamWorks Records e publicou dous álbums coa discográfica. A música de Smith chegou ao gran público cando a súa canción "Miss Misery", incluída na banda sonora da película Good Will Hunting (1997), foi nomeada ao Óscar á Mellor canción orixinal en 1998.

Smith bebía e usaba drogas e diagnosticáronlle trastorno por déficit de atención con hiperactividade (TDAH) e trastorno depresivo maior. Os seus problemas coas drogas e a súa saúde mental afectaron á súa vida e ao seu traballo, e adoitaban a aparecer nas súas letras. En 2003, con 34 anos, morreu nos Ánxeles, California, por dúas puñaladas no peito. A autopsia non puido determinar se as feridas foran autoinflixidas ou se se trataba dun homicidio. No momento da súa morte Smith estaba traballando no seu sexto álbum de estudio, From a Basement on the Hill, que foi postumamente rematado e publicado no 2004.

Discografía Álbums Álbum Ano Selo Roman Candle 1994 Cavity Search Elliott Smith 1995 Kill Rock Stars Either/Or 1997 Kill Rock Stars XO 1998 DreamWorks Records Figure 8 2000 DreamWorks Records From a Basement on the Hill 2004 ANTI-, Domino completado e rematado tras a súa morte

Notas

Categoría:Nados en Omaha, Nebraska Categoría:Nados en 1969 Categoría:Guitarristas dos Estados Unidos de América Categoría:Finados en 2003 Categoría:Vocalistas