Nemonte Nenquimo, nada na comunidade de Nemompare en 1985, preto do río Curaray, é unha líder dos huaorani de Pastaza, presidenta de Conconawep e cofundadora da organización indíxena Alianza Ceibo. No ano 2020 foi considerada pola revista Time como unha das 100 persoas máis influentes do mundo ese ano polo seu liderado na defensa do territorio dos huaorani fronte ao extractivismo das compañías petroleiras, o cal culminou no ano 2019 coa protección legal de máis de 180 000 hectáreas do territorio ancestral huaorani.
Traxectoria miniatura|Localización do Yasuní e territorio huaorani en Ecuador. Criouse na comunidade de Nemompare, na Amazonia ecuatoriana. O seu nome quere dicir "estrela" e púxollo o seu avó. A súa lingua nai é o huaorani, da cal é activista, e aprendeu castelán nun colexio evanxélico en Quito. Posteriormente, comezaría a aprender kichwa e inglés. Deixou a súa comunidade para estudar nun colexio misioneiro, pero acabou abandonándoo logo de decatarse que estaba sendo obrigada polos misioneiros a desbotar a súa cultura e identidade.
Regresou ao territorio huaorani co obxectivo de axudar ao seu pobo e comezou a súa traxectoria como activista lingüística e como dirixente xuvenil de mulleres e familias. Posteriormente dedicouse ao ensino dos nenos da súa comunidade. É unha dos membros fundadores da organización indíxena Alianza Ceibo, creada no ano 2015. Alianza Ceibo é a primeira organización amazónica que engloba os pobos siona, secoya, cofán e huaorani, e ten como obxectivo defender os seus territorios da minaría, da extracción petroleira e dos colonos.
A súa loita acadou sona internacional logo de que aparecese en varias reportaxes do escritor e produtor Mitch Anderson, fundador da organización Amazon Frontlines. Posteriormente, Nenquimo liderou varias demandas contra o estado de Ecuador en 2019, conseguindo unha vitoria xudicial para frear o avance de explotación petroleira na Amazonía.
Galardóns En 2020, Nenquimo foi galardoada co Premio Medioambiental Goldman.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Pobo huaorani Ligazóns externas Resistencia Waorani
Categoría:Nados en Ecuador Categoría:Ecoloxistas de Ecuador Categoría:Pobo huaorani Categoría:Nados en 1985 Categoría:Premio Medioambiental Goldman Categoría:Indixenistas de América Categoría:Mulleres líderes indíxenas Categoría:Activistas dos dereitos indíxenas