O Rally da Coruña de 1986 foi a 16ª edición de dito rally e a última proba da tempada 1986 do Campionato de Galicia de Rally.
Celebrouse o 8 de novembro de 1986, sendo cancelado aos poucos minutos de comezar debido a un accidente que provocou a morte dun espectador e feriu a varias persoas máis.
Itinerario Estaban programados 228,8 km de percorrido, dos cales 66,6 km eran cronometrados e estaban divididos en dez pasadas por catro treitos diferentes do seguinte xeito: dúas pasadas polos treitos de Cambre (3,6 km), e Ois-A Espenuca (6,6 km) e tres polos de Doroña (8,3 km) e Vilouzás (7,1 km).
Desenvolvemento O primeiro en tomar a saída foi o Renault 5 GT Turbo dos xa campións José Mora e Luís Moya, que pouco despois de arrincar saíuse da estrada e foi bater contra unha casa. Once minutos despois tomou a saída o coche número 18, outro GT Turbo pilotado polo vigués José Manuel Diz e copilotado por Germán Gómez. A poucos quilómetros da saída o piloto perdeu o control despois dun salto nun cambio de rasante e precipitouse sobre o público. O vehículo golpeou fortemente a Fernando Alonso Vilán, un veciño do Graxal de 36 anos que se atopaba filmando o rally en vídeo, falecendo ao instante. Ademais resultaron feridas varias persoas, a maioría nenos, dous deles de gravidade. Os feridos foron trasladados ao Hospital Universitario da Coruña e ao materno infantil Teresa Herrera.
A Escudería Centollo, organizadora do rally decidiu a suspensión total deste e non se declarou ningún gañador.
Xuízo Case cinco anos despois, en outubro de 1991 celebrouse na Coruña un xuízo no que se condenou ao piloto José Manuel Diz a unha multa de 20.000 pesetas, a retirada do carné de conducir durante dous meses e a pagar unha indemnización de 14 millóns de pesetas. Ademais obrigouse a dúas compañías aseguradoras a facerse cargo das indemnizacións, así como á Escudería Centollo.
A sentenza concluíu que Diz debería ter reducido a velocidade ao detectar espectadores no bordo da estrada. O presidente da Escudería Centollo foi absolto do delito de imprudencia e da falta de neglixencia, dos que estaba acusado.
Notas
Categoría:Rally da Coruña Categoría:Tempada 1986 do Campionato de Galicia de Rally