Samuel Folgueral Arias, nado en Ponferrada o 9 de outubro de 1963, é un ex copiloto de rallys e político español.
Foi concelleiro de Ponferrada dende 2011 e converteuse en alcalde o 8 de marzo de 2013 tras unha moción de censura no concello. Nas derradeiras eleccións de 2023 o seu grupo non se presentou, polo que perdeu a representación que tiña no concello.
Traxectoria Estudou arquitectura na Coruña, onde foi membro do equipo editorial da revista Ruptura dende a súa fundación en 1989.Enrique Santos Gayoso, Historia de la prensa gallega, 1800-1986, Vol. 2, Ediciós do Castro, 1995, ISBN 8474927676 p. 307.
A principios dos anos 2000 adentrouse no mundo dos rallys, como copiloto de Conrado Fernández primeiro e de Antonio Garrido despois.
Política Nas eleccións municipais de maio de 2011, encabezou a candidatura do PSOE á alcaldía de Ponferrada, obtendo 8.433 votos e 8 concelleiros. 5 concelleiros obtivo a candidatura de Independientes Agrupados de Ponferrada (IAP) e 12 a do Partido Popular (PP), cuxo cabeza de lista, Carlos López Riesco, foi elixido alcalde.
O 25 de febreiro de 2013, os oito concelleiros do PSOE e os 5 do IAP presentaron unha moción de censura, apoiada por todas as executivas do PSOE, dende a Federal ata o local, pasando pola Autonómica, a Provincial e a Comarcal.
A moción de censura foi votada o 8 de marzo de 2013, sendo Samuel Folgueral elixido alcalde cos 13 votos favorables do PSOE e IAP e os 12 en contra do PP.
Foi entón cando a líder socialista Carme Chacón, que non se tiña pronunciado nos días transcorridos entre a presentación e o voto sobre a moción de censura, manifestouse en contra da moción por ter sido votada por Ismael Álvarez (presidente de IAP e concelleiro do Concello de Ponferrada), protagonista do caso Nevenka. A continuación producíronse numerosas manifestacións ao respecto dos políticos nacionais nas redes sociais e medios de comunicación, e ás 8 da tarde Alfredo Pérez Rubalcaba, naquel momento secretario xeral do PSOE, ordenou a Samuel Folgueral que dimitise como alcalde.
Este deuse de baixa do PSOE, pero negouse a renunciar ao cargo de alcalde, provocando varias reaccións e declaracións políticas a nivel nacional. Ocupou o cargo ata as eleccións de 2015, para as que fundou un novo partido, Unión Social de Electores do Bierzo (USE Bierzo), co que obtivo cinco escanos. Ao non conseguir chegar a un acordo as demais forzas, asumiu a alcaldía a líder do partido máis votado, Gloria Fernández Merayo, do Partido Popular.
Folgueral presentouse de novo á alcaldía nas eleccións de 2019, encabezando de novo o USE Bierzo pero obtendo só dous concelleiros.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Resultados de Samuel Folgueral en ewrc-results.com .
Categoría:Nados en Ponferrada Categoría:Nados en 1963 Categoría:Alcaldes de Ponferrada Categoría:Políticos do PSOE Categoría:Alcaldes de Ponferrada