Josefina Faen-Faen Ling Ling, nada en Madrid. É unha astrónoma, profesora e investigadora da Universidade de Santiago de Compostela e do Observatorio Astronómico Ramón María Aller. No ano 2014 recibiu o Premio Edmond Girard, concedido pola Sociedade Astronómica de Francia.

Traxectoria Josefina Ling estudou o primeiro ciclo da licenciatura en Matemáticas na Universidade Autónoma de Madrid e logo decidiu trasladarse á Universidade Complutense de Madrid para estudar a especialidade de Astronomía, Mecánica e Xeodesia. Posteriormente en 1983 trasladouse a Santiago de Compostela, realizando o doutoramento na Universidade de Santiago de Compostela (USC).

É profesora titular da área de Astronomía e Astrofísica no departamento de Matemática Aplicada da USC, e traballa como investigadora e divulgadora no Observatorio Astronómico Ramón María Aller. Tamén foi secretaria do equipo de goberno da Facultade de Matemáticas desde 2009 até 2017.

A súa investigación céntrase nos Sistemas Estelares Dobres e Múltiples, na mecánica celeste e na contaminación luminosa. Ten participado en numerosas campañas de observación astronómica, en diferentes observatorios internacionais, para a obtención posicións relativas destes astros utilizando técnicas micrométricas e de interferometría speckle. No transcurso dunha delas descubriu a estrela dobre, LING 1, situada na constelación de Cassiopeia. É membro da Comisión G1da Unión Astronómica Internacional e asesora científica da Sociedade Astronómica de Francia.

Pertence á Comisión Muller e Astronomía da Sociedade Española de Astronomía, e desenvolve unha importante actividade divulgadora, participando en actividades para fomentar as vocacións femininas en ciencias como Unha enxeñeira ou científica en cada cole. Foi comisaria, xunto con Eulalia Pérez Sedeño, da exposición "Con A de Astrónomas", e coordinou o calendario "Astrónomas que fixeron historia". É unha das científicas da axenda feminista 2016 do Observatorio da Mariña pola Igualdade e do proxecto Donas do código.

Recoñecementos En 2010 recibiu o I premio á Introdución da Perspectiva de Xénero na Docencia da USC, e en 2014 o premio Edmond Girad da Sociedade Astronómica de Francia.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

Mulleres ninguneadas na Ciencia no programa Vivir Aquí da TVG

Biografía na exposición Astrónomas

Categoría:Nados en Madrid Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Profesores da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Matemáticos de Galicia