O Ilves Naiset, ou simplemente Ilves, é un equipo feminino de hóckey sobre xeo da cidade de Tampere (Finlandia). Actualmente compite na Auroraliiga, a máxima categoría do hóckey sobre xeo feminino finlandés, sendo un dos equipos fundadores da competición e o único que disputou todas as edicións da mesma. Logo de ter empregado distintas pistas da cidade, na década de 1980 o equipo xogou na pista de xeo de Koulukatu, e dende 1989 xoga os seus partidos como local no Tesoman jäähalli, un pavillón con capacidade para 1 500 persoas.
Comezou as súas operacións contra o ano 1971 e inicialmente xogaba contra equipos masculinos de categoría júnior ata que en 1982 comezou a competir de xeito oficial na recentemente creada Naisten SM-sarja. Trátase do segundo equipo máis laureado do hóckey sobre xeo feminino finlandés, tendo dominado o campionato nacional durante a última metade da década de 1980 e os primeiros anos da década de 1990. O equipo gañou o seu primeiro campionato en 1985 e logo conquistou nove campionatos máis, se ben a última vez que gañou o campionato foi en 2010, e cun total de 28 medallas (10 de ouro, 12 de prata e 6 de bronce) é o equipo con máis metais da historia da competición. En 2011 Ilves Naiset converteuse no único equipo feminino finlandés en alzar un título continental logo de conquistar a IIHF European Women's Champions Cup.
Ao longo da historia do equipo pasaron polas súas filas algunhas das xogadoras máis destacadas do hóckey sobre xeo feminino finlandés. Sete antigas xogadoras do equipo ingresaron no Salón da Fama do Hóckey sobre Xeo Finlandés, unha delas, Anne Haanpää, pola súa traxectoria na arbitraxe. O Ilves retirou os números 10, 15 e 16 en honor a Anne Haanpää, Johanna Koivula, e Marianne Ihalainen respectivamente. Ademais, tres mulleres do equipo foron homenaxeadas no chamado "Ilves Hockey Legends", no que están incluídas algunhas das personalidades máis destacadas do equipos de hóckey sobre xeo do Ilves, tanto en categoría feminina como na masculina.
Historia
Inicios miniatura|esquerda|250px|Lasse Oksanen (á dereita) foi o principal impulsor do hóckey feminino no Ilves. Se ben o Ilves foi fundado como club no instituto Tampereen Lyseo o 10 de abril de 1931 e comezou axiña a práctica do hóckey sobre xeo en categoría masculina, non foi ata case corenta anos máis tarde cando o club comezou a desenvolver o hóckey sobre xeo feminino co pulo do xogador estrela do equipo masculino Lasse Oksanen en 1971.
Durante as súas primeiras tempadas o Ilves era o único equipo feminino de Tampere, polo que buscou opoñentes nos equipos júnior masculinos e adestraba na pista de Kaukajärvi ata que na década de 1980 as mulleres do Ilves puideron trasladarse á pista de xeo de Koulukatu, non sen dificultades para desempeñar o seu labor na emblemática pista.
Primeiras tempadas miniatura|250px|Ilves debutou na primeira tempada da Naisten SM-sarja na pista de xeo de Koulukatu o 27 de novembro de 1982. O Ilves participou no Torneo Lipstick, un torneo que é considerado o campionato feminino non oficial entre 1978 e 1982, levando o título en 1980, 1981 e 1982.Panel de descrición da copa do Torneo Lipstick na exposición do Museo finlandés do hóckey sobre xeo na primavera de 2023 (consultado o 30 de abril de 2023). En 1982 foi un dos equipos fundadores da Naisten SM-sarja. No seu debut o equipo de Tampere finalizou a primeira fase da competicón na primeira posición do grupo A, no que contou todos os seus partidos por vitorias, mais finalmente tivo que conformarse coa medalla de prata como subcampión por detrás do HJK de Helsinqui.
Na segunda tempada da máxima competición do hóckey sobre xeo feminino finlandés, o Ilves quedou encadrado no grupo central, no que conseguiu novamente finalizar na primeira posición a primeira fase de competición sen perder ningún partido. Na fase final o Ilves concluíu na terceira posición, conseguindo tan só unha vitoria fronte ás Tiikerit de Hämeenlinna.
Época dourada 300px|miniatura|esquerda|A Sammon Malja, trofeo entregado ao equipo campión da SM-sarja. A partir da segunda metade da década de 1980 o equipo viviu a súa mellor etapa, conseguindo oito títulos ligueiros en nove anos liderado por xogadoras como Anne Haanpää, Marianne Ihalainen ou Tiia Reima entre outras.
En 1985, logo de conseguir unha medalla de bronce na tempada anterior, o Ilves conseguiu o seu primeiro campionato nacional, iniciando deste xeito unha xeira de catro anos consecutivos alzándose como campioas. Na tempada 1985-86 gañou todos os partidos que disputou para alzar o campionato finlandés por segunda tempada consecutiva.
O ano seguinte o equipo conseguiu o terceiro título consecutivo. O novo campionato nacional chegou logo dunha tempada de 14 partidos na que o Ilves tan só perdeu un encontro, mentres que o cuarto campionato consecutivo chegou en 1988, nunha tempada na que de novo as xogadoras do Ilves gañaron os 14 partidos que disputaron, moitos deles con moita comodidade. Esa mesma tempada o equipo de Tampere disputou un torneo internacional en Suíza no que chegou á final, na que perdeu fronte ao combinado suízo (6-4).
Logo de catro anos consecutivos alzándose como campión, o equipo de Tampere tivo que conformarse coa prata na tempada 1988-89. A pesar de non perder ningún partido e ser o equipo máis goleador, o Ilves finalizou a liga cos mesmos puntos que o EVU (25), polo que o vencedor se decidiu nunha final entre ambos os dous equipos que se decantou a favor do equipo de Vantaa nos shootouts. En agosto de 1989 inaugurouse o Tesoman jäähalli, un pavillón con capacidade para 800 persoas, que pasou a converterse na casa do Ilves. miniatura|250px|O Tesoman jäähalli converteuse na casa do Ilves Naiset logo da súa finalización en 1989. Na imaxe o seu interior logo da remodelación de 2017. Na tempada 1989-90 introducíronse os play-offs na SM-sarja, consistentes en dúas roldas: semifinais e finais, coa disputa dun partido pola medalla de bronce entre os equipos perdedores das semifinais. O Ilves foi un ano máis o equipo máis goleador, mais as derrotas fronte ás Shakers de Kerava na casa (2-3) e en Vantaa fronte ao EVU (1-0) relegaron o equipo á segunda posición da liga regular. Logo de eliminar as Shakers nas semifinais as xogadoras do Ilves alzaron o seu quinto título en oito anos, logo de derrotar a EVU en dous partidos.
As linces aínda gañaron tres títulos máis de xeito consecutivo nos primeiros anos da década de 1990, e durante máis dunha década o equipo conseguiu algunha medalla cada tempada. En 1991 gañou todos os seus partidos de liga e, logo de desfacerse das Ässät nas semifinais impúxose ás Shakers na final en dous partidos. Dous empates cedeu en 1992 o equipo dirixido por Kimmo Leinonen, que se volveu impoñer ás xogadoras de Kerava nas finais. Na tempada seguinte, coa chegada de Markku Hannunkivi ao banco do equipo de Tampere o equipo finalizou na segunda posición a liga regular, aínda que acabou impoñéndose nas finais ás Shakers un ano máis. Co título conseguido en 1993 o equipo puxo fin á súa etapa máis exitosa e iniciou un período de 12 anos sen conquistar ningún campionato, principalmente polo ascenso de Espoo Blues, que se acabou convertendo no gran dominador dos primeiros anos do século XXI.
O final dunha era Nas tempadas 1993-94 e 1994-95 a loita polo campionato entre o Ilves e as Shakers continuou. En 1994 as xogadoras de Tampere clasificáronse para o grupo final na primeira fase da liga logo de rematar na terceira posición, a mesma que ocupou na fase final, clasificándose para os play-offs. Logo de derrotar o Kiekko-Espoo nas semifinais, o Ilves disputou a final un ano máis fronte ás xogadoras de Kerava, mais desta volta as do lince tiveron que conformarse coa medalla de prata. O equipo conseguiu o mesmo resultado na tempada seguinte, cando logo de finalizar na segunda posición en ambas as fases, o equipo eliminou nas semifinais dos play-offs o KalPa de Kuopio, antes de caer na final fronte ás Shakers.
Nas dúas tempadas seguintes o equipo de Tampere non conseguiu clasificarse para os play-offs. A pesar de finalizar na cuarta posición a primeira fase de competición na tempada 1995-96, a mala liga regular do Ilves levou o equipo á quinta praza, poñendo fin así á tempada sen conseguir ningunha medalla, un feito insólito na historia do Ilves ata o momento. A mesma historia repetiuse un ano despois, cando o equipo finalizou a primeira fase na terceira posición, e caeu na liga regular ata a quinta posición. miniatura|esquerda|A veterana Marianne Ihalainen foi unha das líderes do equipo durante a tempada 1997-98. Logo de dous anos sen loitar polo título, o Ilves experimentou unha mellora na tempada 1997-98 da man de Antti Kallioinen e Ville Tolvanen no banco. A vella garda, con Tiia Reima, Sari Fisk e Marianne Ihalainen seguiu liderando o equipo, que finalizou a primeira fase e a liga regular na terceira posición, o que lle permitiu disputar de novo os play-offs. Logo de caer nas semifinais fronte ás Kärpät, o equipo tivo que disputar o partido polo bronce fronte ao Kiekko-Espoo, caendo na final de consolación, polo que sumou un ano máis sen conseguir ningunha medalla.
En 1999 volveron as medallas ao club de Tampere logo de que as xogadoras dirixidas por Kallioinen e Tolvanen se impuxesen ás Kärpät no partido polo bronce. Antes do inicio da tempada seguinte produciuse unha mudanza no banco do Ilves, que contratou a Tapio Koho como novo adestrador xefe. O equipo conseguiu o mesmo resultado da tempada precedente logo de caer contra as Kärpät nas semifinais nunha serie moi disputada que tivo que ir ao quinto encontro, e tivo que xogar o partido polo bronce fronte ao JYP de Jyväskylä, ao que se impuxo por un claro 10-2.
Na tempada 2000-01 o equipo empeorou o seu rexistro ao sumar 17 puntos, aínda que melloraron no grupo final e acabaron a tempada sumando unha nova medalla de bronce, a terceira consecutiva. Ao finalizar a tempada, Marianne Ihalainen retirouse da práctica do hóckey sobre xeo logo de 19 anos, toda a súa carreira, no Ilves, sendo unha das debutantes na primeira edición da Naisten SM-sarja na tempada 1982-83. Con todo, foi na tempada seguinte cando o equipo tivo os seus peores rexistros, xa que por primeira vez na súa historia encaixou máis goles dos que anotou, tanto na primeira fase como no grupo final, non conseguiu máis que dúas vitorias en 12 partidos, e non conseguiu gañar ás súas veciñas do Tappara ningún dos dous partidos que disputaron. Aínda así, grazas aos seus cinco empates clasificouse para disputar o grupo final. A terceira posición conseguida neste fixo que as linces se cruzaran nos cuartos de final co Tappara, segundas clasificadas no grupo de promoción/descenso. Logo de superar as súas veciñas caeron no quinto partido das semifinais en Helsinqui fronte o IHK, e no partido polo bronce non puideron superar as Kärpät.
O regreso de Ihalainen Logo dun ano afastada do hóckey sobre xeo, Marianne Ihalainen volveu ao equipo para a tempada 2002-03, desta volta como adestradora, cargo no que permaneceu ata 2006. Coa chegada de Ihalainen chegaron de novo as medallas. Na súa primeira tempada como adestradora do equipo o Ilves clasificouse para as series e superou nos cuartos a Tappara e, se ben caeu nas semifinais fronte ás Blues, conquistou o bronce fronte o IHK. A progresión do equipo continuou nas tempadas seguintes, conseguindo dúas pratas e un campionato nas seguintes tres tempadas. Na tempada 2003-04 o equipo clasificouse directamente para as semifinais ao finalizar segundo na liga regular. Logo de superar as Kärpät nas semifinais as de Tampere enfrontáronse ás Blues, mais non foron quen de superar as de Espoo, que se adxudicaron a Sammon Malja pola vía rápida (3-0). Unha situación similar produciuse na tempada seguinte. Nas semifinais derrotaron as Kärpät, e na final fronte ás Blues perderon de novo en tres partidos.