Ricardo Vidal Rodríguez, nado en Pasarela (Calo, Vimianzo) en 1950, é un ex piloto de rallys e preparador de vehículos galego. Competiu durante anos no Campionato de Galicia de Rally e nos anos 70 fundou o equipo de competición AR Vidal. É pai dos pilotos Amador e Ricardo Vidal e tío do copiloto Francis Lema.

Traxectoria Comezou traballando nun taller de barcos en Cereixo aos catorce anos de idade e tras traballar noutros talleres da Coruña e estudar formación profesional como torneiro marchou a Suíza. Alí traballou en General Motors e Ford e ao pouco tempo volveu a Galicia. En 1975 comezou a montar en Pasarela AR Vidal, que abriu as súas portas en xaneiro de 1976 como un taller mecánico principalmente de camións e tractores Barreiros e coches Simca e Dodge, e que se foi especializando cos anos na preparación de coches de competición, sendo da marca Peugeot os primeiros.

Os coches preparados por Vidal gañaron o Desafío Peugeot do Campionato de España de Rallys nos anos 1994, 1995, 1996 e 1999, pilotados por Sergio Vallejo, Manuel Muniente, Miguel Fuster, e Roberto Solís respectivamente. Nesa época tamén competía el mesmo, principalmente no Campionato de Galicia. Comezou cun Peugeot 205 Rallye e correu tamén cun Peugeot 309 GTI e un Peugeot 106 XSI. Correu tamén no Campionato de Galicia de Autocross, rematando subcampión en 2004.

Nos anos 2000 pasou a preparar coches de Mitsubishi, como os do peruano Ramón Ferreyros ou o portugués Rui Madeira, que competiron no Campionato do Mundo con coches de AR Vidal e lograron varios podios no grupo N. Outro dos pilotos que conduciron os coches de Vidal foi o seu fillo Amador, que gañou en 2004 o Desafío Peugeot e que se puxo á fronte do equipo tras a retirada do pai. Amador gañou anos despois o Campionato de España de Rallys de Terra en dúas ocasións, mentres que o seu outro fillo, Ricardo, tamén corre en rallys. Notas

Véxase tamén

Outros artigos

Manuel Senra

Categoría:Nados en Vimianzo Categoría:Nados en 1950 Categoría:Pilotos de rally de Galicia Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes