O verde de metilo (CI 42585) é unha tinguidura catiónica (cargada positivamente) relacionada co verde de etilo, que foi utilizada para tinguir o ADN desde o século XIX. Era utilizado para tinguir os núcleos das células como parte da tinguidura Unna-Pappenheim clásica ou como contratinguidura nuclear desde entón.
En anos recentes, as súas propiedades fluorescentes cando se une ao ADN fixérono útil para obter imaxes de luz vermella distante de núcleos de células vivas. A tinguidura fluorescente do ADN utilízase de rutina para facer a prognose do cancro. O verde de metilo estase convertendo tamén nunha alternativa para a tinguidura do ADN en xeles de agarosa, ensaios fluorométricos e citometría de fluxo. Tamén se viu que se pode utilizar como unha tinguidura de exclusión de viabilidade de células. A súa interacción co ADN é non intercalante, é dicir, non se insire dentro da molécula de ADN, senón que interacciona electrostaticamente na superficie do suco maior do ADN. Utilízase en combinación coa pironina na tinguidura verde de metilo-pironina, que tingue e diferencia o ADN do ARN.
Cando se excita a 244 ou 388 nm en solución acuosa neutra, o verde de metilo produce unha emisión fluorescente a 488 ou 633 nm, respectivamente. A presenza ou ausencia de ADN non ten efecto sobre estes comportamentos fluorescentes. Cando se une ao ADN en condicións acuosas neutras, o verde de metilo faise tamén fluorescente no vermello distante cun máximo de excitación de 633 nm e un máximo de emisión de 677 nm.
As preparacións comerciais de verde de metilo están a miúdo contaminadas con cristal violeta, o cal pode ser eliminado por extracción con cloroformo.
Notas
Categoría:Tinguiduras