O Lameiro é un lugar da parroquia de Mañufe, no concello pontevedrés de Gondomar na comarca do Val Miñor. Segundo o INE en 2019 tiña 33 habitantes (18 homes e 15 mulleres).
Atópase a 1,3 km do centro da vila de Gondomar e a 10 metros sobre o nivel do mar.
Descrición O Lameiro é unha entidade de poboación de Mañufe, constituída por un conxunto de 16 vivendas nunha contorna paisaxística marcada polas ribeiras das canles fluviais do río Pequeno (coñecido como Río do Torno, na zona) e o río Miñor.
Historia e xeografía Como en boa parte do territorio de Mañufe, os terreos de cultivo cumpriron unha función aglutinadora dende tempos afastados para familias de labregos. O contorno fluvial favoreceu a irrigación e as enchentes anuais contribuíron coa achega de sedimentos e un contorno húmido sobre todo nas terras máis próximas ás ribeiras. Se ben o século XX cambiou os contextos de habitabilidade na zona, sendo agora máis residencial que labrega, estas terras foron ricas en trigo, millo, centeo, patacas, legumes, liño, viño, hortaliza, froitas, e pastos polo menos até o século XIX.
Desta época eminentemente labrega, quedan restos como o do Acueduto da Ponte na Levada do Bravo que entraba polos barrios veciños de Texosa e Ponte. O microtopónimo As Poldras é outra pegada destes tempos, que segundo interpretación de Soliño Troncos, dá unha idea da existencia deste tipo de pasos para o gando equino.
A paisaxe espallada de vivendas neste lugar, amosa certa unidade grazas ao trazado dos camiños que comunican Lameiro cos outros barrios da parroquia. Destaca o que une a entidade coas veciñas da Cruz e o igrexario de Mañufe na Moreira, coñecido como Camiño do Verdeal. Rueiro que tería unha orixe prerromana segundo defende a profesora Elisa Ferreira e recolle na súa obra Soliño Troncoso. Actualmente o tramo que vai paralelo ao Miñor e une Lameiro ao leste con Ponte e ao oeste con Cruz, forma parte da estrada provincial PO-2304 . O tramo que sobe dende o barrio de Verdeal até Moreira corresponde á rúa Leopoldo Pérez.
Outra vía de interese é O Camiño dos Defuntos que comunica as terras da ribeira sur do Miñor pertencentes aos lugares de Rapadouro e Lameiro co camiño do Verdeal. A posible orixe do topónimo "dos defuntos", estaría relacionado por ser o paso histórico dos veciños das zonas antes mencionadas cara ao cemiterio e igrexario da parroquia, segundo recolle o historiador Anxo Rodríguez Lemos.
Notas
Lugares e parroquias Lugares de Mañufe
Parroquias de Gondomar
Categoría:Lugares de Gondomar Categoría:Mañufe, Gondomar