O Segar's Roll é un armorial inglés que data de arredor de 1282. O orixinal perdeuse contra mediados do século XVII, mais consérvanse varias copias, algunha delas en facsímile. Nel documéntase o testemuño máis antigo coñecido do escudo de Galiza.

Características Este armorial era un auténtico rolo de armas (roll of arms) cuxo pergamiño medía uns 2,97 m de longo e 15 cm de largo. Recibe o nome do seu último propietario, William Segar, e datouse grazas á aparición dun personaxe que sucedeu na súa casa en 1281 e doutros dous que finaron no ano seguinte.

Aínda que o orixinal desaparecera a mediados do século XVII, del fixéronse cinco copias, catro ilustradas e unha brasonada. A máis fiel e temperá copia facsimilar foi realizada contra 1600 e consérvase na que é a máxima autoridade heráldica de Inglaterra: o College of Arms. Unha segunda copia facsimilar, mais de inferior cualidade, áchase na Society of Antiquaries of London e data de 1640. Das dúas ilustradas que restan, ambas sen corar, unha está tamén no College of Arms e a outra na Biblioteca Británica, datando dos anos 1600 e 1605 respectivamente. Por último, a brasonada atópase no Stratford Shakespeare Trust.

Tiña pintados 212 escudos de armas en ringleiras de catro, pertencentes a reis e a diferentes estamentos da nobreza inglesa. Xunto a outros escudos de monarquías europeas aparece a primeira representación coñecida do escudo de Galiza: tres cálices de ouro sobre un campo de azur. Trátanse dunhas armas falantes, pois indubidabelmente o autor do Segar atribuíu ó «rey de Galyce» o símbolo do cáliz debido á proximidade fonética existente na lingua anglonormanda entre «Galice» (Galiza) e «calice» (cáliz).

Galería de imaxes

Notas

Referencias

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos Sherborne Missal

Ligazóns externas

Categoría:Armoriais