Electo Carballo Matos, nado no Portádego (Rutis, Culleredo) o 5 de agosto de 1892 e finado no mesmo lugar o 18 de xullo de 1949, foi un político galego.
Traxectoria Fillo dun fabricante de zapatos e reloxeiro do Portádego, estudou o bacharelato na Coruña. Despois marchou a Arxentina, onde un irmán era farmacéutico. Retornou e fundou en 1910 a "Sociedad Recreativa La Verdad de la Villa de Rutis", da que foi elixido presidente.
Rexentou o taller de reloxería e candidatouse as eleccións municipais de 1931 dentro das listas republicanas. Denunciou alteracións do proceso electoral, primeiro nun mitin en Vilaboa e posterior manifestación ata o goberno civil na Coruña, e logo xudicialmente. Repetidas as eleccións en maio dese ano, xa establecida a II República, foi escollido concelleiro con 548 votos, sendo militante da Organización Republicana Gallega Autónoma, como o resto da corporación municipal.
Foi elixido alcalde de Culleredo o 18 de febreiro de 1932. Isto foi nun pleno extraordinario que previamente cesara a Manuel Lastres Abente, que exercía de alcalde dende maio de 1931, por desatención das súas funcións ata o extremo de "impedir a boa marcha da administración" segundo se recolle na acta.
Traballou en diferentes eidos para conseguir a autonomía de Galicia. Xa como concelleiro, en outubro de 1931, participou na asemblea de parlamentarios da Federación Republicana Galega na Coruña, canda a Ramón Otero Pedrayo, Castelao e Antón Vilar Ponte, entre outros, que debatiu un proxecto de Estatuto. Logo, en 1932, como alcalde, participou do 17 ao 19 de decembro, na Asemblea de Concellos Pro-Estatuto en Santiago de Compostela, integrándose na Sección 3ª sobre as atribucións da Rexións. Electo Carballo tamén defendeu activamente que a capitalidade galega debía fixarse na Coruña. Con todo, tanto o alcalde como a corporación local apoiaron o Estatuto.
Sendo alcalde inauguráronse as escolas de nenas do Portádego e na Silva (Almeiras), e, no ano 1932, incautouse o cemiterio de Rutis, que pasou a ser municipal. Tamén se lle deu autorización á fábrica Cros do Burgo para facer un recheo nas marismas da ría e unha ampliación dos edificios da mesma. Isto levouno a ser duramente criticado por Emilio Novás, líder da Federación Comarcal de Campesiños San Pedro de Nós da CNT, que agrupaba aos labregos de Culleredo, Cambre, Oleiros e Carral. O anarcosindicalista acusou na prensa a Electo Carballo de suborno e este denunciouno por inxurias. En 1933 aprobou o traslado da casa do Concello de Culleredo a Rutis.
Protagonizou varias controversias durante o seu mandato. Dunha parte, a súa participación na Asemblea de Concellos Pro-Estatuto resultou polémica, protagonizando varios incidentes nas reunións que foron tratados de forma irónica pola prensa do momento. Máis sona tivo en 1934 un altercado con Santiago Casares Quiroga na Coruña. Coincidindo con Casares Quiroga e varios simpatizantes nun café da Rúa Real da Coruña, tiveron unha discusión sobre a acollida que se faría en Culleredo ao presidente da República Alcalá-Zamora en viaxe á Coruña. A retesía acabou cunha labazada de Electo Carballo a Santiago Casares Quiroga.
As diferenzas devanditas levárono a distanciarse da ORGA actuando como independente. Permaneceu no cargo até o 21 de marzo de 1936, cando tomou posesión a nova corporación municipal e cedeu a alcaldía a José Louzán Martínez, militante de Izquierda Republicana. Cando se produciu o golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 estivo agochado durante un tempo e destruíu parte das súas cartas e libros por mor de seren incriminatorios.
Na súa lembranza, o concello de Culleredo adicou unha rúa entre Fonteculler e O Portádego, pasando por Cordeda, co nome de "Alcalde Electo Carballo". Vida persoal Na súa partida de bautismo recóllese o nome Eleuterio, logo anotado como Electo no rexistro civil de Culleredo. A orixe da diferenza é que quen tramitou a súa inscrición manifestou que se chamaba "Eleuto" (apócope de Eleuterio), sendo rexistrado como Electo polo funcionario.
Casou en Vilaboa con Josefa Naya Seijas en 1911 con quen tivo dez fillos.
Mantivo correspondencia con diferentes políticos galegos senlleiros da II República como Alejandro Rodríguez Cadarso, Ramón María Tenreiro, Emilio González López, Leandro Pita Romero, Manuel Iglesias Corral, José Calviño Domínguez e Emilio Novoa González, entre outros.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Galegos da Arxentina Categoría:Alcaldes de Culleredo Categoría:Alcaldes de Galicia durante a II República Categoría:Nados en Culleredo Categoría:Nados en 1892 Categoría:Finados en 1949 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes