Os Toronto Raptors son un equipo de baloncesto profesional da cidade de Toronto, Ontario, no Canadá. Xogan na División Atlántico da Conferencia Leste da National Basketball Association (NBA). O equipo formouse en 1995, xunto aos Vancouver Grizzlies, como parte da expansión da NBA cara Canadá. Cando os Grizzlies se trasladaron a Memphis, Tennessee, para converterse nos Memphis Grizzlies en 2001, os Raptors convertéronse no único equipo canadense da NBA. Comezaron xogando os seus partidos coma locais no SkyDome (renomeado coma Rogers Centre en 2005), antes de trasladarse ao Air Canada Centre en 1999.
Canchas SkyDome (renomeado Rogers Centre en 2005) (1995–1999) Scotiabank Arena (1999–presente)
Historia da franquía Os Toronto Raptors xunto ós Vancouver Grizzlies (agora Memphis Grizzlies), convertéronse en franquías da NBA en 1995. Ambos os dous equipos convertéronse nas primeiras franquías da NBA no Canadá dende os Toronto Huskies na tempada 1946-1947.
1995-96 Despois de que Isiah Thomas fose nomeado mánager xeral en 1995, rapidamente comezou a súa xestión co seu propio persoal, incluíndo ó primeiro adestrador da franquía, Brendan Malone, quen despois se volvería reunir con Thomas no organigrama dos Knicks en 2003. No verán de 1995, a liga fixo un draft de expansión para reencher os cadros de xogadores dos Toronto Raptors e dos Vancouver Grizzlies. O lanzamento dunha moeda determinou que os Raptors serían os primeiros en elixir, e escolleron o base dos Chicago Bulls, e especialista en triplas, BJ Armstrong. Nun movemento que parecía ser unha constante nos primeiros días da franquía, BJ ameazou con non ir ó campus de adestramento, e Isiah Thomas axiña o transpasou ós Golden State Warriors polos ala-pivotes Carlos Rogers e Victor Alexander e os dereitos sobre as eleccións de segunda rolda do Draft de 2005 Dwayne Whitfeld, Martin Lewis e Michael McDonald. Thomas elixiu xogadores de tódolos tipos no draft de expansión, incluíndo ós veteranos Jerome Kersey, Willie Anderson e John "Spider" Salley.
Como Toronto elixiu primeiro no draft de expansión, no draft de 1995 elixiu primeiro Vancouver. Thomas decidiu construír a franquía en base a Damon Stoudamire, un base saído da Universidade de Arizona. A elección de Stoudemire agradou ós presentes no draft de 1995 no Rogers Center de Toronto, a maioría atraídos pola presenza do xogador do ano e MVP da final da NCAA Ed O'Bannon, da Universidade de California. De todos os xeitos, a elección de Stoudemire resultou ser a correcta, xa que foi nomeado Rookie do Ano da NBA facendo 19 puntos e 9.3 asistencias por partido. Este equipo lembrarase por gañarlles ós Bulls do 72-10 sendo unha franquía nova.
Récord: 21 vitorias - 61 derrotas
1996-97 O récord de vitorias do equipo mellorou en nove partidos respecto ó do ano anterior, e a asistencia á cancha mellorou. Os analistas especializados predixeron que Toronto ía ser un aspirante ós playoffs ou incluso ó título en cuestión dunhas poucas tempadas. Marcus Camby, elixido coma número dous no draft de 1996, fixo unha primeira tempada decepcionante.
Récord: 30 vitorias - 52 derrotas
1997-98 Todo o optimismo esvaeceuse cando o equipo foi prexudicado por numerosas lesións ó principio da tempada 1997-1998. Aínda que Thomas era un membro do Hall of Fame e un ollador moi habilidoso de seu (como demostrou coas eleccións de Damon Stoudemire, Marcus Camby e Tracy McGrady), resignouse, recoñeceu que a súa xestión foi errónea e dimitiu. Glen Grunwald, avogado e antigo xogador de baloncesto, foi contratado como novo director xeral. Coa saída do seu mentor, Stoudemire pediu inmediatamente un traspaso e o 13 de febreiro de 1998, o primeiro xogador franquía dos Raptors marchou ós Portland Trail Blazers xunto a Walt Williams e Carlos Rogers por Kenny Anderson, Alvin Williams, Gary Trent, dúas eleccións de primeira rolda no draft e cartos. Kenny Anderson negouse a ir a Toronto e foi traspasado aos Boston Celtics o 18 de febreiro de 1998 con Zan Tabak e Popeye Jones por Chauncey Billups, Dee Brown, Roy Rogers e John Thomas.
Toronto acadou a peor marca da súa historia, e Grunwald encarouse ós seareiros descontentos no derradeiro partido da tempada na súa cancha, prometendo mellores tempos para a franquía. O paso máis grande para gañar credibilidade foi o traspaso da súa cuarta elección no draft dese ano, Antawn Jamison, ós Golden State Warriors por Vince Carter, elixido na quinta posición nese mesmo draft.
Récord: 16 vitorias - 66 derrotas
1998-99 Para conseguir credibilidade no seu proxecto, Grunwald mandou a Marcus Camby ós Knicks a cambio do xa veterano Charles Barkley, pensando en que a súa dura mentalidade e a súa experiencia nos playoffs axudarían ós novos xogadores a alcanzar a súa madurez baloncestística. Moita xente pensou que o intercambio era malo para o equipo, xa que estaba dando unha nova promesa a cambio dun veterano preto do retiro. Pero resultou que o liderado de Barkley foi indispensábel para o éxito dos Raptors da tempada 1998-99. O equipo arranxou de forma temporal a falta dun auténtico base rotando no posto a Dee Brown, Alvom Williams e Doug Christie. Foi unha opción excelente, xa que Christie mellorou moito o seu xogo defensivo converténdose nun dos defensores da elite da NBA. Alvin tamén mostrou unha melloría no aspecto ofensivo do xogo. Kevin Willis, outro veterano adquirido nun traspaso, consolidouse no posto de pivote. Con eses dous fallos reenchidos temporalmente, o equipo gañou máis partidos que nunca. O novo adestrador, Butch Carter, tamén axudou a desenvolver as cualidades dos xogadores novos do equipo, especialmente as do futuro All-Star Tracy McGrady. Aínda que o equipo non conseguiu chegar ós playoffs, moitos eran moi optimistas debido ás brillantes actuacións de Vince Carter, Rookie do Ano, e un moi mellorado Tracy McGrady.
Récord: 23 vitorias - 27 derrotas (temporada afectada polo lockout, só se disputaron 50 encontros).
1999-2000 Grunwald decidiu que a solución á falta de experiencia e á unha presenza forte dos Raptors na pintura tiña que vir dos xogadores veteranos. Tamén sabía que os xa maiores Willis e Oakley terían que xogar só ocasionalmente ou arriscaríanse a unha lesión. Por isto, no draft de 1999 decidiu traspasar a súa elección de primeira rolda, Jonathan Bender, ós Indiana Pacers a cambio do ala-pivote Antonio Davis, que na tempada anterior xogara como suplente no posto de Dale Davis. Na cancha, Butch Carter rotaba a Carter, Christie, Williams e a Dell Curry no posto de escolta, en tanto que no posto de base xogaban Williams e Muggsy Bogues. A rotación de Antonio, Oakley e Willis na pintura e a madureza de Carter e McGrady axudaron ó equipo a clasificarse para os Playoffs por primeira vez na súa curta historia. Pero sen experiencia, os Raptors foron varridos polos New York Knicks en primeira rolda.
A progresiva mellora do equipo e a ascensión de Vince Carter atraeron a moitos seareiros novos, e mesmo a algúns que non lles gostaba o baloncesto anteriormente. O aumento da venda de entradas e o paso dos seareiros dos Toronto Blue Jays de béisbol ós Raptors tamén contribuíron ó declive dos primeiros. Ademais, esta tempada foi a primeira que se xogou no Air Canada Centre, despois de catro anos xogando no SkyDome.
Récord: 45 vitorias - 37 derrotas; eliminados na primeira rolda dos playoffs.
2000-01 O desastre dos playoffs (e Butch Carter atacando a Marcus Camby nos medios de comunicación) levou a Grunwald a contratar a Lenny Wilkens en substitución de Carter. Wilkens é membro do Hall of Fame, e tiña máis de trinta anos de experiencia coma adestrador. Ademais, o equipo asinou a un verdadeiro base, o veterano Mark Jackson, cun contrato de catro anos de duración. A tempada trouxo a explosión de Alvin Williams como revulsivo, xa que anotou tres cuartas partes dos seus puntos da tempada no último cuarto. Sería traspasado para darlle máis minutos a Williams.
Cun Vince Carter xogando máis tempo de escolta que de aleiro, Christie tornouse prescindíbel, e foi traspasado a cambio do aleiro Corliss Williamson. Porén, Williamson foi unha decepción e foi traspasado nesa mesma tempada por Jerome Williams. A perda da súa antiga estrela Tracy McGrady tamén influíu no intercambio de Williamson. Aínda que McGrady e Carter amosaron unha melloría impresionante, a meirande parte dos medios e dos seareiros fixáronse en Carter, e ademais compartían a mesma posición natural, facendo imposíbel ter aos dous xogando xuntos. Entón a directiva dos Raptors decidiu mandalo ós Orlando Magic na pretempada do 2000 por unha elección de primeira rolda e un sign-and-trade.
Como predixeran os analistas, o equipo conseguiu con moita dificultade unha praza nos playoffs. Na primeira rolda, Toronto gañoulles ós Knicks. Wilkens gañou credibilidade por poñer a Williams a defender ó base Allan Houston e a Carter ó aleiro Latrell Spreewell, as dúas maiores ameazas ofensivas dos Knicks. Alén disto, as palabras de Charles Oakley a Carter dicíndolle que "xogara coma un home" (e o fixo), e a contribución de Antonio Davis prevaleceron sobre ós Knicks.
A seguinte rolda contra os Philadelphia 76ers foi un sinal para os Raptors: un xogo rápido e entretido, e a mellor actuación nuns playoffs na súa historia. Os Sixers confiaron en Allen Iverson e en Dikembe Mutombo polos seus atributos ofensivos e defensivos respectivamente, e na axuda de Aaron McKie e dos demais compañeiros de equipo. Toronto era un equipo máis equilibrado con Carter, Williams e Davis traballando en ataque e Chris Childs e Jerome Williams facendo a presión defensiva. Philadelphia tomou vantaxe na pintura pola diferenza dos pivotes ó seu favor, mentres Toronto contraatacaba cos seus xogadores, máis pequenos pero máis rápidos. A serie decidiuse nos derradeiros catro segundos do sétimo partido, cando Carter errou por moi pouco o tiro decisivo, perdendo a rolda por un punto. Carter foi moi criticado por acudir na mañá deste partido á súa cerimonia de graduación na Universidade de Carolina do Norte. Mais incluso coa derrota, a tempada foi considerada como a mellor xamais xogada pola franquía.
Récord: 47 vitorias - 35 derrotas; eliminados na segunda rolda dos playoffs.
2001-02 A actuación dos Raptors nos playoffs da tempada anterior trouxo aínda máis seareiros e unha confianza sen precedentes en Grunwald. Nun intento de contentar a Carter e facer que ficase no equipo, ofrecéronselles novos contratos de longa duración a Alvin Williams, Jerome Williams e Antonio Davis, e contratouse ó antigo All-Star Hakeem Olajuwon. Aínda que se garantía unha quinta titular moi poderosa, era unha aposta arriscada, xa que case se acadaba o límite salarial, facendo imposíbel a contratación dun axente libre de renome. Os contratos no último ano tamén foron intercambiados, así a non ser que os Raptors fixesen unha moi boa tempada, era tremendamente improbábel que puidesen manter un equipo moi competitivo.
Parecía que os Raptors ían facer outra tempada competitiva, cun balance de 29-21 antes do parón do All-Star. Por terceiro ano consecutivo, Carter foi o xogador máis votado para o partido das estrelas. Desafortunadamente, Carter, que cada vez se mancaba con máis frecuencia, sufriu unha tendinite, o que non lle permitiu xogar o que restaba de tempada, nin o All-Star, por suposto.
Sen o seu xogador franquía, os Raptors entraron nunha racha horríbel, perdendo 17 dos seus seguintes 18 encontros. Pero cando o ano parecía perdido, foron quen de gañaren 12 dos últimos 14 partidos da tempada regular, logrando unha praza para playoffs. Isto foi posíbel grazas a que os Rators fixeron algunhas das mellores actuacións defensivas do ano, xunto ás boas actuacións de Antonio Davis e Keon Clark.