miniatura|upright=2|A adaptación antipredadores en acción: o tiburón Dalatias licha (a–c) e o mero Polyprion americanus (d–f) intentando depredar mixíns. Primeiro, os predadores aproxímanse ás súa posibles presas. Os predadores morden ou tratan de tragar os mixíns, pero os mixíns xa botaron chorros de baba (frechas) na boca dos predadores. Ao sentiren que se asfixian por culpa da baba, os predadores liberan os mixíns e abren a boca para intentar desfacerse da baba que teñen na boca e branquias.

As adaptacións antipredadores ou defensas contra os predadores son mecanismos desenvolvidos polos seres vivos ao longo da evolución que axudan aos organismos que son presas na súa constante loita contra os predadores. No reino animal as adaptacións evolucionaron en cada estadio desa loita, principalmente para evitar a detección, repeler un ataque, contraatacar ou escapar cando son capturadas.

A primeira liña de defensa consiste en evitar a detección, por medio de mecanismos como a camuflaxe, enmascaramento, selección apostática, vivir baixo terra ou facer unha vida nocturna.

Alternativamente, os animais presa poden repeler os ataques, anunciando a presenza de fortes defensas por aposematismo, imitando mimeticamente animais que posúen esas defensas, asustando o atacante, facendo sinais ao predador de que perseguilo non paga a pena, distracción, uso de estruturas defensivas como espiñas e vivindo en grupo. Os membros do grupo teñen un risco reducido de predación, a pesar de que o grupo é moito máis visible, por medio do melloramento da vixilancia, confusión do predador e a probabilidade de que o predador ataque outro individuo.

Algunhas especies de presas poden contraatacar aos seus predadores, sexa por medio de substancias químicas ou líquidos corporais, sexa por defensa comunal ou sexa por exectar materiais noxentos. Moitos animais poden escapar fuxindo rapidamente, correr máis ou ser máis hábiles que o seu atacante.

Finalmente, algunhas especies poden escapar incluso cando son capturadas ao sacrificar certas partes do seu corpo: os cangrexos poden desprender unha pinza, mentres que os lagartos poden desprenderse dos rabos, que adoitan distraer os seus predadores o suficiente como para permitirlles liscar.

Evitar a detección

Permanecer fóra da vista miniatura|Os morcegos da froita buscan alimento pola noite para evitar os predadores.

Os animais poden evitar converterse en presas vivindo fóra da vista dos predadores, vivindo en covas, toqueiras, ou sendo nocturnos. A nocturnidade é un comportamento animal caracterizado pola actividade durante a noite e durmindo durante o día. Este é un comportamento para evitar a detección chamado cripse, utilizado polos animais para evitar a predación ou para mellorar a posibilidade de cazar presas. O risco de predación foi recoñecida desde hai moito tempo como esencial para determinar as decisións de comportamento. Por exemplo, este risco de predación é de grande importancia para determinar o tempo de saída polo serán nos morcegos ecolocalizadores. Aínda que un acceso máis temperán durante horas con máis luz permite buscar comida máis doadamente, causa tamén un maior risco de predación polos falcóns Macheiramphus alcinus e Falco rufigularis. Isto ten como resultado un momento de saída ao serán óptima, que é un compromiso entre as demandas en conflito.

Outras adaptacións nocturnas poden verse nas ratas canguro. Buscan alimento en hábitats relativamente abertos, e reducen a súa actividade fóra das súas toqueiras de reprodución en resposta ao luar. Durante a lúa chea, cambian a súa actividade cara a áreas de cobertura vexetal relativamente densa para compensar a luz extra.

miniatura|Un caso de camuflaxe é o ilustrado polo lagarto Phrynosoma mcallii, o seu corpo aplanado, con flocos e con padrón disruptivo elimina as sombras.

Camuflaxe

A camuflaxe utiliza calquera combinación de materiais, coloración ou iluminación para a ocultación dun organismo facendo que sexa difícil de detectar pola vista. É común tanto en animais terrestres coma mariños. A camuflaxe pode conseguirse de moi diferentes maneiras, como pode ser por medio da semellanza co que o rodea, coloración disruptiva, eliminación de sombras por contracoloración ou contrailuminación, autodecoración, comportamento críptico, ou cor e padróns da pel cambiables. Algúns animais como o lagarto Phrynosoma ncallii de América do Norte evolucionaron eliminando as súas sombras e confundíndose co terreo. Os corpos destes lagartos son aplanados e as súas partes laterais adelgazan cara aos bordos. Este tipo de corpo, xunto coas escamas brancas formando flocos ao longo dos seus lados, fan que estes lagartos poidan ocultar as súas sombras con grande efectividade. Ademais, estes lagartos ocultan calquera sombra restante ao aplicaren os seus corpos sobre o chan.

Enmascararse miniatura|Kallima inachus enmascarándose como folla morta.

Os animais poden agocharse a plena vista ao enmascararse como obxectos non comestibles. Por exemplo, o Nyctibius, unha ave suramericana, póusase habitualmente nas árbores, parecéndose moi convincentemente a unha rama rota, mentres que a bolboreta Kallima parece unha folla morta.

Selección apostática

Outra maneira de non ser atacado a simple vista é parecer diferente doutros membros da mesma especie. Os predadores como os ferreiriños cazan selectivamente abundantes tipos de insectos, ignorando os tipos menos comúns que haxa no lugar, formándose unhas imaxes de busca das presas desexadas. Isto crea un mecanismo para a selección dependente da frecuencia negativa, a selección apostática.

Repeler un ataque miniatura|Unha barbantesa mediterránea, Iris oratoria, intentando asustar un predador cun comportamento deimático

Moitas especies fan uso de estratexias de comportamento para disuadir os predadores.

Asustar o predador Moitos animais con febles defensas, como avelaíñas, bolboretas, barbantesas, fásmidos e cefalópodos como os polbos, utilizan padróns de ameaza ou comportamento que asusta (deimático), como exhibir rapidamente uns ocelos conspicuos, para espantar ou distraer momentaneamente un predador, dando así á presa unha oportunidade de escapar. En ausencia de toxinas ou outras defensas, isto é esencialmente un farol, a diferenza do aposematismo, que implica sinais honestos (que non enganan).

Sinais que disuaden o perseguidor

miniatura|Un impala andando a saltos, facendo unha sinalización honesta ao predador de que a persecución non será proveitosa.

Sinais disuasorios da persecución son sinais de comportamento usados polas presas que convencen os predadores de non perseguilos. Por exemplo, as gacelas corren choutando, dando saltos altos coas patas estiradas e o dorso arqueado. Crese que isto envía un sinal aos predadores de que teñen un alto nivel de fitness e poden superar en carreira os predadores. Como resultado, os predadores poden elixir entre perseguir unha presa diferente que é menos probable que corra máis ca eles. O cervo virxiniano e outras presas mamíferos moven as súas colas con marcas conspicuas (a miúdo negras e brancas) cando están alarmados, informando o predador de que foi detectado. As chamadas de alarma que fan as aves, como o gaio, son igualmente sinais honestos (verdadeiros), beneficiando tanto o predador coma a presa: o predador está informado de que foi detectado e podería tamén aforrar tempo e enerxía ao renunciar á persecución, mentres que a presa queda protexida do ataque.

Facerse o morto miniatura|esquerda|A serpe Heterodon platirhinos finxíndose morta

Outro sinal disuasorio da persecución consiste en facerse o morto ou tanatose. A tanatose é unha forma de engano no cal un animal imita o seu propio corpo morto, finxindo a súa morte para evitar ser atacado polos predadores que buscan presas vivas. A tanatose pode tamén utilizarse polo predador para tentar a presa para que se aproxime. Un exemplo disto pode verse nos cervatos do cervo virxiniano, que sofren unha diminución do seu ritmo cardíaco cando se aproxima un predador. Esta resposta, denominada "bradicardia de alarma", causa que os latexos do corazón do cervato baixen desde os 155 a 38 latexos por minuto normais a só un latexo. Esta caída do ritmo cardíaco pode durar ata dous minutos, causando que o cervato diminúa a frecuencia respiratoria e o seu movemento, o que se chama inmobilidade tónica. A inmobilidade tónica é unha resposta reflexa que causa que o cervato adopte unha posición baixa do corpo que simula a posición dun corpo morto. Unha vez que o predador descobre o cervato, perde interese nesa presa "morta". Outros síntomas da bradicardia de alarma, como a salivación, micción e defecación, poden tamén causar que o predador perda interese.

Distracción miniatura|unha píllara da especie Charadrius vociferus distraendo un predador do seu niño finxindo ter unha á rota.

Os moluscos mariños como as lesmas de mar, o choco, as luras e os polbos utilizan como última oportunidade para escapar o distraer os seus atacantes. Para facelo, exectan unha mestura de produtos químicos, que poden imitar comida ou confundir doutro modo os predadores. En resposta aos predadores, os animais destes grupos liberan tinta, creando unha nube opalina e afectando os sentidos do predador, facendo que este ataque a nube.

As exhibicións de distracción atraen a atención dos predadores lonxe dun obxecto, normalmente o niño ou as crías, que quedan así protexidas. Realizan exhibicións de distracción algunhas especies de aves, que poden finxir ter unha á rota mentres choutan á pata coxa polo chan, e algunhas especies de peixes.

Mimetismo e aposematismo

miniatura|upright=0.8|left|As bolboretas Limenitis archippus e Danaus plexippus son imitadores müllerianos, similares en aspecto, e ambas de mal sabor para os predadores.

O mimetismo ocorre cando un organismo (o imitador) simula propiedades de sinalización doutros organismos (o modelo) para confundir a un terceiro organismo (o predador). Isto ten como resultado que o imitador gaña protección, comida e vantaxes na obtención de parella. Hai dous tipos clásicos de mimetismo defensivo: batesiano e mülleriano. Ambos os dous implican a coloración aposemática ou sinais de advertencia, para evitar ser atacado por un predador.

No mimetismo batesiano, unha especie presa inofensiva e comestible imita a aparencia doutra especie que é noxenta para os predadores, reducindo así o risco que ten o imitador de ser atacado. Esta forma de mimetismo pode verse en insectos. A idea que está detrás do mimetismo batesiano é que os predadores que trataron de comer a especie de mal sabor aprenden a asociar as súas cores e marcas cun sabor desagradable. Isto ten como resultado a aprendizaxe do predador para evitar especies que mostran cores e marcas similares, incluíndo os imitadores batesianos, que son parasitos das defensas químicas ou doutro tipo dos modelos non aproveitables. Algunhas especies de polbo poden imitar algúns outros animais cambiando a cor da súa pel, o debuxo da pel e movemento do corpo. Cando un peixe pomacéntrido ataca un polbo, o polbo imita unha serpe mariña listada. O modelo elixido varía co predador de polbos e hábitat. A maioría destes polbos usan mimetismo batesiano, seleccionando como modelo un organismo repulsivo para os predadores.

No mimetismo mülleriano, dous ou máis formas aposemáticas comparten os mesmos sinais de advertencia, como as bolboretas Limenitis archippus e Danaus plexippus. As aves evitan comer ambas as especies porque os seus padróns alares presentan un sinal honesto (verdadeiro) que indica o seu sabor repugnante.

miniatura|O porco espiño Erethizon dorsatum combina o feito de ter espiñas cunha coloración de advertencia

Estruturas defensivas

Moitos animais están protexidos contra os predadores con armadura formada por cunchas (como a da maioría dos moluscos), pel coriácea ou escamenta (como en réptiles), ou rexos exoesqueletos quitinosos (como en artrópodos).