miniatura|300px|Transmisión e ciclo vital do SARS-CoV-2 miniatura|400px|Síntomas principais da COVID-19
A COVID-19CIE-10-es COVID-19 (do inglés coronavirus disease 2019 ou enfermidade por coronavirus 2019), comunmente covid, é unha enfermidade infecciosa respiratoria causada polo virus SARS-CoV-2. Esta doenza foi identificada primeiramente en 2019 en Wuhan, capital da provincia chinesa de Hubei, e desde entón espallouse por todo o mundo, orixinando a pandemia por coronavirus de 2019–2021. Os seus síntomas comúns son febre, tose e dificultade para respirar. Outros síntomas poden ser dor muscular, produción de esputos, diarrea, dor de garganta, dor abdominal e perda do olfacto ou do gusto. Aínda que na maioría dos casos orixina síntomas leves, certa porcentaxe de casos progresa a pneumonía e ás veces disfunción multiorgánica. O 25 de marzo de 2020, a taxa de letalidade global (proporción de mortes por número de casos diagnosticados) era do 4,5%; variando desde o 0,2% ao 15% segundo o grupo de idade e outros problemas de saúde.
O virus transmítese principalmente entre persoas en contacto próximo (entre 1 e 1,8 m) xeralmente por medio das pingas respiratorias (coñecidas como micropingas de Flügge) producidas principalmente cando unha persoa tose ou espirra e mesmo cando fala. Estas pingas son relativamente pesadas e non permanecen no aire moito tempo, pero en lugares cerrados ou non ventilados poden permanecer suspendidas por máis tempo, polo que non se poden descartar como posible fonte de infección. Igualmente, é posible a transmisión por pingas de tamaño máis pequeno, chamadas aerosois. As persoas poden tamén contaxiarse de COVID-19 ao tocaren unha superficie contaminada e despois tocaren partes da súa face como nariz, boca ou ollos. É máis contaxioso cando as persoas son sintomáticas, aínda que a transmisión tamén é posible antes de que aparezan os síntomas. O virus pode seguir sendo contaxioso nas superficies ata 72 horas, dependendo do material sobre o que está. O tempo que pasa desde a exposición ao comezo dos síntomas é xeralmente de entre dous e catorce días, cunha media de cinco días. O método normal de diagnose é con probas de reacción en cadea da polimerase con transcriptase inversa (rRT-PCR) de mostras dun frotis nasofarínxeo. A infección pode tamén diagnosticarse observando a presenza dunha combinación de síntomas e factores de risco e cunha tomografía computadorizada torácica que mostre características propias da pneumonía.
As medidas recomendadas para previr a infección son lavar as mans frecuentemente, o distanciamento social (manter unha distancia física doutros, especialmente dos doentes), tusir ou espirrar nun tecido ou na parte interna do cóbado (o sangradoiro) e non tocar a cara coas mans sen lavar. O uso de máscaras de protección recoméndase en lugares públicos para minimizar o risco de transmisión. Desenvolvéronse tamén diversas vacinas e varios países iniciaron campañas masivas de vacinación. Non existe un tratamento antiviral para a COVID-19. A súa xestión implica o tratamento dos síntomas e de apoio, illamento e medidas experimentais.
A Organización Mundial da Saúde (OMS) declarou o gromo de coronavirus de 2019–20 emerxencia sanitaria pública de preocupación internacional o 30 de xaneiro de 2020 e pandemia o 11 de marzo de 2020. A transmisión local (no propio país) da doenza rexistrouse pouco despois en moitos países das seis rexións da OMS e seguidamente espallouse por todo o mundo.
Signos e síntomas
Síntoma%Febre87,9Tose seca67,7Fatiga38,1Produción de esputos33,4Perda do olfacto e do gusto30 a 66Dificultades respiratorias18,6Dor muscular ou de articulacións14,8Dor de garganta13,9Dor de cabeza13,6Calafríos11,4Náuseas ou vómitos5,0Conxestión nasal4,8Diarrea3,7 a 31Hemoptise0,9Conxestión da conxuntiva0,8 Os infectados polo virus poden ser asintomáticos ou desenvolver síntomas parecidos aos da gripe, incluíndo febre, tose, fatiga, e dificutades respiratorias. Síntomas que supoñen unha emerxencia son a dificultade respiratoria, a dor ou presión no peito persistente, confusión, dificultade para camiñar e que a cara ou beizos se poñan azulados; aconséllase buscar atención médica inmediata se aparecen ditos síntomas. Menos comunmente poden presentarse síntomas nas vías respiratorias superiores, como espirrar, fluxo nasal, ou dor de garganta. Tamén se observan en variadas porcentaxes síntomas como náuseas, vómitos e diarrea. Algúns casos na China presentaron inicialmente só tensión no peito e palpitacións. A perda do olfacto e distorsión do gusto son considerados síntomas comúns entre os que noutros aspectos son asintomáticos. Nalgunhas persoas a doenza pode progresar a pneumonía, disfunción multiorgánica e morte. Naqueles que desenvolven síntomas graves, o tempo que pasa desde que comezan os síntomas ata que necesitan ventilación mecánica é normalmente de 8 días.
Como é común nas infeccións, hai unha demora entre o momento no que unha persoa é infectada polo virus e o momento en que desenvolve os síntomas, que se denomina período de incubación. O período de incubación da COVID-19 é tipicamente de cinco a seis días pero pode variar de dous a catorce días. O 97,5% das persoas que desenvolven síntomas fano aos 11,5 días da infección.
Causa
Axente
A enfermidade é causada polo virus SARS-CoV-2, previamente denominado 2019-nCoV, que se considera unha cepa da especie coronavirus relacionado coa síndrome respiratoria aguda grave (SARSr-CoV) da subfamilia dos coronavirus.
O virus pénsase que é natural e ten unha orixe animal, por medio dunha infección secundaria. A orixe é descoñecida, pero en decembro de 2019 o espallamento da infección foi impulsada case enteiramente por transmision de persoa a persoa. A primeira infección coñecida ocorreu o 17 de novembro de 2019 en Wuhan, China.
Transmisión A COVID‑19 é unha doenza nova e moitos detalles da súa transmisión están aínda investigándose. Transmítese principalmente entre as persoas por medio das pingas respiratorias procedentes de toses e espirros ou expulsadas ao falar. Canto máis próxima e de maior duración sexa a interacción entre as persoas, máis probable é que se transmita a COVID-19. A curta distancia poden intervir as pingas respiratorias máis grandes (que caen rapidamente ao chan) e tamén os aerosois, mentres que a distancias maiores só están implicados os aerosois. As pingas grandes poden tamén transformarse en aerosois (chamados núcleos de pingas) ao producirse a súa evaporación. O Centro Europeo para a Prevención e Control de Enfermidades (ECDC) afirma que, aínda que non está totalmente clara cal é a facilidade coa que se contaxia, xeralmente unha persoa infecta outras dúas ou tres.
A transmisión polo aire por medio de aerosois pode producirse principalmente en lugares cerrados e pouco ventilados. A Academia Nacional das Ciencias dos Estados Unidos suxeriu que a transmisión por bioaerosol pode ser posible e os colectores de aire situados en corredores fóra dos cuartos onde dorme a xente renderon mostras positivas do ARN viral.Rapid Expert Consultation on the Possibility of Bioaerosol Spread of SARS-CoV-2 for the COVID-19 Pandemic (April 1, 2020) (2020), https://www.nap.edu/catalog/25769/rapid-expert-consultation-on-the-possibility-of-bioaerosol-spread-of-sars-cov-2-for-the-covid-19-pandemic-april-1-2020 Resultados experimentais mostraron que o virus pode sobrevivir en aerosois ata tres horas. As pingas poden acabar entrando na boca ou o nariz de persoas que están próximas ou posiblemente ser inhaladas ao interior dos pulmóns. Algúns procedementos médicos como a intubación e a resucitación cardiopulmonar poden causar que as secrecións respiratorias sexan aerosolizadas e isto favorece a posible transmisión polo aire.
O virus permanece viable sobre superficies durante horas ou días. Se se tocan esas superficies e despois se toca a boca, nariz ou ollos pode producirse a transmisión. Un estudo que investigaba a velocidade de descomposición do virus no ambiente non atopou virus viables pasadas catro horas sobre superficies de cobre, 24 horas sobre cartón, 72 horas sobre aceiro inoxidable e 72 horas sobre plástico. Porén, as taxas de detección non acadaban o 100% e variaban entre os diversos tipos de superficies (o límite de detección era de 3,33×100,5 TCID50 por litro de aire para os aerosois, 100,5 TCID50 por mililitro de medio para o plástico, aceiro, e cartón e 101,5 TCID50 por mililitro de medio para o cobre). A estimación desta velocidade de descomposición cun modelo de regresión bayesiana suxire que os virus poden permanecer viables ata 18 horas en cobre, 55 horas en cartón, 90 horas en aceiro inoxidable e unhas 100 horas en plástico. O virus permaneceu viable en aerosois durante o tempo do experimento (tres horas).
O virus tamén se atopou en feces e estase a investigar a transmisión por medio das feces,Water Transmission and COVID-19 (CDC, consultado o 19 de marzo de 2020) que se cre que é baixa.
Fisiopatoloxía Os pulmóns son os órganos máis afectados pola COVID-19 porque o virus accede ás células hóspede por medio do enzima ACE2, que é máis abundante nas células alveolares de tipo II dos pulmóns. O virus utiliza unha glicoproteína de superficie especial chamada "espícula" (un peplómero) para conectar co ACE2 e entrar na célula hóspede. A densidade do ACE2 en cada tecido correlaciónase coa gravidade da enfermidade nese tecido e algúns suxeriron que diminuír a actividade do ACE2 podería ter resultados protectores, aínda que outra opinión é que incrementar o ACE2 usando un medicamento bloqueante do receptor da anxiotensina II podería ser protector e que estas hipóteses deben ser comprobadas. A medida que progresa a enfermidade alveolar, pode desenvolverse unha insuficiencia respiratoria que pode conducir á morte.
O virus tamén afecta os órganos gastrointestinais, xa que o ACE2 se expresa abundantemente nas células glandulares gástricas, duodenais e no epitelio rectal. así como nas células endoteliais e enterocitos do intestino delgado. O virus atopouse nas feces do 53% das persoas hospitalizadas e atopáronse máis frotis anais positivos que frotis orais positivos nas etapas finais da infección. O virus foi atopado en feces de 1 a 12 días e o 17% dos pacientes continúan presentando o virus nas feces despois de que xa non o presentan nas mostras respiratorias, o que indica que a infección viral gastrointestinal e a potencial transmisión fecal-oral pode durar incluso despois de que desaparecese o virus do tracto respiratorio. A reaparición do virus foi tamén detectada en frotis anais, o que suxire un cambio de ser máis positivo nas mostras orais durante as primeiras etapas da doenza a ser máis positivo nas mostras anais durante os períodos posteriores.
Diagnose miniatura|Tests da CDC de rRT-PCR para a COVID-19
A OMS publicou varios protocolos de test para esta doenza. O método estándar de testar é a reacción en cadea da polimerase con transcriptase inversa en tempo real (rRT-PCR). O test faise normalmente con mostras respiratrorias obtidas por frotis nasofarínxeo; porén, tamén se pode utilizar unha mostra de frotis nasal ou esputo. Xeralmente os resultados están listos en poucas horas ou ata dous días. Poden utilizarse tests sanguíneos, pero para estes cómpren dúas mostras de sangue tomadas con dúas semanas de diferenza e os resultados teñen pouco valor inmediato. Os científicos chineses conseguiron illar unha cepa do coronavirus e publicaron a súa secuencia xenética para que os laboratorios de todo o mundo puidesen desenvolver independentemente tests de reacción en cadea da polimerase (PCR) para detectar a infección polo virus. O 19 de marzo de 2020, non se dispoñía de tests de anticorpos aínda que xa se puxeron en marcha intentos para desenvolvelos. A FDA dos Estados Unidos aprobou o primeiro test de punto de coidados o 21 de marzo de 2020 para o seu uso a finais dese mes.