Irmgard Flügge-Lotz, nada en Hamelin (Alemaña) o 16 de xullo de 1903 e finada en Stanford o 22 de maio de 1974, foi unha matemática e enxeñeira alemá, coñecida polo seu traballo en matemática da aerodinámica, e por ser a primeira muller enxeñeira profesora na Universidade Stanford.
Traxectoria Irmgard Lotz naceu en Alemaña. Despois de que o seu pai, Osark, xornalista, fose recrutado para o servizo militar na primeira guerra mundial, a moza Irmgard axudou á familia exercendo de profesora. Durante algún tempo, practicamente foi ela o soporte da familia. Estudou matemáticas aplicadas na Universidade Técnica de Hannover, diplomándose en 1927. Na universidade era a miúdo a única muller da súa clase. En 1929 obtivo o doutoramento en enxeñaría cunha tese sobre teoría matemática da condución de calor en cilindros circulares.
Lotz traballou no Instituto de Aerodinámica de Göttingen, xunto con Ludwig Prandtl e Albert Betz. Foi entón cando desenvolveu o "Método Lotz" para calcular a distribución da carga nas ás dun avión, técnica estándar utilizada aínda hoxe en día. En 1938, casou con Wilhelm Flügge, un enxeñeiro civil, e a parella trasladouse a Berlín, onde Flügge-Lotz traballou como consultora sobre Aerodinámica e Dinámica de voos. En 1947, a parella traballou en ONERA (Oficina Nacional de Estudos e Investigación Aeronáutica), en París, onde Imrgard dirixiu un equipo de investigación aerodinámica até o ano 1948, en que Irmgard publicou a súa teoría do control automático, a aerodinámica e os problemas derivados da velocidade dos avións.
En 1948 trasladáronse á Universidade de Stanford, onde en 1961 Irmgard Flügge-Lotz converteuse na primeira profesora de enxeñaría a tempo completo da universidade.
En 1970, foi galardoada co "Premio ao logro" da Asociación de Mulleres Enxeñeiras. Tamén foi a primeira muller membro do Instituto Americano de Aeronáutica e Astronáutica, e en 1971 foi a primeira muller en ser seleccionada para dar a prestixiosa conferencia Von Karman. Aínda que se retirou en 1968, continuou a súa investigación en control por satélites, transferencia de calor e arrastre de vehículos a grandes velocidades.
Flügge-Lotz morreu no Hospital de Stanford o 22 de maio de 1974, deixando máis de cincuenta artigos técnicos publicados.
Traballos
Die Erwärmung deas Stempels beim Stauchvorgang, Dissertation TH Hannover 1929 Discontinuous Automatic Control, Princeton University Press 1953 Discontinuous and Optimal Control, McGraw Hill 1968
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Ligazóns externas Biografía de Irmgard Flügge-Lotz pola Universitat Rovira i Virgili (en catalán) "Imrgard Flugge-Lotz", Biografías de Mulleres Matemáticas, Agnes Scott College. Biografía de Flugge-Lotz de IEEE Este artigo incorpora material de Irmgard Flügge-Lotz en PlanetMath, o cal está autorizado baixo o Creative Commons Participación/de Atribución-Licenza Parecida.
Categoría:Profesores da Universidade Stanford Categoría:Enxeñeiros Categoría:Nados na Baixa Saxonia Categoría:Nados en 1903 Categoría:Finados en 1974