Manuel Rodríguez-Arijón Pallas, nado en Carballo en 1895 e finado no mesmo concello en 1963, foi un inventor galego.

Traxectoria De orixe familiar en Vilar de Peres (Rebordelos), con 16 anos migrou dende a casa paterna na Pereira (Noicela) a Cuba e aos Estados Unidos, primeiro a Tampa (Florida), atraído pola florecente industria tabaqueira, e posteriormente a Nova York.

En 1936 presentou unha solicitude de patente das pinzas dos tirantes, concedida en 1938. En Nova York rexentou un negocio no que vendía o invento que el mesmo fabricara. Grazas ao seu invento foi convidado a ser membro do Chartered Institute of American Inventors, unha das asociacións de inventores máis importantes do seu tempo.

De volta a Galicia, viviu na súa casa do lugar de Rebordelos (Carballo) ata que faleceu en 1963.

A figura de Manuel Rodríguez-Arijón Pallas volveuse coñecida logo de que o Concello de Carballo impulsase xunto con Phottic o proxecto Carballo na Memoria, para compilar o patrimonio fotográfico municipal. Entre as imaxes achegadas por un descendente seu, encontrábanse imaxes da patente.

Notas

Categoría:Inventores de Galicia Categoría:Galegos dos Estados Unidos de América Categoría:Nados en Carballo Categoría:Nados en 1895 Categoría:Finados en 1963 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes