Annasoltan Seidovna Kekilova, nada en Keshi (Achkhabad) en 1942 e finada o 19 de xuño de 1983, foi unha escritora soviética de Turkmenistán. Traxectoria
Filla de Ogulsakhat Seidova. Publicou diversos libros e discos. Editou tres poemarios e publicou en publicacións da República Soviética de Turkmenistán e de Moscova. A súa poesía trata temas típicos da literatura da era soviética, como o Partido Comunista da Unión Soviética, o estado e a súa xente. Relacionouse cos escritores Aman e Shali Kekilov.
No inverno e na primavera de 1971 Kekilova escribiu ao 24º Congreso de Partido Comunista da Unión Soviética e ao Comité Central do partido denunciando condicións de abuso na República Soviética de Turkmenistán; a denuncia tiña 56 páxinas, e ía acompañada dun álbum ilustrado. Entre outras cousas, solicitaba maiores dereitos para as mulleres do seu país. O partido rexeitou tomar en consideración as súas solicitudes, ordenouse parar a publicación do seu último libro, e foi forzada a abandonar o seu traballo a pesar de ser o único sustento para a súa nai e o seu fillo. Foi a Moscova á procura de auxilio, pero non atopou asistencia. Solicitou asilo na embaixada británica, pero tampouco recibiu resposta. Frustrada, renunciou á súa cidadanía soviética e comezou a preparar o proceso para emigrar. Porén, o 26 de agosto de 1971 unha ambulancia recolleuna na súa casa e foi levada á forza a un hospital psiquiátrico. A súa nai solicitou que a liberasen, e pediu axuda á prensa occidental. Kekilova negouse a retractarse do seu escrito de denuncia, e morreu na clínica. Seguiu escribindo e pasándolle manuscritos á súa nai e irmá, quen os enviou a Moscova, se ben desapareceron polo camiño. Tempo despois boa parte da súa obra foi destruída nun indendio doméstico. Con todo, parte da obra que se conservou foi publicada en 2015, como parte dunha escolma de obra de autores e autoras de Turkmenistán.
Notas
Categoría:Nados en 1942 Categoría:Finados en 1983 Categoría:Escritores da Unión Soviética Categoría:Escritores de Turkmenistán Categoría:Nados en Achkhabad Categoría:Escritores en lingua turcomá Categoría:Personalidades sen imaxes