Ramziya Abbas al-Iryani () ou al-Eryani, nada en Iryan (gobernación de Ibb) en 1954 e finada en Berlín (Alemaña) o 14 de novembro de 2013, foi unha escritora, diplomática e feminista iemení.
Traxectoria Fixo os estudos secundarios en Taiz e cursou Filosofía na Universidade do Cairo, licenciándose en 1977. Fixo tamén un mestrado en literatura árabe. En 1980 converteuse na primeira muller en unirse ao corpo diplomático iemení. Foi presidenta da Unión de Mulleres Iemenís e membro da xunta directiva da Organización de Familias Árabes.
Comezou a publicar textos sendo adolescente. A súa novela Ḍaḥīyat al-Jasha ("A vítima da codicia", 1970) foi a primeira novela publicada por unha muller no seu país. En 1981 publicou o seu primeiro libro de contos, La'allahu ya'ud ("El quizais volverá"). Desde entón escribiu varios volumes máis de ficción, así como varios libros infantís. Tamén escribiu un libro sobre mulleres pioneiras iemenís, Raidat Yemeniyat (1990). Algúns dos seus relatos foron traducidos ao inglés nunha antoloxía de escritoras árabes.
Os seus escritos abordan cuestións de xénero nunha sociedade en boa medida patriarcal e islámica. Tamén escribiu sobre a importancia da educación para as mulleres na sociedade árabe. Tratou tamén as loitas políticas iemenís da época. Defendeu o feminismo no seu país, e alentou as mulleres a postularse para cargos políticos. En 2012, durante a celebración do Día Internacional da Muller, pronunciou un discurso de apertura como directora da Unión de Mulleres Iemenís.
Morreu durante unha operación cirúrxica. Foi soterrada en Saná, no cemiterio de al-Rahma. Foi sobriña do expresidente Abdul Rahman al-Iryani.
Notas
Categoría:Escritores do Iemen Categoría:Nados en 1954 Categoría:Nados no Iemen Categoría:Finados en 2013 Categoría:Feministas do Iemen Categoría:Diplomáticos Categoría:Personalidades sen imaxes Categoría:Alumnos da Universidade do Cairo