Ester Capella i Farré, nada en La Seu d'Urgell o 3 de abril de 1963, é unha xurista e política catalá. Foi senadora designada polo Parlamento de Cataluña na X Lexislatura (2013-2016) e deputada no Congreso dos Deputados na XI Lexislatura.

Traxectoria Licenciada en Dereito pola Universidade de Barcelona, ó rematar a carreira colaborou coa cátedra de Dereito Civil de Lleida durante o curso 1987-1988. Avogada en exercicio dende 1988 está adscrita ó Colexio de Avogados de Barcelona e ó de Sant Feliu de Llobregat. Foi presidenta da Asociación Catalá de Xuristas Demócratas entre 2003 e 2007.

No eido político, formou parte como independente na candidatura de Esquerra Republicana de Catalunya no Concello de Barcelona nas eleccións municipais de 2007 e foi elixida concelleira. Entre 2007 e 2011 foi a concelleira voceira de ERC no Concello. En 2008 afiliouse a ERC.

En 2011 fíxose cargo da xerencia do barcelonés Instituto Municipal de Persoas con Discapacidade, que deixou en 2013 ó ser designada senadora polo Parlamento de Cataluña. Nas eleccións xerais españolas de 2015 foi elixida deputada por Barcelona.

O 19 de maio de 2018 foi nomeada Conselleira de Xustiza polo presidente da Generalitat de Cataluña, Joaquim Torra. Foi investida como Conselleira de Xustiza o 2 de xuño de 2018.

Notas

Categoría:Avogados de España Categoría:Conselleiros da Generalitat de Cataluña Categoría:Políticos de ERC Categoría:Senadores por designación do Parlamento de Cataluña Categoría:Deputados no Congreso dos Deputados (XI Lexislatura) Categoría:Deputados no Congreso dos Deputados (XII Lexislatura)