Lee Kuan Yew, coñecido polas súas iniciais LKY e ás veces referido nos seus primeiros anos como Harry Lee, nado en Singapur o 16 de setembro de 1923 e finado na mesma cidade o 23 de marzo de 2015, foi o primeiro Primeiro Ministro de Singapur, gobernando durante tres décadas.

Como cofundador e primeiro secretario xeral do Partido de Acción Popular (PAP), liderou o partido nunha vitoria esmagadora en 1959, participou na separación de Singapur da Federación Malaia en 1965 e nas transformacións dunha colonia relativamente subdesenvolvida sen recursos no primeiro mundo. Foi unha das figuras políticas máis influentes do Sueste asiático.

Baixo a administración do segundo primeiro ministro de Singapur, Goh Chok Tong, traballou como Ministro Senior. Ostentou o cargo de Ministro Mentor, un posto creado polo seu fillo, Lee Hsien Loong, que se converteu no terceiro primeiro ministro o 12 de agosto de 2004.

Traxectoria Descendente dunha familia adiñeirada de etnia chinesa, Lee naceu o 16 de setembro de 1923 no Singapur baixo dominio británico (92 Kampong Java Road de Singapur). Os seus pais foron Lee Chin Koon e Chua Jim Neo. En 1950 casou oficialmente con Kwa Geok Choo, con quen tivo dous fillos, Lee Hsien Loong e Le Hsien Yang, e unha filla, Le Wei Ling.

Cando terminou os seus estudos en Londres, regresou a Singapur, comezou a mellorar o seu mandarín e hokkien, prestando máis interese aos valores asiáticos e entrou a militar no Partido de Acción Popular, co que foi primeiro ministro de Singapur de 1959 a 1990. Por iso, é lembrado como "o pai da patria". Exerceu un goberno estrito no social, mais profundamente capitalista, que impulsou a economía da nova nación ata convertela nun dos países máis competitivos do mundo.

Durante o seu mandato promoveu a idea dos valores asiáticos, fronte ao concepto de democracia occidental, como modelo de desenvolvemento para as sociedades de Asia Oriental. Así, o goberno do Singapur independente caracterizouse pola rixidez na aplicación das súas regulamentacións, con medidas controvertidas como a prohibición de comerciar a goma de mascar. Igualmente, ás veces foron controvertidos os seus intentos de enxeñaría social, ou a idea de construír unha Gran China formada polos chineses de todo o mundo. "A afinidade de raza, cultura e lingua é a base das relacións de negocios", dixo nunha ocasión.

Certos observadores afirmaron que algunhas das súas medidas contribuíron ao éxito económico de Singapur, lugar famoso pola limpeza das súas rúas e os baixos índices de delincuencia. Con todo, outros denunciaron este carácter autoritario, acusando a Lee de ditador.

Lee, a pesar de deixar o cargo de primeiro ministro en 1990, seguiu no goberno como ministro sen carteira; primeiro como Senior Minister mentres Goh Chok Tong foi primeiro ministro ata 2004; e dende entón Mentor Minister, pois cando o seu fillo Lee Hsien Loong substituíu a Goh Chok Tong como primeiro ministro, este último asumiu o cargo de Senior Minister.

Moitos aplaudiron o seu modelo de desenvolvemento económico e outros consideraron que este se acadou en detrimento dunha sociedade plenamente democrática. A comezos de 2015, foi internado de urxencia debido a unha pneumonía grave e posteriormente foi conectado a máquinas para mantelo con vida. Finalmente, faleceu o 23 de marzo á madrugada. Aínda que deixara de ser primeiro ministro en 1990, ata o seu último día mantivo o seu posto no goberno e a súa acta de parlamentario.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Gordon, Uri (2000). Machiavelli's Tiger: Lee Kwan Yew and Singapore's Authoritarian regime Josey, Alex (1980). Lee Kuan Yew – The Crucial Years. Singapur e Kuala Lumpur: Times Books International.

Ligazóns externas The Singapore Story: Memoirs of Lee Kuan Yew *. Consultado o 22 de marzo de 2015. ली क्वान यू और उनकी विरासत | Lee Kuan Yew and his legacy Tribute to Lee Kuan Yew The Straits Times – Remembering Lee Kuan Yew The Straits Times – Mr Lee Kuan Yew’s funeral procession

Categoría:Primeiros ministros de Singapur Categoría:Nados en Singapur Categoría:Nados en 1923 Categoría:Finados en 2015