Juan Carlos Varela Rodríguez, nado en Cidade de Panamá o 12 de decembro de 1963, é un enxeñeiro, empresario e político panameño, que foi presidente de Panamá de 2014 a 2019.
Antes exercera os cargos de vicepresidente da República de Panamá, desde o 1 de xullo de 2009 até o 1 de xullo de 2014 e de ministro de Relacións Exteriores dende o 1 de xullo de 2009 até o 30 de agosto de 2011, ao ser destituído polo presidente Ricardo Martinelli, acto que provocou a ruptura da alianza gobernamental entre o Partido Panameñista, presidido por Varela e Cambio Democrático, presidido por Martinelli.
Tras as eleccións presidenciais do 4 de maio de 2014, foi elixido presidente de Panamá por parte da alianza entre o Partido Panameñista e o Partido Popular.
Traxectoria Posúe ascendencia galega, xa que o seu avó José Varela Blanco, emigrou a Panamá en 1896 e era orixinario de Bergondo na provincia da Coruña. Ten tamén raíces familiares na provincia de Herrera. Cursou estudos de primaria e secundaria no Colegio Javier. Os seus estudos universitarios realizounos no Instituto de Tecnoloxía de Xeorxia, en Estados Unidos, onde obtivo o título (BSc) de Enxeñeiro Industrial.
É empresario do sector privado e desempeñouse como directivo desde 1985 do grupo Varela do que foi vicepresidente executivo até xaneiro de 2008. Dende o sector privado, Varela apoiou proxectos sociais, de cultura, de deporte, educativos, folclóricos e do medio ambiente, a través da empresa Varela Hermanos S. A.
Iniciouse no panameñismo dende moi novo, cando aos 14 anos acompañou ao seu pai a traballar na provincia de Chiriquí, participando en xiras de organización do Movemento Panameñista en 1977, coa apertura democrática que se deu para a firma dos Tratados Torrijos-Carter.
Participou na campaña presidencial de 1984 con Arnulfo Arias Madrid e na de 1989 co presidente Guillermo Endara. Foi un dos coordinadores da campaña presidencial de Alberto Vallarino en 1999, candidato á Presidencia por unha alianza de partidos políticos liderada pola Democracia Cristiá, opóndose á candidatura de Mireya Moscoso, polo Partido Arnulfista. Participou como director nacional do Partido Arnulfista de 1992 a 1999. No 2004 axudou na coordinación de campañas de varios deputados, alcaldes e representantes, moitos dos cales foron electos e con eles iniciou un movemento de renovación no Partido Panameñista.
O presidente Ricardo Martinelli anunciara publicamente que Juan Carlos Varela era o candidato presidencial da alianza gobernamental para as eleccións de 2014. Con todo, Martinelli retractouse e logo de disputas entre membros dos partidos Cambio Democrático e Panameñista, Varela foi destituído do seu cargo de ministro o 30 de agosto de 2011 por Martinelli, provocando o final da alianza gobernamental e a renuncia dos membros do panameñismo no goberno.
Eleccións de 2014 O 17 de marzo de 2013, converteuse en candidato oficial á Presidencia da República polo Partido Panameñista tras obter máis do 99 % dos votos nas primarias do partido.
O 25 de agosto Varela foi proclamado candidato da Alianza “El Pueblo Primero”, formada polo Partido Panameñista e o Partido Popular co apoio do movemento político “Los Gallos de Verdad”, persoas disidentes do Partido MOLIRENA e sectores independentes do país.
O 4 de maio de 2014 obtivo a vitoria nas eleccións presidenciais ao vencer ao candidato oficialista José Domingo Arias cun 39 % dos votos emitidos. Asumiu o cargo de presidente de Panamá o 1 de xullo sucedendo a Ricardo Martinelli.
Vida privada Está casado coa xornalista Lorena Castillo García e ten tres fillos: Gian Carlo, Adrián e Stefan.
Distincións
Colar da Orde pro Merito Melitensi (Orde de Malta).
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Vicepresidente de Panamá · Presidencia.gob.pa Toma de posesión Juan Carlos Varela. Biografía oficial de Juan Carlos Varela Biografía de Juan Carlos Varela por CIDOB Artigos en Wikinoticias: Juan Carlos Varela es electo nuevo presidente de Panamá
Categoría:Políticos de Panamá Categoría:Presidentes de Panamá Categoría:Panameños de ascendencia galega Categoría:Nados na diáspora galega Categoría:Nados en 1963