O segrel (se.grel sm / do provenzal segrer) era un nobre de máis baixa escala que o trobador e que aceptaba unha retribución pola interpretación das súas composicións. É unha figura exclusiva da escola galego-portuguesa, xa que non existe nas demais literaturas europeas da época. A diferenciación entre segrel e xograr non está clara, é por isto que aparentemente o termo segrel facía referencia a músicos máis exitosos que os xograres, xa que eran fidalgos que andaban de cidade en cidade presentando as súas composicións.

Historia Non sabemos moito sobre esta figura da literatura galego-portuguesa. Os estudos afirman que eran persoas de orixe nobre, e polo tanto con acceso a educación. A súa posición permitíalles posuír cabalos e facer máis viaxes ás principais cidades da época para a presentación dos seus traballos. Mesmo existía unha especie de tarifa nas cidades de destino que, no caso dun xograr ou dun segrel o bastante adiñeirado como para dispor de montura, podía ascender ata os cen marabedís.

O segrel, aínda que de orixe nobre, carecía de recursos suficientes para ascender a cabaleiro e, polo tanto, procuraba a súa subsistencia de castelo en castelo, entretendo á alta nobreza.

Co auxe das cidades chegou tamén un incremento no número de poetas de orixe nobiliario fronte aos xograres. Esta situación provocou na lírica galego-portuguesa a aparición de dous puntos de vista enfrontados. Por unha banda estaban os trobadores e os segreles, que posuían unha maior conciencia clasista e, por outra, os xograres, os cales defendían unha reivindicación do seu oficio.

Existía unha forte competencia entre trobadores, xograres e segreles, especialmente no referente á calidade das composicións e ás retribucións económicas a percibir. Cando os primeiros vían perigar a súa arte podían negarlles os pagos aos segundos se estes ousaban compoñer.

Críticas A miúdo o termo segrel era empregado como un insulto ou menosprezo para referirse a outro trobador ou personalidade pública, especialmente nas cantigas de escarnio. Pero da Ponte compuxo unha cantiga deste tipo na que trata a Bernal de Bonaval de “segrel”:“mais vós, que tod´entendedes quant´entendede bon segrel [...] pera que demo queredes puta que nonha mester?” Bonaval a miúdo ía acompañado de malas mulleres, o cal non lle concedeu boa fama nas cortes reais. Nunha tenzón entre Joán Soárez e Picandón menciónase:“Joán Soárez, por me deostarden non perç’eu por eso mia jograria; e a vós, senhor, mehor estaría d’a tod’home de segrel ben buscardes”

Segreis coñecidos Bernal de Bonaval: Segrel galego do s.XIII. O seu nome aparece por veces como Bernaldo ou Bernardo.

Mantiña vínculos co Convento de San Domingos de Bonaval e a súa actividade poética desenvolveuse nas cortes de Fernando III de Castela e de Afonso X o Sabio.

No referente ao seu estilo, mantense fiel ás tradicións líricas pretobadorescas, en detrimento dos modelos provenzais.

Da súa obra consérvanse 19 cantigas; 10 cantigas de amor, 8 cantigas de amigo e a última é unha tenzón escrita xunto con Abril Pérez.

Pero da Ponte:

Poeta medieval activo entre 1230-1260 aproximadamente.

Posiblemente galego e escudeiro, Alfonso Eanes de Coton denomínao segrel:"En nossa terra, se Deus me perdon a todo escudeiro que pede don a mais das gentes lhe chama segrel".Ao igual que Bernal de Bonaval, Pero da Ponte estivo activo nas cortes de Fernando III e Afonso X.

Con respecto a súa obra, cabe dicir que é autor de 53 textos: sete cantigas de amor, sete cantigas de amigo, vinte e tres cantigas de escarnio e maldicir, tres sátiras literarias contra Sueiro Eanes, un pranto burlesco, catro sirvientes morais, dous eloxios, catro prantos, unha tenzón e un partimén.

Cabe destacar que Pero da Ponte compuxo unha cantiga dirixida a María Balteira, unha das máis famosas entre as xa pouco coñecidas soldadeiras. O autor utiliza esta peza como unha escusa para criticar a Balteira pola súa coñecida vida libertina.

Exemplos de cantigas compostas por segreis Bernal de Bonaval: Ai Deus! e quem mi tolherá gram coita do meu coraçom no mundo, pois mia senhor nom quer que eu perça coita já? E direi-vos como nom quer: leixa-me, sem seu bem, viver coitad'; e se mi nom valer ela, que mi pode valer,

no mund'outra cousa nom há que me coita nulha sazom tolha, se Deus ou morte nom, ou mia senhor, que nom querrá tolher-ma. E pois eu hoer por mia senhor mort'a prender, Deus, meu Senhor, se lhi prouguer, mi a leix'ant'ũa vez veer.

E se mi Deus quiser fazer este bem, que m'é mui mester, de a veer, pois eu poder veer o seu bom parecer, por en gram bem mi per fará – se m'El mostrar ũa razom, de quantas end'eu cuid'acá a dizer, que lhi diga entom. Pero da Ponte: María Pérez, a nossa cruzada, quando veo da terra d’Ultramar, assí veo de pardón carregada que se non podía con el emerger; mais furtan-lho, cada u vai maer, e do perdón ja non lhi ficou nada.

E o perdón é cousa mui preçada e que se devía muit’a guardar; mais ela non ha maeta ferrada en que o guarde, nen a pod’haver, ca, pois o cadead’én foi perder, sempr’a maeta andou descadeada.

Tal maeta como será guardada, pois rapazes albergan no logar, que non haja seer mui trastornada? Ca, o logar u eles han poder, non ha pardón que s’i possa asconder, assí saben trastornar a pousada!

E outra cousa vos quero dizer: atal pardón ben se dev’a perder, ca muito foi cousa mal ganhada. Notas

Véxase tamén Bibliografía "A Diferença Entre Trovadores, Jograis E Segréis". Artedetrovar.Blogspot.Com, 2016. "Estudios De Literatura Medieval. 25 Años De La Asociación Hispánica De Literatura Medieval" . Pérez Martínez, Antonia; Baquero Escudero, Ana Luisa, 2012. Sérgio, Ricardo. "OS ARTISTAS DAS CANTIGAS - Estudos Literarios". Recanto Das Letras, 2013. "O Trovadorismo Galego-Português" . Colégio Web, 2012. Magdalena. "TROBADORES, JUGLARES Y SEGRELES EN LA LÍRICA MEDIEVAL DE GALICIA", 2018. Oliveira, António Resende de. Depois do espectáculo trovadoresco. Ed. Colibri, 1994.

Categoría:Literatura Categoría:Literatura galega medieval Categoría:Nobres de Galicia Categoría:Nobres de Portugal Categoría:Títulos nobiliarios