O carteiro de Bagdad é unha novela do escritor Marcos Calveiro, publicada por primeira vez no ano 2007 por Edicións Tambre. Recibiu o XVIII Premio Ala Delta de Literatura Infantil nese mesmo ano, e o Premio White Ravens no 2008. Consta de doce capítulos.
A historia deste libro transcorre no seo dunha familia do barrio de Karrada, en Bagdad. Atópanse sumidos na guerra, a pobreza e o medo, enfróntandose sunitas e chiítas e provocando o desastre. A novela é tamén un retrato da realidade desta cidade e das diferenzas étnico-relixiosas do país que se remontan á primeira guerra mundial.
Personaxes principais
Abdulwahid (o neno) Ibrahim (o pai) Fatiha (a nai) Ahmed (o amigo)
Trama A historia transcorre no barrio de Karrada, en Bagdad, a antiga cidade máis grande da Terra ou Cidade da Paz. Atópase en guerra, e móstrase toda a pobreza e o medo ao que están expostos os habitantes. A cidade resiste baixo as bombas, os comercios están tapiados, os colexios non funcionan e os nenos xogan nas súas casas. O país recibe ameazas externas dos Estados Unidos e a coalición de países que atacan a Iraq, e mostra os enfrontamentos entre sunitas e chiítas.
O protagonista da historia é Abdulwahid, un neno de once anos chamado igual que o levantador de pesas do seu país, recordado por todos por conseguir unha medalla de bronce nas olimpíadas, sendo o único na historia de Iraq; un feito inesquecible. Pertence a unha familia sunita, e non entende porque non pode xogar co seu amigo Ahmed, de familia chiíta. O seu pai é carteiro e todos os días vai traballar na súa motocicleta con esperanza, convencido da importancia de levar noticias ás familias castigadas pola dor de non saber o destino dos seus familiares. No seu peto leva unha carta que se propón entregar, custe o que custe.
Ao longo do libro, o carteiro cóntalle ao seu fillo historias, noticias, mitos e anécdotas de todo tipo.
Traducións
Ao castelán por Ignacio Chao co título de El cartero de Bagdad, publicado en 2007 por Editorial Edelvives, colección Ala Delta.
Notas
Véxase tamén Bibliografía Calveiro, M. (2010). O carteiro de Bagdad. Ilust. Miguel Ángel Díez. Vigo: Tambre, col. Ala Delta, núm. 21.
Categoría:Obras literarias de 2007 Categoría:Novelas en galego