Un padrón molecular asociado a patóxenos, abreviado PAMP (do inglés pathogen-associated molecular pattern) é un pequeno motivo de secuencia conservada en moléculas que se encontran nunha clase de microbios. Son recoñecidos polos receptores de tipo Toll (TLRs) e outros receptores de recoñecemento de padrón (PRRs) tanto en plantas coma en animais. Existe un amplo conxunto de tipos de moléculas que poden servir como PAMPs, incluíndo glicanos e glicoconxugados.
Os PAMPs activan as respostas inmunitarias innatas, protexendo o hóspede da infección ao indentificar algunhas moléculas alleas non conservados. Os lipopolisacáridos bacterianos (LPSs), as endotoxinas que se encontran nas membranas celulares de bacterias gramnegativas, son considerados unha clase prototípica de PAMPs. Os LPSs son recoñecidos especificamente polo TLR4, un receptor de recoñecemento do sistema inmunitario innato. Outros PAMPs son a flaxelina bacteriana (recoñecida polo TLR5), o ácido lipoteicoico de bacterias grampositivas (recoñecidos polo TLR2), o peptidoglicano (recoñecido polo TLR2), e variantes de ácido nucleico normalmente asociados con virus, como ARNs bicatenarios, recoñecidos polo TLR3, ou motivos de CpG non metilados, recoñecidos polo TLR9. Aínda que o termo "PAMP" é relativamente novo, o concepto de que as moléculas derivadas de microbios deben ser detectadas por receptores de organismos multicelulares levaba moitas décadas utilizándose, e as referencias a un "receptor de endotoxinas" encóntranse en moita literatura máis antiga.
MAMP
O termo "PAMP" foi criticado porque es moléculas detectadas exprésanse na maioría dos microbios e non só nos patóxenos, polo que algúns propuxeron o termo padrón molecular asociado a microbios (MAMP) como alternativa máis correcta. Propúxose que para constituír un PAMP (específico de patóxeno) cómpre que un sinal de virulencia con capacidade de unirse a un receptor de patóxenos se combine cun MAMP. (Texto completo libre dispoñible) A inmunoloxía de plantas trata frecuentemente os termos "PAMP" e "MAMP" de maneira intercambiable, e considérase que a primeira etapa na inmunidade das plantas é a inmunidade desencadeada por PAMP ou PTI (do inglés PAMP-triggered immunity), unha resposta inmunitaria relativamente feble que aparece cando a planta hóspede non recoñece tamén efectores patoxénicos que a danan ou modulan a súa resposta inmune.
Notas
Véxase tamén Outros artigos DAMP
Ligazóns externas
Categoría:Sistema inmunitario