Albertosaurus (que quere dicir "lagarto de Alberta") é un xénero de dinosauro terápodo que viviu en Norte América occidental durante o período Cretáceo tardío, hai 70 millóns de anos. A especie tipo, A. sarcophagus, estaba aparentemente restrinxida ó que hoxe se coñece como a provincia canadense de Alberta, razón pola cal leva o seu nome. Os científicos non concordan co contido do xénero, recoñecendo algúns deles o Gorgosaurus libratus como unha segunda especie.
Como membro da familia Tyrannosauroidea, Albertosaurus era un depredador bípede con dúas pequenas mans e unha testa masiva con ducias de dentes longos e afiados. É posible que estivese no máis alto da súa cadea trófica no seu ecosistema. Mentres que o Albertosaurus era grande para ser un terápodo, era moito máis pequeno que o famoso Tyrannosaurus rex, medindo entre nove e dez metros de longo e pesando algo menos de 2 toneladas.
Dende a primeira descuberta en 1884, recuperáronse máis de 30 exemplares fósiles, o cal achegou ós científicos un coñecemento máis polo miúdo da anatomía do Albertosaurus en comparanza con outros tiranosáuridos. O descubrimento de 26 individuos nun único lugar achega evidencias dun comportamento de caza en manda e permitiu estudos de ontoxenia e poboación biolóxica, os cales son imposibles en dinosauros menos coñecidos.
Descrición Albertosaurus era máis cativo ca outros tiranosáuridos, como o Tarbosaurus ou o Tyrannosaurus. Polo xeral, os adultos de Albertosaurus roldaban os 9 metros de longo, mentres que individuos de máis idade podían chegar a medir até 10 metros de longo. Varias estimacións de masa independentes, obtidas a través de diferentes métodos, suxiren que un Albertosaurus adulto podía pesar entre 1,3 toneladas e 1,7 toneladas.
Albertosaurus compartía unha aparencia de corpo semellante a tódolos demais tiranosáuridos. Como terápodo, Albertosaurus era bípede e equilibrada a súa pesada testa e o seu torso cunha longa cola. Porén, as extremidades anteriores dos tiranosáuridos eran extremadamente pequenas en relación ó tamaño do seu corpo e só tiñan dous díxitos. As súas extremidades posteriores eran longas e remataban en pés con catro dedas, das cales o primeiro díxito, chamado hallux, era curto e non chegaba a tocar o chan. O terceiro díxito era o máis longo de todos. Albertosaurus podía alcanzar velocidades de 14−21 km/hour. É posible que os individuos máis novos puidesen alcanzar maiores velocidades. (non impreso até 2000)
Coñécense dúas impresións da pel de Albertosaurus, ámbalas dúas amosando escamas. Unha das mostras foi descuberta con algunhas costelas gástricos e a impresión dun óso longo e descoñecido, o que indica que a mostra é do ventre. As escamas son pequenas e medran gradualmente tomando unha forma hexagonal. Tamén se conservan dúas escamas de características máis grandes, colocadas a unha distancia de 4,5 cm. Outra impresión de pel procede dunha parte descoñecida do corpo. As escamas son pequenas, con forma de diamante e dispostas en fila.
Notas
Categoría:Dinosauros Categoría:Fósiles descritos en 1905