María Manuela Ramona Rey González ou Manuela Lopes Rey, nada en San Vicente de Trigás, Mondoñedo, o 1 de outubro de 1842 e finada no seu domicilio na Praça da Figueira de Lisboa o 26 de febreiro de 1866, foi unha actriz de teatro galego-portuguesa.
Traxectoria Foi a máis vella dos oito fillos de Andrés Rey Expósito e Francisca González, que casaron despois de nacer Manuela, en marzo de 1843. Segundo o libro Manuela Lopes Rey, número 3 da colección Os contemporaneos, editado sobre 1867, foi entregada en adopción a unha familia que formaba parte dunha compañía dramática itinerante. Trasladáronse, sendo Manuela moi nova, a Portugal. Segundo a Grande Enciclopédia Portuguesa e Brasileira o apelido "Lopes" venlle da súa nai adoptiva.
En novembro de 1857 comezou a traballar no Teatro Nacional D. Maria II de Lisboa, onde triunfou en títulos como O filho do cego, A alegria traz o susto, Os homens sérios, Os fidalgos do Bois Doré, Fogo no convento, Vida de um rapaz pobre, Nobres e plebeus e Um cura de almas.
Houbo o rumor de que o rei Pedro V, antes de casar coa princesa Estefanía de Hohenzollern-Sigmaringen, sentiu gran debilidade por ela.
Escribiu algunhas obras como a comedia A actriz e o proverbio Por este deixarás pae e mãe.
Finou de tifo no seu domicilio na Praça da Figueira e, tras un multitudinario cortexo fúnebre, foi soterrada no Cemitério dos Prazeres.
Dionisio Gamallo Fierros foi un dos seus biógrafos.
Galería de imaxes
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Ligazóns externas
Categoría:Actores de teatro de Galicia Categoría:Nados en Mondoñedo Categoría:Nados en 1842 Categoría:Finados en 1866 Categoría:Finados por tifo Categoría:Artigos creados co asistente para a creación de artigos Categoría:Escritores en lingua portuguesa Categoría:Dramaturgos de Galicia Categoría:Actores de teatro de Portugal