miniatura|Interior da igrexa o día do patrón. miniatura|alt=|Imaxe de S. Pexerto. miniatura|Imaxe procesional. Pexerto é un suposto mártir cuxos restos se veneran na igrexa parroquial de Buciños en Carballedo.
Nome O nome Pexerto é de orixe descoñecida, a única referencia é a lápida coa inscrición latina PEGERTVS. A pronuncia do nome en galego debe ser Pexerto segundo o Diccionario dos nomes galegos e a RAG, aínda que popularmente e debido á castelanización da Igrexa sexa maioritaria a pronuncia Pegerto ou mesmo Peguerto (con contragheada).
Correspondencias: portugués Pegerto (en Portugal e o Brasil tamén se atopa Peguerto), español Pegerto, catalán Pegert. Levan o nome entre outros Pegerto Saavedra e Pegerto Pardo Balmonte.
O nome empezou a usarse nesta zona da Galicia interior arredor de 1850. Na contorna de Carballedo houbo moitos curas e algúns deles, chamados Pegerto, ocuparon cargos no Seminario de Lugo, feito que axudou a espallar o nome pola diocese lucense. Segundo o INE en 2018 había en España 58 persoas con ese nome e cunha idade media de 71,2 anos. Os datos do IGE para ese mesmo ano amosan que 47 deses homes eran galegos; entre eles, 13 veciños de Carballedo e 9 de Chantada.
Historia e lenda O San Pexerto de Buciños é un "santo novo" catacumbal galego —coma san Campio ou santa Minia—, que recibe culto desde non hai moitos anos. miniatura|Lápida marmórea co nome PEGERTVS. O bispo José Antonio Ribadeneira, nado no pazo da Casa Grande de Loureiro en Buciños, conseguiu en 1830 a doazón, durante a súa estadía en Roma, do corpo dun suposto mártir, extraído do cemiterio das catacumbas de san Calisto xunto co vaso do seu sangue e unha lápida marmórea que levaba inscritos un monograma ou crismón XP e o nome PEGERTVS . As cinzas foran atopadas no mes de xaneiro de 1823. Ribadeneira puxo nas mans do bispo de Lugo tres anos máis tarde, xa cando era bispo de Valladolid, as reliquias que trouxera de Roma solicitándolle o día 9 de setembro como data para a festividade do novo santo, con 40 días de indulxencia aos que orasen diante do corpo do mártir, o que foi concedido en 1832.
Máis nada se sabe da vida ou morte de Pexerto á parte de seren súas as cinzas atopadas no Cemiterio de San Calisto (Papa do 217 ao 222). Canto ao vaso de sangue, pode ser un recipiente para perfumes que acompañaba o defunto. Sobre o anagrama de Cristo, XP, este non empezou a usarse ata rematadas as persecucións aos cristiáns, polo que puido ser colocado na tumba tempo despois do enterro para evitar violacións do corpo e salvagardar a súa integridade.
A auténtica das reliquias está asinada por Fr. Johannes Augustini: “Pexerto foi atopado no mencionado cemiterio o 28 de xaneiro do ano 1823, unha vez vestido nobremente que segundo o costume dos antigos romanos volvemos colocar reverentemente nunha urna de madeira adornada con ouro, protexida na súa parte de ouro con dobre cristal —a data, en Roma, o día 29 do mes de novembro do ano 1830—. Este sagrado Corpo doado por nós el mesmo o doou na nosa presenza en favor da memorable igrexa de San Miguel de Buciños e temos por válida a súa doazón”.
Nun breve pontificio do 28 de setembro de 1831, no que o Papa Gregorio XVI autoriza a reter o arcediagado de Baeza, fálase do traslado dos restos do mártir: "Nisto (en terse conservado libre de perigos de mar e terra el e os seus) vemos a eficacia da protección de San Pexerto que, colocado nunha urna, decentemente disposta, indicas ter sido o teu compañeiro de viaxe". Despois da navegación polo Mediterráneo, Ribadeneira chega a Barcelona coas reliquias en marzo de 1831. E desde Barcelona a Lugo nunha carroza que, segundo a tradición aínda se conserva no Pazo de Tor. E desde Lugo acompañado de numerosos devotos seguiu cara a Buciños.
O crego Benigno González Taboada (1870-1976) contaba o que lle escoitou sobre a chegada do San Pexerto de Buciños ao seu avó: “nunha liteira (en forma de andas) en dous cabalos, saíu ao camiño a recibilo unha multitude de xente e ao pasar Viana, no camiño fronte á igrexa de Santa Cruz, os cabalos axeonlláronse, chamando a atención aquel feito a toda a xente que viña acompañándoo; e iso non é conto que el mesmo o viu cos seus propios ollos” (a quen os animais lle farían a venia sería ao Corpo Santo de Santa Cruz de Viana —o dominico Frei Miguel González, do século XIII—). Outras fontes populares contan algo semellante: en Viana saíron a recibir o santo coa imaxe de Frei Miguel González e as mulas axeonlláronse ao chegaren xunto ao Corpo Santo. O cura párroco de Buciños don Manuel contaba que o santo quedara en Buciños porque fora o terceiro lugar onde pararan os animais.
Ao chegar a Buciños na primavera de 1832 houbo gran festa e cerimonia relixiosa.
O Santuario de San Pexerto de Buciños Baixo a imaxe de Nosa Señora do Rosario na igrexa de Buciños repousan as reliquias do santo dentro dunha urna de madeira dourada e dobre cristal por diante que mide 1,80 m de longo, 0,55 de ancho e 0,88 de alto. Ademais da lápida, os restos do San Pexerto foron revestidos dun material adecuado, dándolle a forma de imaxe xacente dun mozo novo en cera, con abundante pelo e barba, os ollos e a boca medio aberta, desta imaxe dicíase que tiñan que lle cortar a barba porque lle medraba o mesmo ca ao Santo Cristo de Ourense; e tamén se contaba que mesmo lle medraban as uñas das mans e dos pés. Ademais está revestido á moda da época e recostado na urna.
Hai outra imaxe do santo que sae de primeira na procesión do día 9 e de última na procesión do patrón, o San Miguel, o 29 do mesmo mes. En Buciños celebran dúas festas en setembro. En toda a contorna o día 9 de setembro é o día de San Pexerto. Tamén se fundou na parroquia unha confraría de San Pexerto.
Desde a traslación dos restos axiña se espallou o culto ó santo catacumbal, atribuíndoselle moitos milagres. Mesmo se chegou a escribir un Libro de milagres de San Pexerto, manuscrito do arquivo parroquial de Buciños. A fama deste mártir chega a Portugal a través dos emigrantes galegos e alí vai ser coñecido como "o Santo da Galiza".
Coma san Campio, é protector dos mozos que se incorporan a quintas e dos soldados. Tivo moitos devotos porque pillou tempos de moitas guerras tanto no século XIX coma no XX. Mais tamén era avogoso para calquera petición dos seus devotos. O crego don Benigno González contaba que de neno era delicado de saúde, seus pais ofrecéronlle un becerro ao santo de Buciños e el mellorou (chegou a facer os 105 anos). O 8 de setembro é a romaría da Nosa Señora do Faro (a dúas horas de camiño a pé) e era tradición que moitos romeiros seguisen desde o monte xa para Buciños e seguir coa festa do San Pexerto.
O San Pexerto ata aparece citado como terror do demo Azazel.
Oracións
Novena de San Pexerto 1. Oración para empezar todos os días:
Señor e Deus noso, que con singular e amorosa providencia dispuxeches que o corpo do glorioso mártir San Pexerto fose trasladado desde Roma a España e depositado nesta igrexa de San Miguel de Buciños... Concédenos, Rogámosche, pola túa poderosa intercesión: unha fe tan viva, que transforme as nosas vidas, e esteamos, coma San Pexerto, dispostos a confesala co noso sangue; unha esperanza sen límites nas túas promesas e auxilios; e unha caridade tan ardente, que abrase o noso corazón en amor a Ti e os teus irmáns. Concédenos igualmente practicar todas a virtudes morais que nos asemellen ao teu Fillo e a San Pexerto: cumprir fielmente a túa vontade en todas as ocasións; amar a Virxe como verdadeira Nai nosa; e gozar un día no Ceo, ao teu lado, da súa maternal compañía e da de San Pexerto. Por Xesucristo o Noso Señor. Amén.
2. Lecturas para os nove días: Deus éo todo para o home; Fe, Esperanza e Caridade; as virtudes morais; os Mandamentos; a oración; os sacramentos; a devoción á Santísima Virxe; o culto aos Santos e as súas reliquias; todos estamos chamados á santidade.
3. Preces:
a) Para que a Igrexa sexa un faro de luz que alumee e guíe a todos os pobos polos camiños do Evanxeo, -Pregamos ao Señor.
-Escóitanos, Señor, por intercesión de San Pexerto.
b) Para que os gobernantes sexan fieis servidores da paz, a xustiza, a cultura e a liberdade dos súbditos, -Pregamos ao Señor.
-Escóitanos, Señor, por intercesión de San Pexerto.
c) Para que a fe guíe a nosa vida e a nosa vida estea en coherencia coa nosa fe, -Preguemos ao Señor.
-Escóitanos, Señor, por intercesión de San Pexerto.
d) Para que a esperanza cristiá nos leve a vivir con ilusión e a confiar no poder, a sabedoría e o amor de Deus, noso Pai, -Preguemos ao Señor
-Escóitanos, Señor, por intercesión de San Pexerto.
e) Para que o amor a Deus nos leve a aceptar a súa vontade con gozo e alegría en todas as circunstancias da vida, -Preguemos ao Señor.
-Escóitanos, Señor, por intercesión de San Pexerto.
f) Para que saibamos aproveitarnos con frecuencia da graza dos Sacramentos, especialmente do Perdón e da Eucaristía, -Preguemos ao Señor.
-Escóitanos, Señor, por intercesión de San Pexerto.
g) Para que en todo momento saibamos acudir ao agarimo maternal da Santísima Virxe, sempre disposta a escoitarnos e a socorrernos, -Preguemos ao Señor.
-Escóitanos, Señor, por intercesión de San Pexerto.
h) Para que, se é para gloria de Deus e proveito noso, El Señor nos conceda a graza especial que hoxe lle pedimos por intercesión de San Pexerto, -Preguemos ao Señor.
-Escóitanos, Señor, por intercesión de San Pexerto.
4. Oración final.
Oh, Deus, fortaleza dos que en ti confían, que robusteciches coa túa graza o glorioso mártir San Pexerto ata derramar xenerosamente o seu sangue por confesar a Fe; concédenos que, co seu exemplo admirable e coa súa poderosa intercesión, poidamos vencer valorosamente todas as adversidades da vida, para reinar despois cos benaventurados no Ceo, polos séculos dos séculos, Amén.
Segundo o decreto 254 45 do 2 de maio de 1946 o Bispo de Lugo concede 100 días de indulxencia aos devotos por rezaren diante das reliquias do santo.
5. Himno a San Pexerto:Santo Pexerto valoroso mártir hoxe rendémosche corazón e honor, sobre a area o teu corazón levanta chamas eternas de aceso amor.
Neno na senda de tirana vida foron os teus ollos. Florecer vivir, alma sedenta e ao teu Deus prendida queres, escolles polo teu Deus vivir.
Rompe as súas furias o Satán tirano Sobre o teu corpo, perfumada flor Roxe a fera, porque ao Deus pagano Negas os votos de oración e honor.
Soldado invicto, querubín ardente, mártir de sangues, en suplicio cruel. Cristo o teu amado, orlará a túa frente sobre a area, ao morrer por El.
Treme a terra, estremece o mundo, óese na altura celestial cantar. É a túa vitoria!, e no caos profundo caen os teus verdugos para alí penar
Somos un pobo fervoroso, ardente Que de Ti espera celestial favor Sobre este rudo camiñar doente Deixa as flores do teu doce amor
Documentos relacionados co San Pexerto
Transcrición do Rescrito pontificio no que se lle conceden a D. José Antonio Rivadeneira os restos de S. Pexerto (traducido ao galego):