O voo 6289 de Air Algérie era un servizo doméstico de pasaxeiros que se esnafrou o día 6 de marzo de 2003 no aeroporto de Aguenar-Hadj Bey Akhamok en Alxeria, matando a 102 dos 103 ocupantes do avión.
Testemuñas dixeron que un dos seus motores estoupou e incendiouse segundos despois da engalaxe. O tren de aterraxe aínda estaba estendido cando isto pasou. O avión entón levantouse bruscamente e entrou en perda. O informe final da investigación do accidente concluíu que a causa foi un fallo de motor na engalaxe. Este feito agravouse pola decisión do capitán de tomar o control do avión sen entender a situación e a posterior falta de comunicación entre os dous pilotos.
No seu momento foi o accidente de aviación con máis mortes en chan alxeriano, só superado en 2018 polo accidente do Il-76 da Forza Aérea de Alxeria. Na época tamén foi o peor accidente de Air Algérie, superado 11 anos despois polo voo 5017, un McDonnell Douglas MD-83 que se esnafrou en Malí matando ás 116 persoas a bordo.
Avión e tripulación O voo 6289 estaba operado por un Boeing 737-2T4, con rexistro TV-VEZ e chamado Monts du Daia, que estaba equipado con dous motores JT8D-17A. O avión entrara en servizo o 9 de decembro de 1983, e tiña máis de 40 000 horas de voo antes do accidente. O capitán, de 48 anos, tiña 1 087 horas e 46 minutos de voo no Boeing 737-200 como capitán, mentres que a primeiro oficial, de 44 anos, tiña 1 292 horas e 42 minutos no Boeing 737-200.
A primeira oficial era o piloto ao mando do avión durante a engalaxe. O capitán fíxose co control do aparello cando ocorreu o fallo do motor.
Accidente Ao redor das 14:08 UTC o control de tráfico aéreo autorizou ao avión a rodar ata a pista 02 e o aparello deixou a porta de embarque. Ás 14:12 autorizouselle a engalaxe. A aeronave engalou un minuto despois e o capitán solicitou retraer o tren de aterraxe. A petición foi seguida por un forte ruído aparentemente causado pola rotura do motor esquerdo e o avión desviouse á esquerda.
Ás 14:15 o capitán díxolle á primeira oficial que tomaba o control do avión e insistiu en que deixase os controis para facerse co mando. A primeira oficial deulle os controis ao capitán e ofreceuse a retraer o tren de aterraxe. O capitán non respondeu. O Sistema de Aviso de Proximidade ao Terreo soou despois dúas veces. Co tren de aterraxe aínda estendido creouse resistencia adicional e o avión comezou a perder velocidade a un ritmo alto. Finalmente o aparello entrou en perda e esnafrouse. Tras o impacto o avión esvarou cara ao valado perimetral do aeroporto e cruzou unha estrada antes de parar. Durante o accidente derramouse o combustible que acabou incendiándose e o lume enguliu a fuselaxe.
Consecuencias 96 dos 97 pasaxeiros e os seis tripulantes morreron. O único supervivente do accidente foi un home de 28 chamado Youcef Djillali, que estaba sentado na última fila co cinto de seguridade desabrochado e foi expulsado do avión tras o impacto, escapando do accidente. Djillali foi atopado en coma con múltiples feridas. Porén, recuperou a consciencia o día seguinte. Os médicos dixeron que as súas feridas non eran mortais.
Investigación Antes do voo examináronse o peso e equilibrio do avión e a súa carga e non se informou de ningún problema ao respecto.
Dúas das testemuñas, un enxeñeiro de terra que traballara no aparello accidentado e un controlador de tráfico aéreo que se atopaba na torre no momento do accidente, falaron sobre o que viron cos investigadores. O enxeñeiro dixo:"Atopábame no aparcadoiro e vin ao avión engalar dende a pista 02. Xusto despois da engalaxe o avión desviouse lixeiramente cara a esquerda, despois enderezouse e nese intre decateime de que o aparello estaba perdendo velocidade e altura, co tren de aterraxe aínda estendido, ata o momento do impacto, cando houbo un gran estoupido".O controlador de tráfico aéreo dixo:"O DAH 6389 [sic - o número correcto de voo era 6289] B732 IMMAT: 7T-VEZ solicitou permiso para engalar ás 1402 GMT. Ás 1405 GMT foi autorizado a engalar cunha temperatura de 23°, QNH: 1019. Autorizado por ALGER CCR a inicialmente [nivel de voo] FL280, xusto despois da engalaxe pola pista 02 (1405) escoitouse algún tipo de estoupido, a alarma activouse inmediatamente, o piloto dixo [']temos un pequeno problema[']. . . o avión comezou a caer e esnafrouse preto do limiar da pista 20; o plan de emerxencia activouse inmediatamente tal como estaba previsto. 1) Os servizos de rescate do aeródromo ás 1415. 2) Os servizos civís ás 1416. 3) O hospital xusto despois. Logo o resto dos servizos mencionados no plan de emerxencia".Os instrumentos e as gravadoras de voo examináronse no laboratorio da BEA en París. Os motores enviáronse a Bélxica para ser investigados. O últimos parámetros da gravadora de datos de voo indicaron que o avión estaba a 102 metros sobre o nivel de terra e voaba a unha velocidade de 233 km/h. Os investigadores determinaron que a turbina de alta presión do motor esquerdo rompérase, danando á turbina de baixa presión no proceso. Isto causou unha baixada de potencia no motor, aínda que non se chegou a apagar completamente segundo os datos da gravadora.
Notas
Categoría:Accidentes aéreos en Alxeria Categoría:Accidentes e incidentes de Air Algérie Categoría:Accidentes e incidentes de Boeing 737 Categoría:Accidentes e incidentes aéreos en 2003