Dende o conflito é unha novela en lingua galega de María Reimóndez, editada por Edicións Xerais de Galicia en 2014 logo de gañar o Premio Xerais. Xunto coas obras A música dos seres vivos e En vías de extinción conforma o «Ciclo dos elementos».

Trama

Saínza Combarro é unha xornalista especializada en información internacional. Nas súas reportaxes busca dar voz ás mulleres, e evitar o cinismo e a resignación. En 1999 cobre o xenocidio de Ruanda para The Guardian. Despois comeza a traballar na BBC, e en 2003 cobre a guerra de Iraq, onde vive a morte de José Couso en Bagdad. Nesa etapa fai tamén entrevistas para The Sunday Times, reportaxes sobre a prisión de Abu Ghraib e a zona do Kurdistán.

Regresa a Galiza logo duns ataques de ansiedade, e retoma a relación coas súas irmás Ilduara e Saleta (nomeada así por Saleta Goi). Na primavera de 2005 vai a Adís Abeba para cubrir as eleccións en Etiopía, nas que resultou reelixido Meles Zenawi malia as protestas populares polas sospeitas de fraude electoral. Logo dunha etapa de estrés, pídelle permiso á súa xefa para pasar un ano na zona rural de Etiopía para escribir un libro. Pasa ese tempo sobrevivindo con mulleres rurais, e a experiencia dá pé ao libro En terras de altos cumios, publicado en 2008. Durante este tempo perde a relación coa súa amiga Aurora, xornalista que vive en Barcelona, e traballa en El País na sección de deportes, e que traballou tamén en L'Équipe. Doutra banda, na súa casa Saínza vive a separación da súa nai, farmacéutica en Vilalba, e o seu pai, médico en Santiago de Compostela.

Comeza unha relación con Max, un home de Berlín, e múdase alí para escribir A semente da guerra. Alemaña 50 anos despois da Segunda Guerra Mundial (2010). En 2009 vai a Sri Lanka, e despois en Afganistán sofre feridas de metralla por un atentado, que acaba coa vida da súa compañeira Jane, fotógrafa. Cando el, que traballa de enxeñeiro na industria aeronáutica, decide deixar a relación, Saínza vese moi afectada.

En 2010 vai a Léogâne e Porto Príncipe, e alóxase coas tropas brasileiras da misión das Nacións Unidas en Haití. Despois de que Max decidise deixar a relación de parella regresa a Santiago de Compostela, onde se establece. O libro remata en xaneiro de 2013 cun final aberto con Saínza marchando a Malí.

Narración A obra está narrada en terceira persoa. A trama esténdese aproximadamente ao longo de catorce anos, con varias analepses á infancia e mocidade de Saínza.

Hai citas de Sofía Casanova, Marie Colvin, Jon Swain, Martha Gellhorn, Lara Logan e Bay Fang, e referencias a Emma Goldman e Margaret Mitchell.

A trama da novela entra en relación con outras obras da autora, xa sexa de forma explícita (indícase que un dos personaxes que aparece é a protagonista de En vías de extinción) como de forma implícita:

Boa parte das vivencias da protagonista foron vividas en primeira persoa pola propia autora. Notas

Véxase tamén Ligazóns externas

Categoría:Obras literarias de 2014 Categoría:Novelas en galego Categoría:Obras gañadoras do Premio Xerais Categoría:María Reimóndez