Nieves Delgado, nada en Ferrol o 5 de agosto de 1968, é unha escritora galega de ciencia ficción gañadora dun Premio Ignotus polo seu relato curto Casas Rojas. Escribiu dúas novelas curtas, multitude de relatos e varios artigos. É editora das Visións 2018 (AEFCFT, 2018). Ademais, compaxina a súa faceta de escritora coa de profesora de física en educación secundaria.
Traxectoria Estudou Física na Universidade de Santiago de Compostela para especializarse máis tarde en Astrofísica na Universidade de La Laguna, Tenerife.
Os seus coñecementos de ciencia unidos á súa paixón polos xéneros de ciencia ficción e terror fixeron que a súa obra vire cara á tecnoloxía e a intelixencia artificial, case sempre cun claro compoñente de reflexión filosófica. Empezou a publicar no ano 2012 (La condena) e en breve recibiu o seu primeiro nomeamento ós Premios Ignotus polo seu relato Dariya (2014). O ano seguinte, volveu estar nomeada polo seu relato Casas Rojas e esta vez si que obtivo a vitoria na categoría de mellor conto.
En 2016, presenta a súa colección de relatos Dieciocho engranajes. Relatos de futuro (Adaliz Edicións, 2016) e en 2017 a súa primeira novela curta 36 (Editorial Cerbero, marzo de 2017).
En 2018 recibiu dous nomeamentos ós Premios Ignotus: Premio Ignotus á Mellor novela curta por 36 (Editorial Cérbero, 2017) e Premio Ignotus ó mellor artigo pola segunda división da literatura, en Editorial Cerbero (xullo de 2017). A súa última novela até o momento é UNO (Editorial Cerbero, xaneiro 2018).
Notas
Categoría:Nados en 1968 Categoría:Nados en Ferrol Categoría:Escritores de Galicia en lingua castelá Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Alumnos da Universidade de La Laguna Categoría:Profesores de educación secundaria