miniatura|238x238px|Retrato do marqués da Ensenada A Gran Redada, tamén coñecida como Prisión xeral de ciganos, pretendía o exterminio biolóxico do pobo cigano en España. Decretado que debían de permanecer cativos até a morte, constou de dúas grandes operacións: unha entre a noite do 30 de xullo de 1749 e a madrugada do día seguinte e outra a partir da terceira semana de agosto (en Cataluña e nalgunhas localidades onde non chegou a orde inicial de prisión, especialmente Málaga, Cádiz e Almería). Foi unha disposición autorizada polo rei Fernando VI e organizada en segredo polo marqués da Ensenada xunto co bispo de Oviedo Gaspar José Vázquez Tablada.
Antecedentes O acontecemento resulta relativamente insólito, aínda tendo en conta que as tensas relacións da Coroa, e do poder en xeral, coa comunidade xitana xa xeraran anteriormente dúas redadas importantes e outros episodios de discriminación ou persecución.
A primeira gran redada produciuse durante o reinado de Filipe II, cando unha vez instaurada en 1539 a pena de galeras para os ciganos, decidiuse repor os remeiros perdidos tras a batalla de Lepanto (7 de outubro de 1571), a través dunha leva xeral, na que se fixo especial incidencia na captura de todos os ciganos homes que fosen aptos para empuñar un remo. Desenvolvida a redada no inverno de 1571/1572, ordenouse que fosen escravizados os que non estaban aveciñados, e como remeiros libres asalariados cun pequeno soldo os que o estaban. A cantidade total de ciganos debeu alcanzar os tres centenares de persoas, aínda que só algo menos dun centenar foron a parar a galeras ante as dúbidas de moitas autoridades municipais e das numerosas súplicas dos mesmos condenados.Martínez Martínez, Manuel (2004), «Los gitanos en el reinado de Felipe II (1556-1598). El fracaso de una integración.» En Chrónica Nova, 30. Máis tarde, en 1637, os bancos de galeras seguiron demandado máis remeiros, ante as novas necesidades bélicas, polo que novamente se acordou realizar unha redada para capturar o maior número posible de ciganos homes. Sinalado o 19 de decembro de 1639, polo menos medio milleiro deles foron presos, e enviados a galeras uns dous centenares.Martínez Martínez, Manuel (2012), «Los forzados de la escuadra de galeras del Mediterráneo en el siglo XVII. El caso de los gitanos.» En Revista de Historia Naval, 117.
O feito de que o nuncio Enrique Enríquez permitise, mediante decreto, que fosen os bispos de cada diocese os que decidisen en casos de asilo eclesiástico —e non el mesmo, tal e como lle delegou o propio papa—, permitiu un control máis directo sobre a poboación por parte do Estado absoluto. Ao mesmo tempo, a recente Guerra de Sucesión provocara que os campos se enchesen de delincuentes, que se sumaron á chegada e permanencia de tropas mercenarias que vían minguada a súa mobilidade por causa da inseguridade cidadá, que se lle atribuíu aos ciganos.
En 1717, unha pragmática de Filipe V, fixara a residencia forzosa dos ciganos nun número moi determinado de cidades e poboacións —un total de 41 cidades—, con obxecto de sedentarizalos e asimilalos.A razón dunha familia xitana por cada cen habitantes (Gómez Alfaro, óp. cit., páx. 20). Fernando VI, en 1746 ampliou a lista en 34 cidades.Angus Fraser, "los gitanos", editorial Ariel, 2005. Páx. 169. ISBN 84-344-6780-1 Por isto, no momento da organización e execución do plan, a capital, Madrid, estaba chea de ciganoos en espera de reasentamento, pois os procesos burocráticos eran lentos, o que provocou as queixas do propio monarca, que ordenou apurar os trámites para expedir canto antes os ciganos ambulantes ao seu destino e asegurar así a súa localización posterior. Iso permitiu coñecer con exactitude o paradoiro de 881 familias xitanas, incrementando a eficacia da operación.
Os plans foron iniciados polo bispo de Oviedo, Vázquez Tablada e continuados e executados polo marqués da Ensenada cando aquel caeu en desgraza, aínda que ideas parecidas foran xa suxeridas en décadas anteriores, sen chegar a se materializar.
O plan A organización foi levada a cabo en segredo, dentro do ámbito do Despacho de Guerra. Esta institución do Estado absolutista preparou minuciosas instrucións para cada cidade, que debían ser entregadas ao corrixidor por un oficial do exército enviado para o efecto. A orde era abrir esas instrucións nun día determinado, estando presente o corrixidor e o oficial, para lograr a simultaneidade da operación. Tamén se prepararon instrucións específicas para cada oficial, que se faría cargo das tropas que debían levar a cabo o arresto. Nin o oficial, nin as tropas coñecían até o último momento o obxectivo da súa misión. Ambas as ordes ían introducidas nun sobre, ao que se engadiu unha copia do decreto do nuncio, antes mencionado, e instrucións para os bispos de cada diocese. Eses sobres remitíronse aos capitáns xenerais, previamente informados, que escolleron as tropas en función da cidade á que debían dirixirse.
As instrucións estipulaban que, tras abrir os sobres, manteríase unha breve reunión de coordinación do exército e as forzas de orde pública locais (alguacis, etc.). Sábese que en Carmona, por exemplo, estudouse a operación sobre o plano da cidade, cortando as rúas para evitar unha posible fuxida. Tras os arrestos, cruzáronse os datos dos detidos cos do censo da cidade e interrogouse os detidos sobre o paradoiro dos ausentes, que foron arrestados mediante requisitoria aos poucos días.
Tras o arresto, os ciganos deberían ser separados en dous grupos: todos os homes maiores de sete anos nun, e as mulleres e os menores de sete anos noutro. A continuación, e segundo o plan, os primeiros serían escravizados nos arsenais da Mariña, e as segundas ingresadas en cárceres ou fábricas.«Despois de presas todas as referidas familias hanse de separar os homes cos raparigos de sete anos para arriba, e as mulleres cos de menor idade.» Instrucións a un corrixidor. Transcrición de A. Gómez Alfaro do cartapacio 1936.33 do Arquivo municipal de Orihuela, óp. cit., páx. 27. Os arsenais elixidos foron os de Cartaxena, Cádiz (La Carraca) e Ferrol,, e máis tarde as minas de Almadén, Cádiz e Alacant e algunhas penitenciarías do norte de África. Para as mulleres e os nenos escolléronse as cidades de Málaga, Valencia e Zaragoza.San Román, óp. cit., páx. 40. As mulleres tecerían e os nenos traballarían nas fábricas, mentres os homes se empregarían nos arsenais, necesitados dunha intensa reforma para posibilitar a modernización da Armada Española, tendo en conta que as galeras foran abolidas en 1748.Angus Fraser, óp. cit., páx. 170. A separación das familias (co evidente obxectivo de impedir novos nacementos) foi un dos trazos máis crueis da persecución.
O traslado sería inmediato, e non se detería até chegar ao destino, quedando todo enfermo baixo vixilancia militar mentres se recuperaba, para así non atrasar o grupo. A operación financiaríase cos bens dos detidos, que serían inmediatamente confiscados e poxados para pagar a manutención durante o traslado, o alugamento de carretas e barcos para a viaxe e calquera outro gasto que se producise. As instrucións, moi puntillosas nese sentido, estabelecían que —de non bastar ese diñeiro— o propio rei correría cos gastos.
A posta en práctica Diversas cifras baralláronse para computar o efecto da medida adoptada en 1749. A análise dos documentos existentes até o 4 de outubro dese ano, dá a cifra de 7760 ciganos capturados, aos que se deben engadir todas as persoas que faleceron, lograron fuxir e as que quedaron libres antes de ser computadas, como tamén todos aqueles que se capturaron en localidades que non foron incluídas en primeira instancia —algo máis de mil ciganos—, polo que se estima unha cifra aproximada ás 9000 persoas, cantidade que coincide coa que Campomanes deu no seu día, seguramente por manexar esta mesma documentación.Martínez Martínez, Manuel, Los forzados de Marina en el siglo XVIII. El caso de los gitanos (1700-1765). Tese de doutoramento, Universidade de Almería, 2007. Aínda que, hai algúns autores que elevan esta cantidade até 12 000 persoas implicadas, multitude que causou problemas de localización, que foron resoltos sobre a marcha. En cada lugar os feitos desenvolvéronse de maneira particular. En Sevilla, un dos lugares máis densamente poboados de ciganos de toda España (130 familias), creouse un certo estado de alarma cando se ordenou pechar as portas da cidade e os habitantes se decataron de que o exército rodeaba a poboación. A recollida dos ciganos deu lugar a disturbios que se saldaron con polo menos tres fuxitivos mortos. Noutros lugares, os propios ciganos presentáronse voluntariamente ante os corrixidores, crendo talvez que acudían a resolver algún asunto relacionado co seu recente reasentamento.
A meticulosa organización dos arrestos contrasta coa imprevisión e o caos en que se converteu o traslado e o aloxamento, sobre todo nas etapas intermedias das viaxes. Reuniuse os ciganos en castelos e alcazabas, e mesmo se baleiraron e cercaron barrios dalgunhas cidades para aloxar os deportados (por exemplo, en Málaga). Xa no seu destino, as condicións de amoreamento resultaron ser especialmente terríbeis, pois polo xeral incluían o uso de grillóns.
A envergadura do proxecto de exterminio mostrouse moi por encima dos medios dispoñíbeis naquela época, xa que se carecía dos necesarios recursos económicos e humanos para completalo. Ademais, moitas partidas formáronse improvisadamente, e non tiveron ben definido cal era o obxectivo, aínda cando os padróns de ciganos achábanse incompletos, feito que fixo xurdir numerosas dúbidas desde un primeiro momento, por non saber se había de procederse contra todos os ciganos en xeral, ou ben había que facer excepcións con aqueles que posuían estatutos de cristiáns vellos ou formaban matrimonios mixtos. O Consello de Castela, desbordado pola morea de interrogantes que desde todos os recunchos da península foron chegando, tivo que dilucidar sobre todo isto e sobre o que había de practicarse con aqueles que se achaban noutros destinos penais, dilema que se resolveu ao ordenar mantelos presos tras cumprir a súa condena. Ademais, as protestas dos ciganos que posuían un estatuto de castellanía ou dunha veciñanza consolidada de moitos anos atrás, conseguiron que se dispuxese a liberdade dos “que antes de recollelos tivesen executorias do Consello ou outras formais declaracións para non ser considerados como tales”, medida que acabou facéndose extensíbel ao resto das familias dos implicados, rompendo o carácter universal da redada e abrindo un novo proceso que se centrou nunha reformulación dirixida cara a orzamentos moi diferentes do proxecto orixinal de exterminio.Martínez Martínez, Manuel (2007), óp. cit.
Segundo a documentación conservada, a actitude dos non ciganos foi variábel. Desde a colaboración e a denuncia até a petición de misericordia ao Rei por parte de cidadáns «respectábeis» (no caso de Sevilla), o que é unha mostra do variado grao de integración que tiña a poboación xitana de entón. Foron as mulleres xitanas as que mostraron unha maior rebeldía, especialmente na Casa de Misericordia de Zaragoza, onde se produciron grandes e repetidas evasións, moitas veces con éxito. Ademais, para facer máis gravosa a súa estancia romperon os seus vestidos até quedar espidas, e coa roupa, taponar os pozos negros da Casa. Mobiliario, cubertos, porcelana, etc., non se libraron da súa furia.Martínez Martínez, Manuel (2014) Los gitanos y las gitanas de España a mediados del siglo XVIII. El fracaso de un proyecto de exterminio (1748-1765), páxs. 113-124.
A vaguidade da definición de «cigano»