Andrés Díaz de Rábago Pérez, nado na Pobra do Caramiñal o 3 de outubro de 1917 e finado en Xinzhuang (Nova Taipei, Taiwán) o 15 de xuño de 2022, foi un médico, frade xesuíta e misioneiro galego.

Traxectoria Fillo dun armador e empresario da Pobra, Andrés Díaz de Rábago Aguiar, e neto de Joaquín Díaz de Rábago, estudou no colexio dos Xesuítas de Vigo e rematou o bacharelato en Portugal. En 1933 accedeu a estudar Medicina na Universidade de Santiago de Compostela, pero interrompeu os estudos á chegada da Guerra Civil para participar como soldado. Nos tempos de estudante en Santiago acompañou a Valle-Inclán, que era amigo e compadre do seu pai, nos seus últimos días.

Loitou na Guerra no bando nacional, e a súa familia foi unha importante contribuínte económica ao soporte do exército franquista, como testemuña por exemplo El Eco de Santiago do 1 de agosto de 1936. Ao remate da contenda acabou a súa licenciatura e ingresou na Compañía de Xesús (1940). A súa formación relixiosa fíxoa en Salamanca, e trasladouse a Santander para rematar a súa tese.

Como misioneiro católico chegou á China en novembro de 1947, logo de facer escala en Filipinas. Na China estudou teoloxía e traballou nas cidades de Xanghai e Beixín. Na primeira das cidades ordenouse como sacerdote católico en 1952. Coa vitoria do comunismo logo da Guerra Civil Chinesa, Díaz marchou ás Filipinas, onde se estableceu en Manila. Alí continuou a súa formación, ata doutorarse en Teoloxía.

Despois marchou ao Timor Leste, daquela unha colonia portuguesa, onde deu clase a Ximenes Belo e a Xanana Gusmão. De alí finalmente, en 1969, foi para Taiwán, onde traballou como misioneiro católico, como doutor e como profesor de Latín na Universidade Nacional de Taiwán. Continuou activo como relixioso ata superados os cen anos.

Recoñecementos Cruz de oficial da Orde de Isabel a Católica (2000). Medalla de Bronce de Galicia (2001)."Resolución do 14 de xuño de 2001 pola que se concede a Medalla de Galicia nas súas categorías de prata e bronce." Diario Oficial de Galicia.

Vida persoal Foi curmán de Carmela Arias Díaz de Rábago, empresaria.

Notas

Categoría:Xesuítas de España Categoría:Medalla de Bronce de Galicia Categoría:Nados en 1917 Categoría:Nados na Pobra do Caramiñal Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Galegos de Asia Categoría:Misioneiros Categoría:Finados en 2022 Categoría:Médicos de Galicia