Angela Olive Carter, de solteira Angela Olive Stalker, nada en Eastbourne, Sussex o 7 de maio de 1940 e finada en Londres o 16 de febreiro de 1992, foi unha xornalista e novelista británica, coñecida polas súas obras feministas e de realismo máxico e picaresco. O seu libro máis coñecido é A cámara do sangue, publicado en 1979.
En 2008, The Times clasificouna no décimo lugar na súa lista dos 50 mellores escritores británicos dende 1945. En 2012, Nights at the Circus foi seleccionada como o gañador do James Tait Black Memorial Prize.
Traxectoria Angela naceu en Eastbourne, no condado de Sussex, ao sur de Inglaterra. Por mor dos bombardeos alemáns durante a segunda guerra mundial, foi evacuada ao norteño condado de Yorkshire, onde pasou varios anos coa súa avoa materna. Ao final da guerra, instalouse coa súa familia en Londres, onde o seu pai, Hugh Alexander Stalker, atopou traballo como xornalista. Na súa adolescencia, Angela tivo problemas de anorexia.
Tras deixar a escola, aos dezanove anos comezou a traballar como xornalista no diario Croydon Advertiser. En 1960 contraeu matrimonio con Paul Carter, e instalouse con el en Bristol. Na universidade desta cidade estudou literatura inglesa. A súa ampla bagaxe literaria é claramente perceptíbel na súa obra, na que abundan referencias a autores clásicos da literatura en lingua inglesa, como Chaucer, Shakespeare, Wordsworth, Coleridge, Blake, Keats, Dickens, Carroll, Stoker e moitos outros.
Carter publicou a súa primeira novela, Shadow Dance, en 1966. Ao ano seguinte apareceu The Magic Toyshop, 1967, na que xa está presente o interese de Carter polos contos infantís de tradición oral e pola psicanálise. A obra foi galardoada co Premio Jon Llwellyn Rhys. Coa seguinte, Several Perceptions, 1968, obtivo o Premio Somerset Maugham, dotado con cincocentas libras, que empregou en viaxar ao Xapón, deixando en Inglaterra o seu marido, de quen terminaría por divorciarse en 1972. Viviu durante dous anos en Tokyo, onde traballou como camareira nun bar. Reflectiu as impresións da súa estancia na capital xaponesa en varios artigos xornalísticos para New Society, máis tarde recollidos no volume de ensaios Nothing Sacred: Selected Writings (1982).
En 1972, de regreso en Inglaterra, instalouse en Bath, onde escribiu algunhas das súas obras máis coñecidas, como The Infernal Desire Machines of Doutor Hoffman, 1972; Fireworks: Nine Profane Pieces, 1973; The Passions of New Eve, 1977; e A cámara do sangue e outros relatos, 1979).
Contraeu de novo matrimonio en 1976, con Mark Pearce, e comezou unha frutífera carreira como profesora de escritura creativa. Nas décadas de 1970 e 1980 traballou en varias universidades do Reino Unido, Estados Unidos e Australia, Estas experiencias tiveron unha grande influencia nas súas obras posteriores. Morreu en 1992 de cancro.
Escribiu varios artigos para xornais como The Guardian, The Independent e New Statesman.
Obra As obras máis coñecidas de Angela Carter adoitan considerarse como pertencentes á literatura fantástica. Os seus innovadores procedementos narrativos e as súas frecuentes referencias intertextuais relaciónana co posmodernismo anglosaxón. Gran coñecedora da lingua e a literatura francesas, existe na súa obra unha importante débeda co surrealismo, así como con autores franceses como Sade ou Bataille.
Dúas das súas obras foron levadas ao cine: a novela The Magic Toyshop, en 1987; o seu relato The Company of Wolves, nunha película homónima, en 1984. Novelas
Shadow Dance, 1966 The Magic Toyshop, 1967 Several Perceptions, 1968 Heroes and Villains, 1970 Love, 1971 The Infernal Desire Machines of Doutor Hoffman, 1972 The Passions of New Eve, 1977 Nights at the Circus, 1984 Wise Children, 1993
Antoloxías de relatos breves
Fireworks: Nine Profane Pieces, 1973 A cámara do sangue e outros relatos, 1979. Traducida por María Reimóndez (Urco Editora, 2019). Venus Negra, 1985. Traducida por Xela Arias (Xerais, 2001), ISBN 978-84-8302-702-8.Imaxe da portada de Venus negra, Xerais American Ghosts and Old World Wonders, 1993 Burning Your Boats, 1995
Coleccións de poesía
Five Quiet Shouters, 1966 Unicorn, 1966 Unicorn: The Poetry of Angela Carter, 2015
Conmemoracións
En 2008, a British Library adquiriu a Biblioteca de Angela Carter, unha gran colección de 224 arquivos e volumes que contiñan manuscritos, correspondencia, diarios persoais, fotografías e casetes de son. En setembro de 2019, English Heritage colocou unha placa azul na derradeira casa de Carter no 107, The Chase, en Clapham, ao sur de Londres. Aló escribiu moitos dos seus libros durante os dezaseis anos que viviu nela. Tamén titorizou alí a un mozo Kazuo Ishiguro.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía Krapoth, Mirjam (2010). Auf der Suche nach Weiblichkeit. Geschlechterkonstruktionen bei Angela Carter. Paderrborn: Verlag Peter Ewers. ISBN 978-3-928243-32-2 (en liña).
Ligazóns externas Sitio extraoficial de Angela Carter; en inglés. Bibliografía relacionada con Angela Carter no catálogo da Biblioteca Nacional de Alemaña. Angela Carter en Internet Movie Database (en inglés)
Categoría:Finados en 1992 Categoría:Finados por cancro de pulmón Categoría:Nados en 1940 Categoría:Escritores en lingua inglesa Categoría:Escritores do Reino Unido Categoría:Alumnos da Universidade de Bristol