Nikita Pustoviat (en ), nado como Nikita Konstantinovich Dobrynin (en ) en data descoñecida e finado o 11 de xullo de 1682, foi un dos xefes dos vellos crentes rusos durante o raskol, cisma na Igrexa ortodoxa rusa no século XVII. Traxectoria Descoñécese o ano e lugar do seu nacemento. Sábese que Nikita era sacerdote en Suzdal e que participaba na edición de libros litúrxicos durante o pontificado do patriarca Xosé.
En 1659 Nikita chegou a Moscova e presentou unha queixa sobre o arcebispo de Suzdal Stefan, acusándolle de afastamento da ortodoxia. Cando Stefan foi absolto, apartou a Nikita do seu posto. Nikita denunciouno novamente ante o tsar Aleixo, cunha listaxe pormenorizada das acusacións. Desta vez as acusacións tiveron efecto, e Stefan foi trasladado de Suzdal a Moscova; porén a Nikita non lle foron levantadas as sancións.
Baixo a sanción, comezou a elaborar unha petición (chelobitnaia), que rematou a finais de 1665. Coñecedoras da súa existencia, as autoridades a confiscaron, e ordenaron ao metropolita Paisios Ligarides e a Simeón de Polack que prepararan unha refutación. As opinións contrarias á petición de Nikita foron lidas na súa presenza no concilio de 1666–1667, mais el reaccionou mantendo a súa postura e acusando aos bispos de ignorancia. O concilio decidiu entón excomungar a Nikita e encerralo no mosteiro de Ugresha. Enviou entón peticións de perdón ao tsar e ao concilio, e o 26 de agosto de 1667 foi liberado por orde real e levado a Moscova, sen restituirlle no seu cargo.
Dende entón até 1682 non se teñen máis datos del. Nese ano, os vellos crentes tiveron unha participación destacada no alzamento de Moscova de 1682, e o apoio á súa causa medrou entre os streltsy. Pustosviat conseguiu que tivera lugar un debate o 5 de xullo de 1682 en presenza do tsar; porén, o debate foi inútil para el: ao día seguinte a tsarevna Sofía ordenou a súa captura; Nikita foi decapitado e os seus compañeiros encerrados en mosteiros.
Notas
Categoría:Finados en 1682 Categoría:Sacerdotes ortodoxos de Rusia