Erich Anton Paul von Däniken, nado en Zofingen (Argovia) o 14 de abril de 1935 e finado en Unterseen (Berna) o 10 de xaneiro de 2026, foi un autor suízo de varios libros que fan afirmacións sobre as supostas influencias extraterrestres na cultura humana primitiva, incluído o best-seller Erinnerungen an die Zukunft (1968). Von Däniken é unha das principais figuras responsables de popularizar as hipóteses do "paleocontacto" e dos antigos astronautas. As ideas expostas nos seus libros son rexeitadas por unha maioría de científicos e académicos, que clasifican o seu traballo como pseudohistoria, pseudoarqueoloxía e pseudociencia. Ó comezo da súa carreira, foi xulgado e condenado por varios cargos de fraude ou malversación, e mesmo escribiu un dos seus libros na cadea.

O escritor foi acusado de plaxio pola súa obra The Gold of the Gods, onde utilizou fotografías sen permiso e adxudicouse unha expedición á cova dos Tayos, a cal se demostraría que foi falsa.

Traxectoria Von Däniken naceu en Zofingen (Suíza). Educado como católico estrito, asistiu á escola católica internacional de Saint-Michel, en Friburgo (Suíza). Durante o seu tempo na escola rexeitou as interpretacións da igrexa da Biblia, e desenvolveu o seu interese pola astronomía e o fenómeno dos pratos volantes.

Á idade de 19 anos, Von Däniken foi condenado a catro meses de prisión por roubo. Von Däniken deixou a escola e traballou como aprendiz dun hoteleiro suízo. Traballou como empregado nun hotel en Exipto, onde foi declarado culpable de fraude e malversación de fondos.

Máis adiante traballou como empregado do Rosenhügel Hotel en Davos (Suíza), período durante o que escribiu Erinnerungen an die Zukunft. En decembro de 1964, von Däniken escribiu un artigo titulado «Hatten unsere Vorfahren Besuch aus dem Weltraum?» (‘os nosos antepasados foron visitados dende o espazo?’), para o xornal alemán-canadense Der Nordwesten. O manuscrito de Erinnerungen an die Zukunft foi aceptado por un editor a principios de 1967, e impreso en marzo de 1968.

En novembro de 1968 von Däniken foi arrestado por fraude, falsificación de documentos de hoteis e falsas referencias de crédito, para obter préstamos por valor de 130 000 dólares estadounidenses durante un período de doce anos. Dous anos máis tarde, Von Däniken foi condenado por «repetida e mantida» malversación de fondos, fraude e falsificación; o fallo do tribunal alegaba que o escritor estivera vivindo unha vida ao estilo dun playboy. Von Däniken entregou unha alegación en favor da nulidade da sentenza, sobre a base de que as súas intencións non eran maliciosas e que as entidades de crédito tiveran a culpa por non investigar adecuadamente as súas referencias fraudulentas. O 13 de febreiro de 1970, Von Däniken foi condenado a tres anos e medio de prisión e unha multa de 3000 CHF (francos suízos). Cumpriu un ano de condena antes de ser posto en liberdade.

O seu primeiro libro, Erinnerungen an die Zukunft, fora publicado na data do seu xuízo, e as súas vendas permitíronlle pagar as súas débedas e deixar o negocio hoteleiro. Von Däniken escribiu o seu segundo libro, Gods from Outer Space, mentres estaba na cadea.

Notas

Categoría:Nados en 1935 Categoría:Finados en 2026 Categoría:Escritores de Suíza Categoría:Escritores en lingua alemá