Beatriz Ramírez de la Fuente, nada na Cidade de México o 6 de febreiro de 1929 e finada ibídem o 20 de xuño de 2005, foi unha académica, investigadora e historiadora mexicana, esposa do doutor Ramón de la Fuente e nai do tamén médico e ex-reitor da Universidade Nacional Autónoma de México (UNAM) Juan Ramón de la Fuente.

Traxectoria Cursou, con mención honorífica, estudos de licenciatura, mestría e doutoramento en historia, no Colexio de Historia da Facultade de Filosofía e Letras da Universidade Nacional Autónoma de México (UNAM).

En 1959, comezou a impartir cursos de posgrao de Historia da arte na Universidade Iberoamericana (UIA) na cal chegou a ser profesora titular até 1970. Deu cursos de Estudos Mesoamericanos na Facultade de Filosofía e Letras da UNAM.

Foi directora da Escola de Historia da arte da Universidade Iberoamericana de 1963 a 1970. Foi directora do Instituto de Investigacións Estéticas da UNAM de 1980 a 1986.

Académica Membro de número da Academia de Artes de México, foi a primeira muller en pertencer como membro ó Colexio Nacional, ingresando o 7 de maio de 1985. Membro do Buró Directivo do Comité Internacional d'Histoire de l'Art de 1979 a 1996, foi membro da Academia Mexicana da Historia de 1999 a 2005, e ocupou a cadeira 12. Tamén foi investigadora emérita do Instituto de Investigacións Estéticas da UNAM.

Eidos de investigación As súas investigacións tiveron como eixo principal o estudo das manifestacións artísticas da época prehispánica sendo especialista na cultura olmeca e nos murais da época prehispánica, interese que a levou a fundar e dirixir desde 1990 o proxecto «A pintura mural prehispánica» en México, por mor do cal, publicou varios libros como coordinadora e diversos artigos.

Notas

Categoría:Nados en 1929 Categoría:Nados na Cidade de México Categoría:Finados en 2005 Categoría:Historiadores de México