Xosé Quiroga García-Boente, tamén coñecido como Xose Quiroga, nado en Ourense en 1979, é un fotógrafo e activista galego que vive en Barcelona. Traxectoria Comeza estudando Dereito, licenciándose na Universidade da Coruña, e logo fórmase en fotografía documental na Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso da Coruña. Compaxina o seu labor como fotoxornalista en medios independentes como Diagonal e La Directa, coa pescuda artística e a docencia en cursos especializados en fotografía e ética. Adoita empregar a linguaxe inclusiva en feminino.
Os seus proxectos artísticos evolúen desde as series iniciais, enfocadas cara a unha fotografía etnográfica crítica, aos temas que singularizan a súa traxectoria como fotorreporteiro e creador: exclusión, desigualdade, crise dos refuxiados no sur de Europa ou memoria histórica e do colonialismo.
Desde 2010 colabora coa artista de orixe peruana Daniela Ortiz con intervencións que constitúen unha reflexión sobre as formas de discriminación e inxustiza (racismo, clase social, nacionalidade, xénero e sexualidade), así como outras formas de protesta social (movementos contra os desafiuzamentos, feministas, trans...). Ortiz e Quiroga crearon en 2010 Antigonia. Nexo informativo, unha canle de guerrilla informativa (ou mediaactivismo) que serviu como punto de partida para proxectos artísticos conxuntos. En 2013 desenvolven o proxecto artístico e de intervención cidadá NN 15.518. O título está tirado dunha lista de Against Racism na que se contabilizan e pormenorizan as 16.264 persoas migrantes falecidas en Europa, das que 15.518 son anónimas (No Name). Ortiz e Quiroga explican o proxecto nun tráiler. A mostra completouse coa distribución de textos e unha xornada aberta á participación da cidadanía e de políticos para facer unha lectura da lista de finadas.Na xornada participaron Ada Colau, David Fernàndez, Simona Levi, Jorge Luis Marzo, Arcadi Oliveres.
En 2014 Ortiz e Quiroga realizan un proxecto con moita repercusión nos circuíto artístico: Estat-Nació. Proponse unha mirada crítica ao discurso da soberanía en Cataluña fronte aos dereitos e leis de estranxeiría que afectan á poboación migrante. Así, no vídeo CC13, tomando como passe-par-tour imaxes da Via Catalá que tivo lugar na diada do 11 de setembro de 2013, sobrepóñense lugares e monumentos da cidade de Barcelona que remiten a unha memoria das prácticas de colonización e escravitude levadas a cabo en Latinoamérica e sobre todo por cataláns (o Xeneral Prim i Prats, Joan Güell i Ferrer, Antonio López i López, ou o Cercle Hispano Ultramarí). En 2012 realizaron CP12, un vídeo gravado no Día da Hispanidade no porto de Barcelona. Narra desde unha posición crítica a historia da colonización española de América por medio dunha contralectura fílmica do monumento a Cristovo Colón e pon en evidencia as contradicións que xorden da banalización da memoria cando o monumento serve como motivo nas fotografías turísticas.
Membro da plataforma para esixir o peche dos centros de internamento de estranxeiros, Tanquem els CIEs, do colectivo GroundPress e de MigrARTE, alíñase no movemento abolicionista das prisións, e por iso coordina desde 2014 o proxecto colaborativo Voizes Archive, un arquivo de entrevistas a persoas que están ou estiveron no cárcere sobre a súa experiencia penitenciaria. Quiroga explica o proxecto:O noso obxectivo [...] é procurar a colaboración de diferentes colectivos anticárceres e/ou de creación audiovisual para xerar un arquivo internacional de entrevistas a persoas presas; arquivo que consideramos que podería ser de utilidade tanto para o activismo a prol da abolición das prisións como para as reflexións e investigacións que desde o pensamento crítico, quer no marco, quer á marxe do ámbito académico, están a realizarse sobre o tema dos cárceres. En 2017 foi artista en residencia no Hangar de Barcelona, compartindo estada con Lot Amorós, Marcelí Antúnez, Rubén Patiño e Carla Boserman. Algunhas das súas reportaxes forman parte de fondos institucionais: “Summer Fan”, foi incluído na colección do FAD e Estat Nació na do MACBA.
Coordinou o programa escolar Zona intrusa 7 no concello de Mataró, curado, en diferentes momentos, por Quiroga e Ortiz, Núria Güell e Levi Orta.
Obra Accións, intervencións e instalacións con Daniela Ortiz
2010 Royal Time, na Antiga Casa Haiku de Barcelona. 2011 Lanzamiento, Homesession, Barcelona. 2012 Homenaje a los caídos, Girona. 2012 CP12, vídeo en branco e negro. Música: "Preludio a Colón" de Julián Carrillo. 2013 NN 15.518, La Capella, Barcelona. 2013 Micro-acciones de emergencia, na ADN Platform de Barcelona, curada por Inés Jover e Claudia Segura. Escolma traballos de Núria Guell e Levi Orta, Carlos Motta e Sharon Hayes, entre outras. 2014 HS, no xacemento de Atapuerca. Esta acción denuncia que a carón do xacemento arqueolóxico permanecía, sen exhumar, unha foxa común de persoas asesinadas en 1936 polo bando franquista. 2014 Estat-Nació (partes I e II), na galería Àngels de Barcelona. Colección do MACBA. 2014 Crítica de la razón migrante, colectiva producida en La Casa Encendida de Madrid e curada por Carolina Bustamante Gutiérrez e Francisco Godoy Vega. Escolmaba obras, entre outras, de María Galindo/Mujeres Creando, Lucía Egaña, Guillermo Gómez-Peña e Coco Fusco.
Proxectos fotográficos e exposicións
2004 Desprestige, Sala Patachim, A Coruña. 2006 A rapa das bestas / Hum and Beast, Galería Sargadelos, Ourense. 2008 Escrava social. Acción de Mulheres Transgredindo e Nomepisesofreghao. 2008 Obxeto intelixente, Casa de Galicia, Madrid. 2009 Forgotten L’Aquila, no Occhi Rossi Festival. 2015 Migrantes, exposición colectiva producida polo XXIX Festival de Poesía do Condado, Salvaterra de Miño na que se incluíron fotografías de Gabriel Tizón e Xose Quiroga, e as Videocartas (Galicia-Berlín) de Ana Seijo Cuba e Sabela Pernas Soto. 2015 Live like a refugee: Borders, no Borders, Anti-Borders, Invisible Borders, no Centro de Arte Contemporánea de Tesalónica (Grecia).
Libros e escolmas videográficas
2008 Tempos de festa en Galicia, con Iván Díaz Nespereira e Henrique Hortas López, Fundación Caixa Galicia. Libro. 2016 Apología/Antología: Recorridos por el vídeo en el contexto español, editado por Eli Lloveras e Anna Manubens, e producida por HAMACA, Tabakalera e a Universidade do País Vasco (UPV/EHU). Vídeo online e en cd con libreto Ortiz e Quiroga forman parte desta escolma de 72 artistas da videocreación no Estado español, como Manuel Abad, Cecilia Barriga, Miguel Benlloch, Cabello/Carceller, Liliana Couso, Antón Reixa, María Ruido.
Recoñecementos
Premio Palermo Photo Story 2005
Notas
Véxase tamén
Entrevistas e conversas en vídeo
Xose Quiroga en Galiza Ano Cero Remapping Europe. Xose Quiroga en Zemos98 Daniela Ortiz e Xose Quiroga na canle FelipaManuela Daniela Ortiz e Xose Quiroga Lección de Xose Quiroga sobre xornalismo visual no IMVEC (Instituto de Monitorización y Vigilancia de Espacios Contaminados)
Ligazóns externas
Canle DX (Daniela Ortiz / Xose Quiroga) en Vimeo Daniela Ortiz & Xose Quiroga. NN 15.518 en Barcelona Cultura Portfolio de Xose Quiroga en Reportdigital Obra de Xose Quiroga na colección do MACBA Proxecto Voizes Archive Xose Quiroga en Twitter
Categoría:Fotógrafos de Galicia Categoría:Galegos de Cataluña Categoría:Nados en Ourense Categoría:Nados en 1979 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes