Michel Tamarati, nado como Mikheil Tamarashvili (en ) en setembro de 1858 en Akhaltsikhe (Imperio Ruso) e finado o 16 de setembro de 1911 preto de Santa Marinella, foi un sacerdote católico xeorxiano e historiador, coñecido especialmente pola súa amplamente citada historia do cristianismo en Xeorxia. Finou ao tratar de rescatar a un home que se estaba a afogar preto de Santa Marinella, en Italia.

Traxectoria Michel Tamarati naceu como Aleksandre Tamarashvili (en ) nunha familia católica xeorxiana de Akhaltsikhe, entón parte do Imperio Ruso. Comezou os seus estudos en Akhaltsikhe e Kutaisi para logo continualos na escola parroquial católica xeorxiana de Constantinopla en 1878. Logo de estudar durante tres anos en España, volveu a Constantinopla, onde foi ordenado sacerdote dos Servitas da Inmaculada Concepción o 9 de agosto de 1885, tomando o nome relixioso de "Miguel" (მიხეილ, Mikheil), polo bispo auxiliar Carlo Giuseppe Testa. En 1888 graduouse polo Seminario de San Lázaro de París e volveu a finais de 1888 a Xeorxia, onde foi abade na igrexa católica da Asunción de Tbilisi. Considerado polas autoridades rusas como pouco confiable politicamente, Tamarashvili houbo de deixar Xeorixa e finalmente asentouse en Roma en 1891, onde doutorouse en Teoloxía pola Pontificia Academia de San Tomé de Aquino en 1894. Pasou anos investigando nos arquivos de toda Europa, centrándose na até entón inexplorada historia dos católicos en Xeorxia, e na interacción política e cultural entre Xeorxia e Occidente. Finou ao tratar de rescatar a un home que eestaba a afogar nun día tormentoso preto de Santa Marinella en 1911. Os seus restos foron trasladados dende Civitavecchia ao Panteón de Didube en Tbilisi en 1978.

Obra A súa investigación sobre os católicos en Xeorxia foi publicada en lingua xeorxiana en Tbilisi en 1902, co título ისტორია კათოლიკობისა ქართველთა შორის ("Historia do catolicismo entre os xeorxianos"). A súa obra máis coñecida, L'Eglise géorgienne des origines jusqu' à nos jours ("A Igrexa xeorxiana dos comezos aos nosos días") foi publicada en Roma en 1910, gañando un premio especial da Santa Sé. Malia estar desactualizado, esta obra segue a ser a máis completa ao abordar a historia do cristianismo no país.. A obra tivo tamén un propósito político claro, ao salientar o papel do catolicismo nas relacións políticas e culturais entre Xeorxia e Occidente, así como criticar a absorción da antiga Igrexa ortodoxa xeorxiana pola Igrexa ortodoxa rusa e as políticas imperiais rusas contra o movemento a favor da autocefalia. Segundo o historiador David Marshall Lang, a embaixada rusa en Roma mercou e destruíu tantas copias como tivo oportunidade.

Notas

Categoría:Nados en 1858 Categoría:Nados en Akhaltsikhe Categoría:Finados en 1911 Categoría:Sacerdotes católicos de Xeorxia Categoría:Sacerdotes católicos de Italia Categoría:Alumnos da Pontificia Universidade de San Tomé de Aquino Categoría:Historiadores de Xeorxia Categoría:Escritores en lingua xeorxiana Categoría:Escritores en lingua francesa Categoría:Servitas da Inmaculada Concepción Categoría:Relixiosos católicos de Xeorxia