A igrexa de Roma (sueco: Roma kyrka) é unha igrexa medieval luterana en Roma, na illa sueca de Gotland, pertencente á diocese de Visby.
Historia Segundo o cronista Hans Nilssøn Strelow unha igrexa en Roma foi consagrada en 1086. Esta sería unha primeira igrexa de madeira no lugar da que non se atoparon ningúns restos. A presente igrexa estivo precedida por outra considerablemente menor de estilo románico construída na segunda metade do século XII, máis ou menos na mes,ma época da construción da próxima abadía de Roma, fundada en 1164. Tratábase dun edificio románico cunha nave rectangular, un coro máis baixo rematado por unha ábsida e unha sancristía ao norte deste. Desta primeira igrexa non se atoparon restos dunha torre.
Algúns fragmentos desa primeira igrexa de pedra foron reusados e incorporados na fachada do edificio posterior. A sancristía actual é un remanente desa igrexa románica.
A igrexa anterior foi derrubada e substituída por unha de estilo gótico durante o século XIII. O edificio foi construído entre 1215 e 1255; exames dendrocronolóxicos demostraron que os derradeiros engadidos realizáronse en 1280. A nave e o coro parece que foron levantados no mesmo período de construción, posiblemente coa excepción da parte máis occidental da nave, que ten un estilo lixeiramente distinto. Planeouse unha torre para a igrexa pero nunca chegou a construírse e de feito na fachada oeste da nave pode verse o arco que se usaría para unir as dúas partes. No seu lugar colocouse un chapitel sobre a parte occidental da nave. As influencias para a súa arquitectura pouco común talvez viñeron da próxima abadía de Roma, e polo tanto da tradición da arquitectura cisterciense. A igrexa permaneceu case inalterada dende a idade media. O gran rosetón occidental foi engadido na década de 1880 e no ano 1902 realizouse unha restauración do edificio.
A igrexa semella ter unha función especial. Foi construída preto do lugar onde se atopaba o thing de todo Gotland, e non moi lonxe dun mosteiro cisterciense, a abadía de Roma. A diferenza dunha igrexa normal, ten cinco entradas (en vez de tres) e a súa arquitectura é distinta a das demais igrexas da illa. A súa semellanza coa igrexa dos Dominicos en Visby (agora en ruínas) é perceptible. Hai polo tanto razóns para crer que puido ser usada polos Dominicos, posiblemente para predicar as cruzadas contra os non cristiáns do que no presente son os países bálticos.
Arquitectura Externamente a igrexa ten a forma dunha basílica; no interior, porén, é unha igrexa de salón. Por esta razón foi chamada unha "falsa basílica". É unha das máis grandes do rural de Gotland, e de feito podería ter sido a máis grande unha vez rematada. A igrexa de Lau, un pouco máis grande, foi rematada só pouco despois. A superficie do chan é de preto de 400 metros cadradis e a bóveda máis alta mide uns 10 metros. As bóvedas están soportadas por catro piares. O feito de que carezca de frescos medievais pode ser debido ás influencias da próxima abadía de Roma.
O interior caracterízase pola renovación de estilo neogótico realizada en 1902. É relativamente escuro e poucos mobles medievais se conservan. O retablo e os bancos son de 1902. Un retablo anterior, do ano 1656, foi levado a un dos muros da nave. Unhas poucas tumbas medievais están expostas na igrexa, e a pía bautismal é tamén medieval. Data do século XIII e non hai outra semellante en Gotland, tendo máis en común coas pías bautismais de Småland e Östergötland da mesma época.
No cemiterio hai un campanario con tres campás. Antes de 1929 esas campás pertencían á vila ucraína de Gammalsvenskby, onde hai unha minoría que fala sueco. A uns centos de metros da igrexa hai unha copia dunha granxa de Gammalsvensby, construída por voluntarios en 1977.
Galería de imaxes
Notas
Roma