O Chicago Sun-Times é un xornal estadounidense publicado na cidade de Chicago, Illinois. É a publicación insignia do grupo Sun-Times Media Group. É o xornal que foi publicado continuamente por máis tempo na cidade. Comezou en 1844 como o Chicago Evening Journal (que foi o primeiro en publicar o murmurio, que agora se cre falso, de que unha vaca propiedade de Catherine O'Leary foi responsable do grande incendio de Chicago de 1871). O Evening Journal, cuxo edificio no lado sur da canle non sufriu danos, cedeulle un espazo ó Chicago Tribune temporalmente mentres era reconstruído. En 1929, o xornal foi reinaugurado como o Chicago Daily Illustrated Times.
O xornal moderno xurdiu da fusión en 1948 do Chicago Sun, fundado en 1941 por Marshall Field III, e o Chicago Daily Times. O xornal era propiedade de Field Enterprises, controlado pola familia Marshall Field, que adquiriría o Chicago Daily News en 1959 e lanzaría a televisora WFLD en 1966. Cando o Daily News deixou de publicarse en 1978, boa parte do seu persoal, incluíndo o columnista gañador dun Premio Pulitzer Mike Royko, foi recolocado ó Sun-Times. Durante o período Field, o xornal tivo un carácter populista, progresista na liña do Partido Demócrata pero era independente da organización dos demócratas na cidade. Aínda que o seu estilo gráfico era de tabloide urbano, o xornal era de boa calidade xornalística e non dependía de historias de primeira plana sensacionais. Polo xeral publicaron artigos do servizo de cables do Washington Post ou Los Angeles Times.
Notas
Categoría:Xornais dos Estados Unidos de América Categoría:Xornais en lingua inglesa