Gonzalo Pérez Jácome, nado en Ourense o 2 de agosto de 1969, é un empresario e político galego, líder de Democracia Ourensana e alcalde de Ourense dende o 15 de xuño de 2019.

Traxectoria É fillo de Rosa Jácome Bertólez e de José Luis Pérez, fundadores de Jolper música.

Estudou son en Nova York e traballou no negocio familiar de venda de instrumentos musicais. En 2002 participou na clásica suba ao Empire State.

Foi un dos fundadores de Democracia Ourensana en 2001 e liderou a candidatura do partido na cidade Ourense nas eleccións municipais de 2003 e 2007 sen chegar a lograr representación. En 2010 fundou a canle de televisión Auria TV, que puxo ao servizo do seu partido, e en 2011 entrou na corporación municipal ao lograr a súa forza dous concelleiros. Nas eleccións 2015 repetiu a acta, xunto con outros sete membros do partido, e entrou a formar parte da Deputación de Ourense como deputado.

Alcalde O 15 de xuño de 2019 foi investido alcalde de Ourense cos apoios do PPdeG, partido que criticara durante a campaña moi duramente. En troques, Democracia Ourensana apoiou a José Manuel Baltar como presidente da Deputación de Ourense. O seu partido non se presentou ás eleccións ao Parlamento de Galicia de 2020 e Jácome declarou que votaría ao PP nelas.

En agosto de 2020 foi acusado de corrupción por parte dos seus compañeiros de partido (entre eles 5 dos 7 edís de DO), ante o cal o PPdeG abandonou o goberno local. En outubro o PSdeG presentou unha moción de censura que precisaba do apoio dos edís populares para saír adiante. Estes rexeitaron a candidatura do socialista Rafael Rodríguez Villarino e pediron o abandono de tódolos seus cargos públicos para poder apoiar unha moción socialista. Desta forma Jácome gobernou con tan só 3 concelleiros de 27 (el e outros 2 compañeiros, grazas á dimisión dun dos edís críticos). En xuño de 2021 o PPdeG reincorporouse ó goberno local ata que en xullo de 2022 foi expulsado polo alcalde, que continuou gobernando nunha precaria minoría.

Nas municipais de 2023 logrou a vitoria con 10 concelleiros. Desta forma, foi reelixido ó se-la lista máis votada, tras acadar un acordo co PPdeG que supoñía a abstención dos seus concelleiros na sesión de investidura a cambio de que Democracia Ourensana facilitase o control da Deputación de Ourense novamente aos populares.

Polémicas Varios antigos concelleiros de DO acusaron o alcalde de cobrar case 300 mil euros en 2020 a través de pagamentos do concello á súa televisión privada, AuriaTV. A fiscalía acusou a Jácome de malversación.

En 2021, pechou a Universidade Popular de Ourense, unha institución popular única en Europa que levaba máis de 111 anos impartindo cursos. Na UPO impartiron clases persoeiros como Otero Pedrayo e Vicente Risco, entre outros. Nese ano tamén pechou o museo municipal e mudou o nome da concellería de Cultura por concellería de Artes e Festexos. Por estas actuacións foi acusado de gobernar en contra da cultura popular.

Durante a carreira do San Martiño de 2021, foi gravado insultando a parella do atleta Nuno Costa, segundo clasificado. Tras ser preguntado polo incidente en sede municipal non considerou preciso desculparse.

En decembro do 2021, durante unha folga do servizo de limpeza do concello, Jácome ameazou os traballadores con "solicitar a intervención do exército" se prolongaren a folga.

No 2021, tras o equipo de sanitarios recibir a Medalla Galicia polo seu labor durante a pandemia por coronavirus, Jácome cuestionou esa entrega xa que, segundo o alcalde "pór unha vacina non require dunha pericia particular". O alcalde engadiu que "(os enfermeiros) só pican a agulla no brazo" e que "ademais cobran horas extra". Este desprezo foi considerado un insulto pola meirande parte do colexio de enfermaría de Galiza e de España, que pediron unha rectificación do alcalde. Jácome insistiu en que os sanitarios "simplemente poñen a inxección, cando ese é o seu traballo e xa está remunerado".

En 2022, foi gravado empurrando unha sindicalista durante unha mobilización de protesta diante da casa do concello.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos Eleccións municipais en Ourense

Categoría:Empresarios do sector de telecomunicacións Categoría:Alcaldes de Ourense Categoría:Políticos de Democracia Ourensana Categoría:Deputados provinciais de Ourense Categoría:Nados en Ourense Categoría:Nados en 1969