A Casa das Pedriñas, tamén coñecida como Casa do Bailarín, é unha construción particular situada na vila da Veiga. Deseñouna e construíuna o pintor e escultor Daniel Mancebo. Iniciou a obra arredor de 1970 e traballou nela durante máis de vinte e cinco anos.

Historia

Daniel Mancebo Diéguez naceu na Veiga en 1921. Traballou na minería no Bierzo e, a finais da década de 1940, emigrou a Barcelona, onde traballou na compañía de tranvías e desenvolveu de maneira autodidacta a pintura e a escultura.

A intención inicial era construír un estudio no que poder continuar pintando durante a xubilación, mais o proxecto foi medrando progresivamente ata converterse nunha casa. Mancebo explicou que en 1996 aínda continuaba traballando na construción e mencionaba algúns elementos que lle quedaban por realizar. O autor realizou persoalmente boa parte dos traballos da casa, entre eles a estrutura, a fontanaría, a instalación eléctrica e diversos traballos de ferro. Para traballar nas zonas superiores fabricou os seus propios andamios e empregaba unha roldana coa que subía as pedras e outros materiais en caldeiros. A súa muller, Belarmina, colaborou tamén na obra, preparando a masa e axudando a subir materiais.

Materiais e decoración

Parte das pedras utilizadas na construción procedía da contorna. Segundo a súa filla Gema Mancebo, recollía pedras na Serra do Eixe e en Penouta, que posteriormente golpeaba coa maza para darlles a forma desexada. Na entrevista da TVG, o propio Mancebo indicou tamén que empregara pedras procedentes da contorna de Pena Trevinca.

Ademais da pedra, empregou materiais reutilizados como botellas, latas, recipientes, cristais e elementos de ferro, que integraba na decoración. Incorporou tamén puntos de iluminación e cristais de cores co obxectivo de realzar o aspecto da casa ao anoitecer.

Na decoración aparecen tamén motivos figurativos realizados coa disposición dos materiais, entre eles soles, peixes e unha Cruz de Santiago. O autor chegou a estudar a posibilidade de que a construción tivese forma de bolboreta, idea que finalmente abandonou pola súa complexidade e custo.

Influencia de Gaudí

Durante os anos en que viviu en Barcelona, Mancebo coñeceu a obra de Antoni Gaudí e amosou especial admiración pola Sagrada Familia. A súa familia conservou fragmentos dunha maqueta deste templo que comezara a construír durante aquela etapa.

A Casa das Pedriñas foi descrita como unha homenaxe á obra de Gaudí, cuxa influencia se aprecia na concepción e decoración do edificio.

Conservación

En 2015, La Región informou do deterioro da casa e da desaparición dalgúns dos seus elementos. Nese mesmo ano, o Concello da Veiga manifestou a intención de procurar fórmulas de colaboración coa propiedade para contribuír á súa conservación e difusión.

En 2023 a casa continuaba sendo de propiedade privada. O Concello propuxera a súa cesión á familia sen que se chegase a un acordo, mentres que as herdeiras de Mancebo realizaban traballos de mantemento, entre eles a instalación de novas fiestras.

Difusión e estudo

En 2020 a Casa das Pedriñas apareceu no programa Volando voy, de Cuatro, nunha entrega dedicada á Veiga. O programa percorreu a casa e recolleu o testemuño das fillas de Daniel Mancebo sobre a historia e a construción da obra.

A investigadora estadounidense Jo Farb Hernández incluíu a Daniel Mancebo Diéguez no seu estudo Singular Spaces II: From the Eccentric to the Extraordinary in Spanish Art Environments, publicado en 2023, dedicado a espazos artísticos creados por autores autodidactas en España. O estudo analiza 99 creadores e sitúa este tipo de obras no ámbito dos denominados art environments.

Notas

Categoría:A Veiga Pedriñas Categoría:A Veiga sen imaxes