Taula de Lletras Valencianes foi unha revista literaria e progresista valenciana editada na cidade de Valencia e fundada en outubro de 1927.

Características Fundárona Carles Salvador, Adolf Pizcueta i Alfonso, Enric Navarro i Borràs, Miquel Duran de València e Francesc Caballero Muñoz durante a ditadura de Primo de Rivera para impulsar a valencianización das forzas políticas e a recuperación da personalidade nacional valenciana. Foi tamén o primeiro pulo serio para elaborar unha nova literatura valenciana de calidade dende unha perspectiva netamente nacional, dándolle voz á gran maioría de escritores valencianos da época. Mantivo unha boa relación coa Societat Castellonenca de Cultura.

Fíxose eco do debate ortográfico que vivía o valenciano daquela, manifestándose abertamente pola unidade da lingua e a favor de crebar o illamento existente con Cataluña e as Illas Baleares; ademais de manter contactos con Occitania, Galicia e os valencianos de América. En xullo de 1930  publicou o manifesto Als escriptors valencians i a les publicacions valencianes, unha chamada para a unificación ortográfica por medio do acordo e que acabará callando en 1932 nas denominadas Normes de Castelló. Nas súas páxinas tamén tiveron cabida as actividades da Acción Cultural Valenciana e impulsou a creación da editorial L'Estel. En total saíron 38 números, o derradeiro en novembro de 1930, nas vésperas da República.

Notas

Categoría:Revistas desaparecidas Categoría:Revistas literarias de España