Martín Ferreiro Álvarez, nado en Quireza (Cerdedo Cotobade) o 13 de setembro de 1892 e finado no campo de concentración de Mauthausen-Gusen o 23 de novembro de 1941, foi un construtor e político galego.
Traxectoria Fillo dun canteiro, aprendeu o oficio de seu pai e en 1918 marchou á Coruña, onde traballou como capataz de obra. Construíu unha das bancadas do antigo campo de Riazor e foi directivo do Deportivo da Coruña na tempada 1925/26. Foi socio de entidades como o Centro de Estudios Sociales Germinal ou a Liga dos Dereitos do Home, e durante a Segunda República afiliouse a Izquierda Republicana, sendo elixido concelleiro da Coruña nas eleccións municipais de 1931.
Como concelleiro de Obras impulsou numerosos traballos na cidade, como a construción do parque de Santa Margarida, ou a urbanización de barrios como Catro Camiños, o Ensanche ou a rúa da Torre. Logo do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 que deu inicio á guerra civil, confiscou unha tonelada de dinamita das obras da cidade para lle ser entregada ao bando republicano, sendo acusado polas autoridades franquistas de rebeldía e traizón. Procurou agocho en Quireza, e despois en Portugal e Francia, dende onde cruzou en ocasións a fronteira con España.
Confinado no campo de Argelès-sur-Mer, integrouse como voluntario nas Compañías de Traballadores Estranxeiros, desenvolvendo a súa profesión no reforzamento da Liña Maginot. Consumada a invasión alemá, sumouse ao exército francés para seguir combatendo o fascismo. Capturado pola Wehrmacht (maio-xuño de 1940), foi confinado no stalag V-D, preto de Estrasburgo, e posteriormente deportado a Mauthausen, canda outros 848 prisioneiros, o 13 de decembro de 1940. En 1941 foi trasladado ao subcampo de Gusen, onde faleceu pouco despois.
Vida persoal Casou na Coruña con Palmira Ramil, coa que tivo cinco fillos: José, Eva, Martín, Blanca e Olga.
Homenaxes
O 21 de outubro de 2019, foi inaugurada no Campo das Laudas de Cerdedo Cotobade, unha placa en homenaxe a Martín Ferreiro O 23 de novembro de 2021, o Concello da Coruña e a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica organizaron un acto de homenaxe a Martín Ferreiro no salón de plenos do Concello, acompañado dunha ruta polo urbanismo republicano e a presentación dun libro biográfico. O 10 de febreiro de 2025 o Concello da Coruña e a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica instalaron un stolperstein na súa memoria en Coruña, situado na rúa Mariscal Pardo de Cela, diante da casa onde viviu. En xaneiro de 2026, o Concello da Coruña e a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, presentaron unha guía turística sobre os stolperstein na cidade da Coruña, participando o seu neto. En marzo de 2026, a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, presentou un podcast biográfico sobre a vida de Martín Ferreiro.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Lista de galegos asasinados en Mauthausen
Bibliografía Equipo de investigación da ARMH (2021) Martín Ferreiro Álvarez 1892-1941. A Coruña: Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica.
Lozano González, David; Pereiro Álvarez, Adriana (2023) Deportados da cidade da Coruña a campos nazis. A Coruña: Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica.
Web Deportados coruñeses
Categoría:Concelleiros da Coruña Categoría:Concelleiros de Galicia durante a II República Categoría:Nados en Cerdedo Cotobade Categoría:Nados en 1892 Categoría:Finados en 1941 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Galegos finados en campos de concentración nazis