Bertha M. Guijarro Berdiñas, nada na Coruña en 1969, é unha investigadora galega e doutora en Informática no eido da intelixencia artificial, a aprendizaxe computacional e os sistemas baseados no coñecemento. Os seus estudos aplicáronse en medicina para realizar diagnoses antenatais, diagnoses de motores e en predición e xestión de incendios forestais.
Traxectoria Doutorada en 1999 pola Universidade da Coruña, Guijarro está vinculada dende 1994 á investigación e a docencia no Departamento de Computación (UDC), onde é profesora titular. Na comunidade científica, ten recoñecidos máis de dous sexenios de investigación académica dentro da área das ciencias da Computación e a intelixencia artificial, enfocando os seus estudos principalmente á aprendizaxe computacional e o desenvolvemento de algoritmos de Big Data Learning.
En 2012, foi nomeada coordinadora científica do CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións) e dende 2014 ocupa o cargo de vicecoordinadora. O CITIC salienta pola vertente social dos seus proxectos tanto en cuestións de integración como na mellora da atención sanitaria ou a loita contra a fenda dixital.
Guijarro é membro activo do Grupo de Investigación LIDA (Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento en Intelixencia Artificial) e colaboradora da Subdirección Xeral da Axencia Nacional de Avaliación e Prospectiva (ANEP) para a subárea científica de Sistemas Intelixentes.
Premios Premio Ada Byron do CPEIG (Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia). 2014.
Notas
Categoría:Nados en 1969 Categoría:Nados na Coruña Categoría:Alumnos da Universidade da Coruña Categoría:Científicos de Galicia Categoría:Personalidades da informática Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes