Rodrigo Vázquez Rodríguez, nado en Ourense o 20 de novembro de 1987, é un xornalista e presentador galego. Dende 2025 presenta a edición da fin de semana do histórico concurso Saber y ganar, de La 2, e tamén CAPTCHA, na mesma canle, e Atrápame se podes, na Televisión de Galicia.

Traxectoria Licenciado en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa carreira como xornalista en 2008.

Iniciou o seu camiño profesional nos informativos da Televisión de Galicia, traballando en numerosos eidos e, en especial, na sección de deportes. Ó tempo, colaboraba nos espazos O agro e Labranza, nos que se ofrecen reportaxes e novas sobre o mundo agrario de Galicia. Desenvolveu a actividade radiofónica nos micrófonos de Radio Galega durante dous anos.

En 2014, debutou como presentador no programa Aquí Galicia, un espazo que percorre as festas que se celebran na comunidade galega os fins de semana. O seu rostro fíxose rapidamente popular entre os espectadores pola súa gran naturalidade e tan só un ano despois, a cadea ofreceulle conducir Oh Happy Day, a adaptación do programa musical homónimo de TV3.

Desde entón, tamén ligado á TVG, estivo á fronte de O país máis grande do mundo e Verbenalia.

Entre 2016 e 2019 presentou de luns a venres o concurso de sobremesa Ti verás na canle autonómica galega. Tamén se encargou de retransmitir as badaladas de fin de ano na TVG, dando a benvida ao 2018 dende a praza do Obradoiro en Santiago de Compostela. Dende xaneiro de 2020 ata abril de 2022 presentou xunto a Roberto Vilar o programa de sobremesa Quen anda aí?.

A seguir, Televisión Española anunciou a súa contratación para substituír a Ion Aramendi á fronte do concurso El cazador, que se emitía de luns a venres en La 1 e no que reivindicou o seu acento galego. A finais dese ano anunciouse que presentaría a edición de 2023 do Benidorm Fest, o festival da canción español que ademais é clasificatorio para Eurovisión.

En 2025 Televisión Española cancelou El cazador e ese mesmo ano Rodrigo Vázquez foi elixido para substituír a Jordi Hurtado na edición da fin de semana do histórico concurso Saber y ganar, de La 2. A finais do mesmo ano anunciouse o seu regreso á Televisión de Galicia, onde, de xeito paralelo a Saber y ganar, comezou a presentar tamén o concurso Atrápame se podes, substituíndo ao anterior presentador, Paco Lodeiro. Dende marzo de 2026 presenta tamén o concurso CAPTCHA, de La 2.

Traballos

Televisión Telexornal (2008-2013), na Televisión de Galicia Aquí Galicia (2014 - 2015), na Televisión de Galicia Oh Happy Day (2015), na Televisión de Galicia O país máis grande do mundo (2015-2016), na Televisión de Galicia. Verbenalia (2016), na Televisión de Galicia. Ti verás (2016-2019), na Televisión de Galicia. Badaladas Fin de Ano, (2017-2018), na Televisión de Galicia. Quen anda aí? (2020-2022), na Televisión de Galicia. El cazador (2022-2025), en La 1. Saber y ganar (2025-presente), en La 2. Atrápame se podes (2025-presente), na Televisión de Galicia. CAPTCHA (2026-presente), en La 2.

Radio Informativos (2010-2011), na Radio Galega

Galardóns e nomeamentos Premios Mestre Mateo Ano Categoría Título Resultado 2015Mellor comunicador de televisiónOh Happy DayNomeado 2016Mellor comunicador de televisiónO país máis grande do mundoNomeado 2017Mellor comunicador de televisiónTi verásNomeado 2018Mellor comunicador de televisiónTi verásGañador 2019Mellor comunicador de televisiónTi verásNomeado 2020Mellor comunicador de televisiónQuen anda aí?Gañador 2021Mellor comunicador de televisiónQuen anda aí?Nomeado

Notas

Categoría:Nados en 1987 Categoría:Nados en Ourense Categoría:Xornalistas de Ourense Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Presentadores de televisión de Galicia Categoría:Presentadores da TVG Categoría:Presentadores de Televisión Española