O aeroporto internacional de Dallas-Fort Worth (IATA: DFW, ICAO: KDFW) é o principal aeroporto internacional da área metropolitana de Dallas–Fort Worth, no estado estadounidense de Texas. É o principal centro de conexións para American Airlines, que ten a súa sede preto do aeroporto. No ano 2016 pasaron polas súas instalacións un total de 65 670 697 pasaxeiros.
Foi terceiro aeroporto máis concorrido do mundo por número de operacións e o décimo primeiro en número de pasaxeiros no ano 2016. Con preto de 900 voos diarios, o centro de conexións de American Airlines e o segundo maior do mundo, só superado polo de Delta Air Lines en Atlanta.
Situado aproximadamente a medio camiño entre as cidades de Dallas e Fort Worth, DFW esténdese por partes dos condados de Dallas e Tarrant, e inclúe porcións das cidades de Irving, Euless, Grapevine e Coppell. Ten o seu propio código postal e a súa propia designación para o servizo de correos dos Estados Unidos ("DFW Airport, TX"), ademais da súa propia policía, servizos de protección contra o lume e de emerxencias médicas.
En decembro de 2017 o aeroporto tiña voos a 216 destinos, 57 internacionais e 159 domésticos dentro dos Estados Unidos. Ao superar os 200 destinos, DFW uniuse a un pequeno grupo de aeroportos de todo o mundo con esa distinción, entre os que están os de Ámsterdam-Schiphol, París-Charles de Gaulle, Chicago-O'Hare, Dubai-Internacional, Frankfurt, Atlanta, Londres-Heathrow, Istanbul-Atatürk, Múnic, Copenhague-Kastrup e Oslo-Gardermoen.
Aeroliñas e destinos Pasaxeiros
Carga
Véxase tamén Ligazóns externas Web do aeroporto
Notas
Dallas