miniatura|300px|Unha balea xibardo (Megaptera novaeangliae), membro da infraorde Cetacea da orde Cetartiodactyla Os mamíferos mariños son mamíferos acuáticos que dependen dos ecosistemas mariños para a súa existencia. Son os pinnípedes (focas, leóns mariños, morsas), cetáceos (baleas, golfiños, toniñas), sirenios (manatís, dugongos), lontras mariñas e osos polares. Non representan un taxon diferenciado ou agrupación sistemática, senón que teñen unha relación polifilética debida a evolución converxente, dado o seu tipo de vida similar, pero non teñen un antepasado común próximo.

A adaptación dos animais mariños a un estilo de vida acuático varía considerablemente entre as especies. Tanto os cetáceos coma os sirenios son completamente acuáticos e nunca visitan a terra firme. As focas e leóns mariños son semiacuáticos, xa que, aínda que pasan a maior parte do seu tempo na auga, tamén necesitan volver a terra para reproducirse, descansar, mudar. Ao contrario dos anteriores, as lontras mariñas e os osos polares están moito menos adaptados á vida acuática. As dietas dos mamíferos mariños varían tamén considerablemente; algúns comen zooplancto, outros comen peixes, luras, moluscos, plantas mariñas e uns poucos comen outros mamíferos. Aínda que o número de mamíferos mariños é pequeno comparado cos que hai en terra, a súa función en diversos ecosistemas é importante, especialmente no que concirne ao mantemento dos ecosistemas mariños, por exemplo, ao regularen as poboacións das súas presas. Este papel no mantemento dos ecosistemas fai que cause preocupación que un 23% das especies mariñas estean ameazadas actualmente. miniatura|300px|Unha foca leopardo (Hydrurga leptonyx), membro do clado Pinnipedia da orde Carnivora Os mamíferos mariños foron cazados desde hai moito tempo polos pobos aborixes para obter alimento e outros recursos. Moitos foron tamén o obxectivo da industria comercial, o que orixinou un acusado declive en todas as poboacións das especies explotadas, como as baleas e focas. A caza comercial levou á extinción da Hydrodamalis gigas e da Neomonachus tropicalis. Unha vez que cesou a caza comercial, algunhas especies como a balea cincenta e o elefante mariño do norte, volveron a aumentar en número; inversamente, outras especies, como a balea vasca, están en perigo crítico. Ademais de por causa da caza, os mamíferos mariños poden morrer como capturas accidentais (bycatch) en bancos de pesca, ao quedaren enguedellados nas redes de enmalle e afogaren alí ou morreren de fame. O incremento do tráfico marítimo causa con frecuencia colisións entre os buques oceánicos rápidos e os grandes mamíferos mariños. A degradación do hábitat tamén ameaza os mamíferos mariños e a súa capacidade de atopar e capturar alimentos. A contaminación acústica, por exemplo, pode afectar adversamente á ecolocalización que usan os mamíferos, e os crecentes efectos do quecemento global degradan o medio ambiente ártico, onde moitos deles viven.

Taxonomía

Clasificación das especies existentes

Orde Cetartiodactyla Suborde Whippomorpha Familia Balaenidae (baleas), dous xéneros e catro especies Familia Cetotheriidae (balea anana), unha especie Familia Balaenopteridae (rorcuais), dous xéneros e oito especies Familia Eschrichtiidae (balea cincenta), unha especie Familia Physeteridae (cachalote), unha especie Familia Kogiidae (cachalotes pigmeos e ananos), un xénero e dúas especies Familia Monodontidae (narval e beluga), dous xéneros e dúas especies Familia Ziphiidae (zífidos), seis xéneros e 21 especies Familia Delphinidae (golfiños mariños), 17 xéneros e 38 especies Familia Phocoenidae (toniñas), dous xéneros e sete especies Orde Sirenia Suborde Cynodontia Familia Trichechidae (manatís), un xénero e tres especies Familia Dugongidae (dugongos), unha especie Orde Carnivora Suborde Caniformia Familia Mustelidae, (lontras mariñas norteamericana e suramericana), dous xéneros e dúas especies Familia Ursidae (oso polar), unha especie Suborde Pinnipedia Familia Otariidae (leóns mariños), 7 xéneros e 15 especies Familia Odobenidae (morsas), unha especie Familia Phocidae (focas), 14 xéneros e 18 especies

Evolución miniatura|esquerda|Ilustración de †Prorastomus, un sirenio inicial de hai 40 millóns de anos

Os mamíferos mariños forman un grupo diverso de 129 especies que dependen do océano para a súa alimentación e existencia. Non representan un taxon específico ou agrupación sistemática, senón que teñen relacións polifiléticas. Malia a súa diversidade de morfoloxías entre os distintos grupos, a mellora da súa eficiencia na busca de alimentos foi o principal impulsor na súa evolución. O seu nivel de dependencia do medio mariño para vivir varía considerablemente coa especie. Os golfiños e baleas son completamente dependentes do medio ambiente mariño en todas as etapas da súa vida. As focas aliméntanse no océano pero reprodúcense en terra. Os osos polares deben alimentarse en terra. O 23% das especies de mamíferos mariños son especies ameazadas.

Os cetáceos fixéronse acuáticos hai uns 50 millóns de anos. Baseándose en investigacións moleculares e morfolóxicas, os cetáceos están xenética e morfoloxicamente dentro do grupo dos Artiodactyla (ungulados de dedos pares). O termo "Cetartiodactyla" indica a idea de que as baleas evolucionaron dentro dos ungulados. O termo foi acuñado ao fusionar o nome das dúas ordes, Cetacea e Artiodactyla, nunha soa palabra. Con esta definición, o parente terrestre máis próximo vivo das baleas e golfiños crese que é o hipopótamo.

Os sirenios fixéronse acuáticos hai uns 40 millóns de anos. A primeira aparición dos sirenios no rexistro fósil foi durante o Eoceno temperán, e no Eoceno tardío os sirenios xa estaban bastante diversificados. Son habitantes de ríos, estuarios e augas mariñas costeiras, e poden espallarse rapidamente. Os restos do sirenio máis primitivo do que se ten noticia, †Prorastomus, atopáronse en Xamaica, a diferenza doutros mamíferos mariños que se orixinaron no Vello Mundo (como os cetáceos). O primeiro sirenio cuadrúpede coñecido foi †Pezosiren do Eoceno temperán. As familias máis antigas coñecidas de sirenios, †Prorastomidae e †Protosirenidae, estaban confinadas no Eoceno, eran do tamaño dun porco, tiñan catro patas, e eran criaturas anfibias. Os primeiros membros dos Dugongidae apareceron ao final do Eoceno. Nese momento, xa eran completamente acuáticas.

Os pinnípedes separáronse doutros caniformes hai 50 millóns de anos durante o Eoceno. A súa ligazón evolutiva con mamíferos terrestres era descoñecida ata que se descubriu en 2007 †Puijila darwini en depósitos do Mioceno temperán de Nunavut, Canadá. Igual que hoxe ocorre coas lontras modernas, aqueles antepasados dos pinnípedes do xénero †Puijila tiñan colas longas, patas curtas e pés palmados en vez de aletas. As liñaxes dos Otariidae (leóns mariños) e Odobenidae (morsas) separáronse hai case 28 millóns de anos. Os fócidos (focas) levan existindo desde hai polo menos 15 millóns de anos e as probas moleculares apoian a diverxencia das liñaxes dos Monachinae (focas monxe) e dos Phocinae hai 22 millóns de anos.

As evidencias fósiles indican que a liñaxe da lontra mariña (Enhydra) quedou illada no norte do Pacífico hai aproximadamente dous millóns de anos, dando lugar ao agora extinto †Enhydra macrodonta e a moderna lontra mariña, Enhydra lutris. A lontra mariña evolucionou inicialmente no norte de Hokkaidō e Rusia, e despois espallouse cara ao leste ás illas Aleutianas, as costas continentais de Alasca, e cara ao sur pola costa de Norteamérica. En comparación cos cetáceos, sirenions e pinnípedes, que entraron na auga aproximadamente 50, 40, e 20 millóns de anos, respectivamente, a lontra de mar é relativamente unha acabada de chegar á vida mariña. Porén, en certos aspectos, a lontra mariña está máis completamente adaptada á auga que os pinnípedes, que deben arrastrarse a terra ou sobre o xeo para dar a luz.

Os osos polares pénsase que diverxeron dunha poboación de osos pardos da especie Ursus arctos, que quedaron illados durante un período de glaciación no Plistoceno na parte leste de Siberia, (desde Kamchatka e a península de Kolym). O fósil de oso polar máis antigo coñecido é unha mandíbula de hai de 130 000 a 110 000, atopada na illa Prins Karls Forland (de Svalbard) en 2004. O ADN mitocondrial do oso polar diverxeu do oso pardo hai uns 150 000 anos. Ademais, algúns clados de oso pardo, como se estima polos seus ADN mitocondriais, están máis estreitamente relacionados cos osos polares que con outros osos pardos, o que significa que o oso polar non debería considerarse unha especie se se seguen certas definicións de especie.

Distribución e hábitat

miniatura|Riqueza de especies de mamíferos mariños: A) Todas as especies (n = 115), B) Odontocetos (n = 69), C) Misticetos (n = 14), D) Pinnípedes (n = 32), baseado en datos de 1990 a 1999

Os mamíferos mariños están distribuídos por todo o globo, pero a súa distribución é irregular e coincide coa produtividade nos océanos. A riqueza de especies é máxima arredor dos 40° de latitude, tanto norte coma sur. Isto corresponde cos maiores niveis de produción primaria arredor de Norteamérica e Suramérica, África, Asia e Australia. A área de distribución total das especies é moi variable. Como media a maioría dos mamíferos mariños ten áreas de distribución que son equivalentes ou menores que da quinta parte do océano Índico. A variación observada no tamaño da área de distribución é o resultado das diferentes necesidades ecolóxicas de cada especie e das súas capacidades de enfrontarse a un amplo rango de condicións ambientais. Preocupa que exista un alto grao de solapamento entre a riqueza de especies de animais mariños e as áreas de impacto humano sobre o medio ambiente.

A maioría dos mamíferos mariños, como focas e lontras mariñas, habitan nas costas. Porén, as focas tamén utilizan diversos hábitats terrestres, tanto continentais coma en illas. En áreas tropicais e temperadas, arrástranse a praias de area ou croios, costas rochosas ou escollos, chairas limosas costeiras, pozas de marea e covas mariñas. Algunhas especies descansan en estruturas construídas polo ser humano, como peiraos, diques, boias e plataformas petrolíferas. As focas poden internarse algo máis en terra e descansar en dunas ou vexetación, e poden incluso subir por cantís. A maioría dos cetáceos viven no océano aberto, e especies como os cachalotes poden mergullarse a profundidades de 300 a 760 m para procurar alimento. Os sirenios viven en augas costeiras pouco fondas, xeralmente de 9,1&nbsp:m de profundidade. Porén, sábese que poden mergullarse a 37 m de profundidade para alimentarse das herbas mariñas que medran a maior profundidade. As lontras mariñas viven en áreas protexidas, como costas rochosas, bosques de kelp e arrecifes de coral, aínda que poden vivir entre o xeo á deriva ou en áreas con limo, lama ou area.