Diario da luz e a sombra é unha obra de ensaio de María Victoria Moreno escrita a xeito de diario, publicada en 2004 por Edicións Xerais de Galicia na colección Crónica.

Contido miniatura|Edificio da antiga clínica La Merced, citado en Diario da luz e a sombra. O Diario está dedicado aos tres doutores que a trataron na doenza do cancro.

Segundo Montse Pena neste diario "hai espazo para as inquietudes da doente, para os seus soños reais e imaxinarios, para a abordaxe da enfermidade dende as cifras das idades de afectación e de curación, para as reaccións da familia e dos achegados, para o tratamento dos cambios físicos que supón e para o diálogo con outras voces".

Quen son eu? Confesa que padece a “longa e penosa enfermidade”, o cancro, e pregúntase quen é: Eu son eu. Son así. Estou contenta de min mesma. Abonda para seguir vivindo en harmonía co destino que foi escrito para min desde as estrelas. Escríbelle á súa amiga Isa dándolle as grazas pola amizade e comprensión. A subida á alta rocha. Reflexiona sobre o cancro que é “unha putada” ou “outra putada”, tamén sobre os nomes para o cancro. Pensa na profesión de profesor, nos alcumes aos profesores e os alcumes para o cancro. Das pestes medievais á sida e ó cancro. Hai cinco anos que llo diagnosticaron. Fala de como decidiu ir escribindo un diario para compartir os sentimentos. Lembra as melloras na saúde no mundo e a incidencia dos cancros sobre todo en maiores de 50 anos. Conta a anécdota dunha enfermeira á que lle caeu un frasco de quimioterapia ao chan e tivo que vir alguén da limpeza que parecía un marciano, o que a leva a agradecer o traballo das enfermeiras que tratan a diario con eses produtos. As respostas da xente. Cando a xente sabe que un ten cancro cambia a forma de comportarse con el, mesmo hai quen intenta consolar o doente con falsas verdades e frases feitas. Alma, a súa cadela, non sabe de enfermidades e obrígaa a saír aínda que a quimioterapia lle tire as forzas. Volve ao instituto durante o tratamento; os alumnos son o mellor, mais non falta quen lle dea a lata co seu comportamento. Todos iguais ante a verdade. Ante o cancro todos os enfermos son iguais, dá conforto falaren entre eles e non se menten con falsas esperanzas. Lembra o caso da mulleriña á que lle axuda a colocar o sombreiro que oculta os efectos da quimioterapia. Coincide no "chute" cun labrego charlatán, Máximo, que se queixa da vida no campo e lle promete unha camelia. É tempo de outono, e no seu outono por que lle chegou esta doenza? Cando eu estea espida estarei tamén soa. Escribo por iso este diario? Hei confesar que si... Ou sexa, confeso que se me fai curto o tempo que previsiblemente me queda. Confeso que fago o que podo por sobrevivir despois da morte. Confeso que preciso compaña e que a precisarei tamén despois do pasamento. E soña que o médico e as enfermeiras lle marchan cos seus libros dos andeis. Optimismo sensato: ser consciente da situación, aceptala porque non hai outra saída e buscar dentro dela todas as alternativas gozosas. Sae a cear cos amigos e ata se atreve a beber viño. Conta de dúas mulleres que escaparon para non poñer a quimioterapia e agora están custodiadas no Hospital de Montecelo. Non é traidor quen avisa. Zenobia Camprubí padeceu cancro e deixou esta frase: “o bo desta enfermidade é que avisa”. Lembra divertidas traducións do latín de cando impartiu esta materia no instituto. Conta como coñeceu a Pedro Ferriol, o seu fan preferido (que acabará sendo o seu marido). Compara con humor a ITV do seu Passat coa revisión do seu cancro. A orde de valores. O convite para asistir á comida do Pen Club faina reflexionar sobre a súa imaxe de enferma no espello. Cando se teñen antecedentes de cancro, os médicos ante calquera cousa pequena xa toman medidas extraordinarias. Hai unha canción que non lle sae da cabeza ("la vida sigue igual") e uns versos de García Lorca que a axudan ("verde que te quiero verde"). Diagnóstico, loita e abatemento. Domingo García Sabell en "Paseata arredor da morte" fala de sete fases na aceptación da morte. As catro primeiras: choque, denegacion, cólera, depresión. E quen era eu logo, era unha simple testemuña que presenciaba desde fóra da miña vida o meu vivir entre sombras e incertezas!. Lembra con humor como adaptou unha sopeira de Sargadelos para os posibles vómitos provocados pola quimioterapia. Recibe carta de Pedro desde Cuba, non ten ganas de responder e mesmo a anima a filla Begoña a que lle conteste. O derradeiro horizonte. As outras fases que cita García Sabell: trato coa doenza, aceptación e finalmente tronzadura da comunicación. Lembra cando estivo internada en La Merced e o excelente trato. Que fago aquí? Vivo, deixo vivir e, se podo, axudo a vivir. Comenta os graciosos galanteos co gandeiro Máximo na sala de quimioterapia e a posibilidade de que ela poida vivir do coidado das vacas. Que deixo detrás miña? Gustaríame dicir que deixo un ronsel de amor, un bo exemplo e un libro que descubra algo a quen o lea. Chega nova carta de Pedro Ferriol: separado, deixou o barco, escribe para non publicar. Cal é o motivo de tanta aflición? Expón os beneficios da lectura na enfermidade. Outra maneira de substituír o pesar e a anguria por unha reconfortante sensación de serenidade é o trato cos animais e a contemplación respectuosa e amigable da súa conduta. E de entre todos os animais, os cans, porque o amor a eles e a lectura salvan a xente das aflicións. Lembra a filla agora en Salamanca e as súas lecturas. Séntese mal, a cadela Alma déitase con ela e faina mellorar. Para onde vou? Reflexiona sobre a eternidade e a fe e comenta o libro do crego Moncho Valcarce. Un epílogo para a esperanza. Le para saber do cancro, a "pupa cabrona", as investigacións e o futuro da curación. O doutor proponlle participar nun ensaio clínico, o ATAC.

E remata: E que vexamos tamén moitas cousas bonitas no camiño que aínda temos por diante....

Narración O diario está posto en boca dun narrador protagonista, a propia autora. Ao longo dos quince capítulos do libro vanse mesturando as reflexións do momento da elaboración con anotacións (en cursiva) do diario escrito ao longo da loita contra o cancro.

Espazo O espazo principal é a cidade de Pontevedra e máis concretamente o Hospital de Montecelo onde recibe a quimioterapia e a clínica La Merced onde foi internada.

Tempo O último capítulo está rematado en xullo de 2004 e os fragmentos do diario (sen data) falan dos últimos cinco anos de enfermidade e quimioterapia. A autora finou en novembro de 2005.

Achegas sobre o Diario

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Categoría:Obras literarias de 2004 Categoría:Obras literarias de María Victoria Moreno Categoría:Edicións Xerais de Galicia Categoría:Obras literarias en galego