Skylab foi unha estación espacial da NASA lanzada o 14 de maio de 1973 mediante un foguete Saturno V desde o Centro Espacial de Cabo Cañaveral.

Historia Skylab foi a resultante de equipo sobrante do programa Apolo tras os recortes que eliminaron as últimas misións luares programadas. Como consecuencia quedaron dispoñibles varios Saturno V e outro material que foi adaptado para o lanzamento da que sería a primeira estación espacial dos Estados Unidos.

Características Skylab estaba composta de cinco partes: a montura para o telescopio Apolo (ATM), o adaptador para acoplamentos múltiples (MDA), o módulo de esclusa de aire (AM), a unidade instrumental (IU) e o taller orbital (OWS). A estación tiña forma de cilindro cunha lonxitude total de 36,12 m, unha envergadura de 21,0 m e un volume interno de 361 m3, co telescopio formando un ángulo de 90 graos respecto do resto da estación despois de ser lanzada. O telescopio estaba destinado á observación solar e usaba película fotográfica para rexistrar as imaxes que debía ser recuperada polos astronautas mediante unha saída extravehicular. A estación estaba deseñada para ser visitada por naves Apolo, que se acoplaban ao módulo de acoplamento múltiple, permitindo o acceso dos astronautas ao interior. A unidade instrumental foi usada unicamente durante o lanzamento para proporcionar capacidade de guiado e navegación ata a chegada a órbita e posterior despregue do telescopio e os paneis solares. O taller orbital estaba formado por un cilindro que era en realidade unha etapa Saturno 4B modificada para ser habitable por tres astronautas durante longos períodos de tempo e era capaz de producir ata 11 kW de potencia. Contiña provisións e as estancias dos astronautas, permitindo permanecer ata 84 días de maneira continua na estación.

Despois da terceira e última visita tripulada á estación os enxeñeiros de terra fixeron probas coa estación en remoto para comprender determinados fallos e gañar experiencia en sistemas de longa duración no espazo.

A estación foi deixada nunha órbita que se pensou suficientemente estable e segura como para poder ser visitada nos primeiros voos do incipiente programa do transbordador espacial, pero a combinación dunha taxa de diminución da órbita maior do esperada e o atraso nos primeiros voos do transbordador causaron que a estación reentrara na atmosfera o 11 de xullo de 1979. Anacos resultantes da desintegración acabaron dispersos sobre Australia.

Lanzamento Aos 63 segundos do lanzamento un dos escudos antimeteoritos e o panel solar número 2 foron arrincados debido ás forzas aerodinámicas. Os restos ademais atascaron o panel solar número 1. A estación foi inserida de maneira normal nunha órbita de 435 km de altura, pero debido á falta do escudo antimeteoritos a temperatura no interior da estación comezou a subir perigosamente, chegando a 52 °C. O panel solar número 1 non conseguiu despregarse pero afortunadamente si se despregou o panel que ía montado no telescopio Apolo. A primeira misión tripulada á estación atrasou o seu lanzamento dez días, durante os cales practicaron técnicas para reparar os estragos unha vez a bordo, conseguindo restablecer unhas mínimas condicións de habitabilidade e traballo e permitindo que as dúas expedicións posteriores puidesen facer o seu traballo con normalidade.

Instrumentos Skylab levaba a bordo instrumentos para realizar diversos experimentos científicos:

Un coronógrafo para observacións solares. Un espectroheliómetro para o ultravioleta. Experimentos sobre fabricación no espazo. Varios instrumentos para observación terrestre, entre els: Unha cámara multiespectral. Unha cámara para o estudo do terreo. Un espectrómetro infravermello. Un explorador multiespectral. Un radiómetro/dispersómetro de microondas. Un altímetro. Un radiómetro microondas en banda L.

Misións

A estación foi visitada por tres tripulacións, cada unha composta por tres astronautas, en tres misións distintas:

Skylab 2: do 25 de maio ao 22 de xuño de 1973. Skylab 3: do 28 de xullo ao 25 de setembro de 1973. Skylab 4: do 16 de novembro de 1973 ao 8 de febreiro de 1974.

Véxase tamén

Outros artigos Saturno V Saturno IVB Nave Apolo

Notas

Categoría:Estacións espaciais Categoría:NASA